A imbecilidade dun ministro católico e homófobo

A imbecilidade dun ministro católico e homófobo

Para fixar os puntos da argumentación, comecemos dicindo que entre as acepcións que dá o Diccionario de la Lengua Española para “imbecilidad”, está a de “Acción o dicho que se considera improcedente, sin sentido, y que molesta”.

O que dixo o ministro do interior na Embaixada de España en Roma, non só é un imbecilidade, senón tamén unha sandeza, é dicir, un despropósito, unha simpleza, unha parvada, aínda que seguramente compartida por moitos, tanto presentes como ausentes.

Pódese ser homófobo, iso forma parte da formación e das conviccións de cada un. Pódese ser homófobo e escaso de razón, neste caso ademais da educación e do xeito de pensar, pode haber unha causa persoal para actuar así. Pódese ser homófobo, escaso de razón e do PP, de maneira que ao dito anteriormente engadímoslle que é normal, porque os partidos políticos son un reflexo da sociedade e nela hai de todo. Pódese ser homófobo, escaso de razón e ministro, neste caso é unha equivocación de quen o nomeou, un accidente da política.

E ¿que dixo Jorge Fernández Díaz, ministro dun Goberno democrático? A seguinte imbecilidade:

“Si nos oponemos al matrimonio entre personas del mismo sexo, no podemos usar argumentos confesionales. Existen argumentos racionales que dicen que este matrimonio no debe tener la misma protección por parte de los poderes públicos que el matrimonio natural. La pervivencia de la especie, por ejemplo, no estaría garantizada”.

O resultado sería o mesmo, tamén unha imbecilidade, se o ministro dixese:

“Si nos oponemos al celibato y a la castidad de religiosos, religiosas y curas, no podemos usar argumentos confesionales. Existen argumentos racionales que dicen que esta opción impuesta por la jerarquía católica, no debe tener la misma protección por parte de los poderes públicos que el de otras confesiones cristianas que no lo prohíben. La pervivencia de la especie, por ejemplo, no estaría garantizada”.

A dobre moral do PP


Iñaki Oyarzabal, responsable de Dereitos e Liberdades do PP, apresurouse a dicir que as súas palabras “son personales y en nada vinculan al PP”. Está moi ben o desmarque pero non é verdade, quen falou é un ministro do Goberno de España, destacado militante do PP, participando nun ciclo de conferencias “Conversaciones en el Palacio de España”, organizado e desenvolvido na Embaixada de España ante a Santa Sé, en colaboración co Pontificio Consello de Cultura do Vaticano.

Jorge Fernández Díaz, segundo este portavoz, é como a Santísima Trinidad, tres persoas distintas nunha. Jorge Fernández Díaz cando está na súa casa, coa súa familia ou en privado cos seus amigos pode dicir o que queira porque non ten transcendencia pública. Cando fala nun acto publico, sexa do PP, ou participando nun ciclo de conferencias institucional, non fala a título persoal, senón que fala como ministro, como membro do Goberno de España que nos representa a todos, xa sexan do PP ou non, homosexuais ou heterosexuais.

A filigrana dialéctica de Oyarzabal, correspóndese coa dobre cara do PP neste asunto. Así, mentres Feijoo e Baltar asistían, á voda de José Araujo, cando era concelleiro de Cultura en Ourense, co seu noivo Nino Crespo, oficiada polo alcalde Manuel Cabezas, do mesmo partido, o PP tiña interposto un recurso ante o Contitucional, que perdeu, pola reforma do Código Civil que autoriza o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Por unha banda alagamos aos gays militantes e simpatizantes, “Todo o que cae na rede é peixe”, e por outro bailámoslle a auga á xerarquía católica e aos votantes ultra conservadores, “Deus é bo, e o demo non é malo”.

O lóxico sería que saíse a portavoz do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, para desautorizar as palabras do ministro e ao mesmo tempo anunciar o seu cese.

Todo o que hai na natureza é natural

Como a oposición do ministro ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo, segundo di, non é confesional, senón racional, imos intentar demostrar que está equivocado utilizando argumentos racionais. Como profesor que fun de Xeoloxía e Bioloxía, sei que a Natureza réxese por unha serie de principios científicos, non filosóficos, entre os que temos:

Todo o que hai na Natureza é natural, desde unha pinga de auga, unha rocha, unha planta, un microbio ou un animal como o home.

A Natureza caracterízase, precisamente, pola súa extraordinaria diversidade, consecuencia da adaptación dos seres vivos ao medio.

O home, xénero Homo especie sapiens, como un dos seres máis evolucionados, é o mellor exemplo desa diversidade. Dicía un anuncia que “non hai cousa máis distinta que dúas persoas iguais”. Nin sequera os xemelos monocigóticos son idénticos ao 100% desde o punto de vista xenético. Hai persoas altas, baixas, louras, morenas, roibas, albinas, de diferentes etnias, co grupo sanguíneo, 0 (cero), A, B e AB, con Rh+ ou Rh-. Formando parte da mesma diversidade, nos animais, e como tal tamén nos humanos, está a opción sexual que pode ser heterosexual, homosexual e bisexual, presente en todos os tempos, en todas as culturas e en todas as etnias. Xa que logo, a homosexualidade é tan natural como a heterosexualidade. E para compracer ao señor ministro e á xerarquía dicir que “Deus creou ao home á súa imaxe e semellanza” (Xénese 1:26-27), incluídos os homosexuais, masculinos e femininos, que tamén os hai entre os políticos e os eclesiásticos.

¿Garante o matrimonio heterosexual a perpetuación da especie?

Antes de afirmar que non, dicir algo obvio, que para ter fillos non fai falla estar casado, nin civilmente nin por ningunha relixión. Anque unha das finalidades do matrimonio canónico é a procreación, hai parellas que estando casadas, pola Igrexa ou civilmente, voluntariamente renuncian por diversos motivos a ter descendencia. Outras non a teñen porque un, ou os dous, poden ser estériles ou infértiles.

A descendencia lexítima nas monarquías era unha cuestión de Estado e buscábase mediante o matrimonio. Carlos II foi incapaz de ter descendencia con María Luísa de Orleáns e Mariana de Neoburgo. Fernando VII, casou cinco veces entre 1802 e 1829, e só a última esposa lle deu dúas fillas. Napoleón divorciouse de Josefina para casar con María Luísa de Habsburgo-Lorena, que lle deu un fillo. Por tanto, o matrimonio, como o entende o ministro, algúns do PP e a xerarquía católica, “unión dun home e unha muller”, non garante a perpetuación da especie, garántena os individuos, homes ou mulleres, que poden e queren ter fillos.

Pero ademais hai multitude de homosexuais vergonzantes que están casados cunha muller, coa que adoitan ter fillos, cantos máis mellor, como ocultación por medo da súa verdadeira opción sexual. Supoño que todos coñecemos algún caso.

Por ser público, recordemos o de Javier Rodrigo de Santos, ex número dous do PP no Concello de Palma de Mallorca e director da campaña electoral de Jaume Matas en 2003, que foi condenado polo Tribunal Superior de Xustiza de Baleares a 13 anos e seis meses de cárcere por abusos sexuais a menores. O fiscal pedira 24 anos de cárcere e o Tribunal Supremo rebaixoulle a condena a cinco anos.

Este señor, ultracatólico, militante e colaborador de Camino Neocatecumenal e pai de cinco fillos, gastou 50.804 euros de fondos públicos en prostíbulos y centros de relax gays. Foron feitos probados os continuos abusos sexuais, con "acceso carnal por la vía anal", por parte de De Santos a tres irmáns, dous menores, de 14 e 16 anos, e un maior de 18 anos.

Pola contra, hai homosexuais, tanto homes como mulleres, casados ou sen casar, que colaboran á supervivencia da especie recorrendo ás técnicas de reprodución asistida. Por citar casos coñecidos digamos que Elton John e o seu marido David Fumish teñen dous fillos; Ricky Martín, ten dous xemelos, e Miguel Bosé outros dous. Pero é máis. A sociedade clásica grega era homosexual pero procreaba para garantir o traballo no campo e os efectivos para a guerra. De maneira que tanto a xerarquía católica como o señor ministro, poden estar tranquilos que “la pervivencia de la especie” está garantida tanto polos heterosexuais como polos homosexuais, casados ou non.