A bordo da sexta extinción?

A bordo da sexta extinción?

Cando falamos da crecente diminución da biodiversidade no planeta estamos a falar, posiblemente, dunha nova grande extinción en marcha.

Ao longo da historia do planeta, os científicos contan con varias grandes extincións que diminuíron a diversidade biolóxica de cada momento, o que leva a menos consenso na comunidade científica é o número destas extincións.

A primeira grande extinción masiva, de carácter mariño, tivo lugar hai 444 millóns de anos, no paso do período Ordovícico ao Silúrico, os cambios drásticos no nivel do mar provocaron a extinción do 85% das especies mariñas. Posiblemente as oscilacións mariñas déronse a causa dunha idade do xeo.

A segunda, acontecida entre o período Devónico e Carbonífero, hai 380 millóns de anos, afectando ao 83% das especies mariñas. Posiblemente a causa do vulcanismo. A terceira, acontecida entre o Pérmico e Triásico, hai 250 millóns de anos, daquela extinguíronse o 96% das especies mariñas e o 70% das especies terrestres, a causa do vulcanismo ocasionado polo impacto dun meteorito.

A cuarta, entre os períodos Triásico-Xurásico, hai 210 millóns de anos. Posiblemente a causa da deriva continental e o vulcanismo. Esta etapa acabou coa maioría dos réptiles placodontos e mamiferoides, grandes anfibios… Os únicos réptiles mariños que sobreviviron foron os ictiosauros e plesiosauros. Os nichos ecolóxicos libres permitiron o rápido desenvolvemento de réptiles máis evolucionados como foron os dinosaurios.

A quinta deu lugar a finais do Cretácico cara o Terciario, hai 65 millóns de anos. A causa dun meteorito. Desapareceron o 80% das especies e sobre todo os grandes réptiles, permitindo o desenvolvemento dos mamíferos.

Mais, estas extincións tiveron duracións variables, entre 10 e 1 millón de anos, con excepción dalgunha, como a quinta, que é considerada de curta duración a causa da colisión dun meteorito e á inmediatez das súas consecuencias.

A expansión humana dende o continente africano deuse dende hai 100 mil anos, momento coincidente co principio da desaparición da megafauna, como o mamut, o rinoceronte lanudo e outros mamíferos de grande tamaño. Mais a extinción das especies continúa, e mesmo acrecéntase vertixinosamente, no momento actual. Coñécese a desaparición de 177 especies de megafauna, os últimos representantes mariños da megafauna, os grandes cetáceos, son dende hai décadas o símbolo da loita pola biodiversidade, mais non se conseguiu deter o seu exterminio. A velocidade de desaparición de especies acelerouse en máis de cen veces nos últimos cincocentos anos, estímase a desaparición de máis de 600 especies dende esa época, en condicións normais precisaríanse 10000 anos para que desapareceran as especies que se extinguiron nos últimos 100 anos.

Que coñecidos nos faltan?

Hai centos de anos estabamos rodeados de animais que hoxe en día xa non habitan o planeta, é o caso do zebro (Equus hydruntinus), un équido salvaxe que habitaba os montes galegos, de aí o topónimo do Cebreiro. O caso do pinguín ou arao xigante (Pinguinus impennis), extinguido nas augas do norte de Europa a finais do século XIX. A chegada do ser humano a novos espazos durante as descubertas da idade moderna levou a desaparición da fauna de illas e lugares remotos en poucas décadas, como o manatí de Steller (Hydrodamalis gigas), extinguido tan só vintesete anos despois de ser descuberto, no mar de Bering. Mesmo algunhas especies de ampla distribución, no seu momento, deixaron de frecuentar as augas europeas, como a balea gris (Eschrichtius robustus) ou a balea vasca (Eubalaena glacialis) ao ser cazadas ata a última.

Pode que haxa debate científico a respecto da comprobación efectiva ou non de estarmos sobre a sexta extinción (para ler máis: http://advances.sciencemag.org/content/1/5/e1400253.full-text.pdf+html), e que esa situación cree desconfianza e incredulidade no público, mais a realidade é que tod@s somos conscientes da difícil situación ambiental e do seu comprobable deterioro durante a propia vida dunha persoa. O mesmo pasa co galego, polo que a situación ambiental e a do idioma, lamentablemente, vai moi parella.

É por iso que debemos poñer o ambiente, e a lingua, no centro dos debates SEMPRE, falemos de nación ou mesmo da fórmula de concorrencia electoral para a representación da Galiza no Estado.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.