Amores que matan


Hai uns anos tiven a sorte de descubrir un exquisito queixo fresco feito nun casal de Vilarmaior. Hai uns días, aproveitando un pequeno percorrido para depositar folletos e papeletas do BNG-Asembleas Abertas, nas caixas do correo das casas por esa zona, petei na súa porta para facer a compra desexada. Mentres a dona, amábel como sempre, embalaba os dous queixos, sen me poder conter acheime enfiando unha perorata sobre as funestas consecuencias do amor ou identificación que senten moitos galegos e galegas por España. Intentaba demostrar que ía parello ao desamor práctico por Galiza, por nós mesmos. A sufrida e intelixente, alén de culta, no sentido menos artificioso e administrativo do termo, señora dos queixos só de forma puntual ía facendo, pondo os ollos como pratos, algún curto comento ao meu discurso, sen que nada a alporizase ou amolase. Parecía dar a entender que as evidencias eran as evidencia e non tiña sentido algún negalas: abandono da agricultura, orquestrada en maridaxe por España e a UE; ruína progresiva das explotacións lácteas; maltrato da nosa lingua, que era a súa, polos gobernos: conteille as batallas por respectar a toponimia orixinal e prescritiva; instrumentalización sectaria da RTVG como forma de control e intento de deformación, até a caricatura, precisamente dos sectores populares e de maior idade, máis ou menos vinculados ao campo, inxectando a adoración reverencial polo flamenquismo (aquí deume unha especie de espasmo, e berrei que eu non era nin flamenco nin andaluz!!!); desprezo da administración polo mundo labregos, corroborado pola miña interlocutora con exemplos de descoñecemento do medio, mesmo na forma de combater os incendios. Aquí ela subliñou que nunca contara para nada o mundo labrego, nin os seus valores, que os tiña e moi positivos, nin os seus hábitos nin a súa experiencia ou sabedoría acumulada. Aludín a un desvergoñado anticatalanismo, destinado a facernos crer que os problemas galegos se deben aos cataláns. Negou coa cabeza e indicou que notaba que falaban os seus dirixentes en catalán pola televisión, o que lle parecía natural. Indiquei, de forma reiterada, que o noso problema, en todo caso, tería que ver con España, cos gobernos de Madrid e coa Unión Europea. Non sei o que esta señora vota, aínda que teño a miña opinión. Díxome que lía La Voz de Galicia, xornal que tiñan como de cabeceira na casa. Intentei facer unha análise sinxelo e rápido sobre a súa forma de informar sobre Galiza e a onde conduce, malia aparentes criticismos que intentan esconder a subordinación a deseños de españolización sen contemplacións. Expliquei que, por enriba e por debaixo de calquera información ou análise, pairaba sempre a idea de que nada somos sen España, sempre benéfica e salvadora para nós, como pátina de redención é a caritativa Unión Europea, que nos alivia dos nosos agobios… Tiven outro espasmo, cando aludín a tantos galegos e galegas na emigración, perdón, no mundo, sempre listísimos, ocorrentes e xente con aspiracións, ou algunha notoriedade curiosa, segundo o xornal herculino. Protestei que tanto me tiña se eramos listos ou burricáns, que non debíamos andar así polo mundo, con tan pouco beneficio colectivo. Aí lle doe -retrucou a miña interlocutora. Toca unha febra sensíbel na nosa casa… temos moitos fóra e desde sempre- sentenciou….

Ao día seguinte, arredor da mesa do café, parada obrigada no paseo que, á mañá, en compaña de Xosé Díaz, facemos rodeando a cidade vella, de súpeto, en conversa sobre a españolidade suicida de algúns sectores sociais de Ferrol cun noso compañeiro policía local, veume á cabeza como exabrupto: “Amores que matan”. Parece que a algúns lles vai o maltrato, o masoquismo e mesmo a adoración reverencial por quen os despreza e ignora. Dentro da narratoloxía tradicional, estaríamos perante a identificación coa madrasta, polo que sería unha versión colonial en toda regra. Mais agora existen varias maneiras de intentar que os amores que matan podan gozar dos recendos da modernidade máis absoluta, habida conta dos tempos de globalización que dominan, isto é, tempos de imperialismo que se pretende asumir como normais. Pero non hai que falar da realidade, mellor falemos e fagamos para agochala, porque estamos no mellor dos mundos posíbeis, onde o criticismo non pasa dun xogo para o acceso ao poder político institucional. Neste xogo, entran a funcionar ideoloxemas como o da unidade da esquerda, como forma de anular e debilitar a unidade interna do pobo galego. O pobo galego desaparece así como referencia política, mentres todo se argalla en función de cómo acceder aos gobernos de concellos, autonomías e Estado, isto é, institucións consideradas como punto de referencia da idea de España. Curiosamente, esta idea de unidade, a nivel local, convive coa atomización e o localismo máis contraproducente en termos de combate contra a dereita tan deostada, pois a favorece para o control das deputacións. Desde logo, predetermina xa a confluencia nas próximas eleccións xerais nunha candidatura estatal, como a de Podemos, e entra a formar parte dunha forma de facer política que pon Galiza ao servizo dunha alternativa española, ignorando a súa especificidade e as súas necesidades. Non acreditan quen así actúan que o pobo galego exista e que debe contar cunha alternativa política xenuína que exprese a súa vontade.

,Consecuentemente, a nosa realidade nacional fica fóra do discurso político. Este redúcese a un sarillo de tópicos e frases feitas, válido para calquera latitude do Estado. É así, en tal dimensión, que se revive o slogan do “cambio”, nunha recuperación que lembra as fraudes a que nos vimos sometidos xa no pasado, os oportunismos políticos máis descarados e as baleiras proclamas da peor política. Parece como se o tempo non tiver pasado nin as nosas experiencias colectivas mereceren algunhas conclusións de maior calado. A única novidade é o recurso desaforado á demagoxia centrada na corrupción duns, na pureza inmaculada doutros e na consideración de o sistema non ser o problema, senón selo a forma de xestionalo. O lema parece ser: eficacia, boa xestión e guerra contra os corruptos. Aquí estamos nós para xestionalo adecuadamente, chegando mesmo a afirmar que se pasa de ideoloxías, porque o importante son os problemas da xente, nun alarde de miseria intelectual que só se explica polo afán desmesurado de gobernar a calquera prezo. Non deixa de ser paradoxal que a maior contribución ao desprestixio da política proveña das ringleiras desta casta política española disposta a denigrar os partidos como algo superado, mentres copia o peor do funcionamento dos tradicionais, e limítase a funcionar como unha maquinaria electoral, ávida de triunfo. Os axentes locais galegos desta alternativa pomposamente chamada de unidade popular limítanse a repetir o deseño ditado e dirixido desde o centro de España. Naturalmente está contradita toda alusión ao problema lingüístico –pode resultar incómodo e contraproducente do punto de vista da vitoria electoral fácil-, e por suposto nada que enmarque os obxectivos políticos nunha perspectiva de Galiza como pobo ou nación, unha realidade simplemente inexistente. O mimetismo e o servilismo desta abstracta unidade popular en Galiza aos centros de decisión madrileños vén revivir un implícito amor a España que é o risco máis característico nas súas diversas manifestacións, non exentas de cantonalismo, personalismo e desunión tamén. Pode parecer estraño, pero non o é: o individualismo agroma na casa. Non en balde son os devotos confrades da unidade de España e da modernidade da Unión Europea, así como da idea de Galiza non poder por ela soia. Será por iso polo que a sitúan nun maior grao de servidume e anulación política.

O caso é desconsiderar o noso poder e potencial como pobo. Xa non hai sequera proposta de ruptura co réxime, hai acomodación. Simplemente quérese, no mellor dos casos, o reparto da torta, pois así conciben, ao meu xuízo erradamente, o poder político institucional. España, o único importante. Velaí a conclusión. Precisamente os líderes desta opción alternativa, que será todo o máis alternante, son produto da aparencia mediática española. Na Galiza a admiración paifoca polo de fóra apuntala esta operación, tan funcional para a necesaria lexitimidade dun Estado que asenta na idea dunha nación única, España. Son os amores que matan. Os amores que non nacen do que se observa, experimenta, vive e pode contrastarse… Non, é un amor idealizado, a distancia, que non permite o contacto directo. Pero de secuelas devastadoras porque funciona como unha hipnose. Afortunadamente hai na Galiza quen aposta polo, sen mimetismos nin servilismos, amor á propia realidade, ao propio país, esforzándose por converter o noso pobo en suxeito protagonista da política, pensada e exercida cunha perspectiva nosa.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.