75 anos da Lei de represión da masonería e o comunismo

75 anos da Lei de represión da masonería e o comunismo

O próximo 1 de marzo, -infausta efeméride- cumpriranse 75 anos da promulgación da “Lei de Represión da Masonería e o Comunismo” (1-3-1940).

No “Diccionario enciclopédico da Masonería” dísenos que esta é unha Asociación universal, filantrópica e progresiva; procura inculcar nos seus adeptos o amor á verdade, o estudo da moral universal, das ciencias e das artes; desenvolver no corazón humano os sentimentos de abnegación e caridade, a tolerancia relixiosa, os deberes de familia; tende a extinguir os odios de raza, os antagonismo de nacionalidade, de opinións, de crenzas e de intereses, xunguindo a todas as persoas polos lazos da solidariedade, e confundíndoas nun tenro afecto de mutua correspondencia. Procura, en fin, mellorar a condición social das persoas por todos os medios lícitos, e especialmente pola instrución, o traballo e a beneficencia. Ten por divisa Liberdade, Igualdade e Fraternidade.

Por defender estes postulados a masonería galega e española sufriría unha represión feroz e prolongada no tempo. Aínda o dictador, en 1975, seguía a falar da “conspiración xudeo-masónica”.

Cronoloxía xeral da represión da masonería

Aínda que hai algunha medida anterior, será dous meses despois do inicio da sublevación, o 15 de setembro de 1936, cando Franco emita e asine a primeira disposición directamente dirixida contra a Masonería, que no seu artigo 1º di que esta, e outras asociacións clandestinas, son declaradas contrarias á Lei. Todo membro que permanecese nelas tras a publicación do edicto sería considerado como crime de rebelión. O mesmo delicto, xunto cunha multa de 5.000 pta, tería o cobro ou pagamento de cotizacións a esas asociacións. Non queimar, polos seus posuidores, toda clase de material relacionado con elas, nun prazo de tres días, consideraríase crime grave de desobediencia, con multa aparellada de 10.000 pta. Por último, decrétase a incautación dos inmobles desas entidades. As outras “asociacións clandestinas” serían os clubs rotarios e as sociedades teosóficas.

,
O proceso represivo continúa

O 20 de abril de 1937 créase a Oficiña de Investigación e Propaganda Anticomunista (OIPA), entre cuxos fins establecíase recoller, tanto en zona ocupada como nas que se fosen ocupando, a maior cantidade de probas das actividades marxistas en España, así como en particular das sociedades masónicas. Un mes despois (29 de maio de 1937), créase a Delegación de Asuntos Especiais coa finalidade de recoller toda a documentación referente a actividades das “Sectas Secretas”. Esta información acumulada levará a que o 26 de abril de 1938 se publique un Decreto polo que se dispón a creación da Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos, adscrita ao Ministerio de Interior, ubicada en Salamanca. Dun traballo de Ramón Viñals extraemos o dato de que un informe dese organismo, do 25 de agosto dese ano, dá conta a Franco de térense clasificado e catalogado, ata ese momento, preto de 15.000 expedientes individuais, máis de 26.000 fichas de masóns, 1.300 libros de actas e de administración de loxas, e uns 1.900 expedientes (actividades masónicas, loxas de España e estranxeiras…). Esa documentación servira para expedir informes ao Ministerio de Defensa, varias Auditorías Militares, Xulgados Militares, Comisións Depuradoras…

Pouco antes de rematar a guerra, o 9 de febreiro de 1939 publícase a Lei de Responsabilidades Políticas, que se lle aplicaría a todo sospeitoso de “esquerdista”, e en cuxa parte dispositiva pódenser ler varias disposicións contra a masonería.

E chegamos ao 1 de marzo de 1940, data da Lei de Represión da Masonería e o Comunismo (BOE de 2-3-1940, núm. 62, páx. 1537-1539), que representa a culminación da lexislación represiva. Ao longo de 14 artigos, establécese todo o proceso: a quen abranguía, circunstancias agravantes (por exemplo, ostentar do grado 18º ao 33º) ou atenuantes, tipo de penas, obriga de presentar unha Declaración-retractación…

No Preámbulo desta lei queda perfectamente clara a visión que tiñan:

“Acaso ningún factor, entre los muchos que han contribuido a la decadencia de España, influyó tan perniciosamente en la misma y frustró con tanta frecuencia las saludables reacciones populares y el heroísmo de nuestras Armas, como las sociedades secretas de todo orden y las fuerzas internacionales de índole clandestina. Entre las primeras, ocupa el puesto más principal la masonería, y entre las que, sin constituir una sociedad secreta propiamente, se relacionan con la masonería y adoptan sus métodos al margen de la vida social, figuran las múltiples organizaciones subversivas en su mayor parte asimiladas y unificadas por el comunismo”.

Como non, a masonería tiña a culpa da perda do “imperio colonial español”, e a súa acción víase na Guerra da Independencia, nas guerras civís que asolaran a España no XIX, na caída da Monarquía constitucional… Minara a etapa da Dictadura e estaría detrás dos numerosos crimes de Estado. Isto culminara na “terrible campaña atea, materialista, antimilitarista y antiespañola que se propuso hacer de nuestra España satélite y esclava de la criminal tiranía soviética”. Como colofón, e por se o anterior no abondase, “al levantarse en armas el pueblo español contra aquella tiranía, no cejan la masonería y el comunismo en su esfuerzo”, proporcionando armas ou medios económicos aos “opresores de la Patria”, espallando atroces calumnias “contra la verdadera España”, “callan y escuchan los crímenes perpetrados por los rojos, cuando no son cómplices en su ejecución”…., demorando, por diversos medios, “nuestra victoria final”.

Como consecuencia da anterior Lei, créase e entra en vigor, o 4 de xuño do mesmo ano, o Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo (TERMC), máquina infernal que, no momento da súa extinción, o 2 de decembro de 1963, e pasando as súas funcións ao Tribunal de Orde Pública (TOP), entregoulle 48.000 sumarios conclusos.

,A represión en Galicia

Cal fora a presenza da masonería en Galicia nos anos previos e durante a II República? Á obediencia maioritaria, o Gran Oriente Español, tivo 13 loxas e 5 triángulos, en cidades e vilas como A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, O Vicedo, Pontevedra, Vigo, Marín, Ourense e Barco de Valdeorras. A minoritaria, a Gran Loxa Española, dúas loxas e tres triángulos (A Coruña, Ourense, Santiago, Betanzos e Viveiro).

Non hai ningún traballo que aborde en conxunto a represión da masonería en Galicia. Da consulta de publicacións de Luis Lamela, Alberto Valín, Xulio Prada, María Xesús Souto, Alfonso Santos ou Xosé Manuel Suárez, entre outros, ofrecemos agora unha síntese do que representou.

Producida a sublevación fascista, nunha primeira fase represiva éntrase nos templos masónicos (onde os había), incautándose a documentación. Procédese á detención dos masóns (por Falanxe, Caballeros de la Coruña, milicias…) que son interrogados (con torturas e palizas en moitos casos) para que proporciones nomes de “irmáns”. Detense aos novos que se van coñecendo, continuando a espiral. Prodúcense os primeiros “paseos” ou fusilamentos. Os que foran postos en liberdade volverán a prisión. Comezan as multas. A maioría dos masóns permanecerán encarcerados varios meses (ou mesmo anos). Algúns acadan fuxir; outros, como é o caso da cidade da Coruña (non todos), por unha extraña benevolencia do gobernador civil, Florentino González Vallés, conseguen pasaporte para marchar a América (Cuba, EEUU, Arxentina…) ou Portugal. Algúns (moi poucos) ingresan na Falanxe e colaboran co novo réxime.

Unha segunda fase iniciaríase como consecuencia da documentación requisada, das declaracións obtidas e dos numerosos documentos que se lle incautaran ao Venerable Mestre da loxa “Constancia nº 13” de Ourense, Abdón Vide Villanueva. O alférez Ángel Colmeiro Laforet, xuiz instrutor, abre a Causa 155/1937 de Galicia e Asturias. Son máis de 740 os encausados. Outra vez volven as detencións, os encarceramentos, as depuracións, as inhabilitacións. Este alférez, sen embargo, defendía certas garantías xurídicas. Tamén foi remiso a mandar toda a documentación que se lle pedía dende Salamanca e facilitou tamén a saída dalgún masón ao estranxeiro… Sería “premiado” como rexistrador da propiedade no Golfo de Guinea…

Por último, coa aprobación das xa citadas Lei de Responsabilidades Políticas e Lei de Represión da Masonería e o Comunismo, e a creación do TRMC, os masóns galegos (e españois) sufrirán outra nova vaga represiva. Continuarán as persecucións, o cárcere, desterros, multas, declaración de retractacións… A media das condenas, que levaban aparellada a inhabilitación, é de 12 anos e un día de reclusión menor, pero os que ostentaban do grado 18º ao 33º vían incrementadas as penas ata 20-30 anos.

Por poñermos só un exemplo, no caso da loxa “Vicus nº 8” de Vigo (cinco dos seus membros foron asasinados), infórmanos Luis Lamela que dos procesados polo TRMC houbo as seguintes condenas: catro, a 30 anos de reclusión maior; un a 25 anos de reclusión maior; un a 16 anos de reclusión menor; 31 a 12 anos e un día de reclusión menor; 11 a inhabilitación absoluta e perpetua; dous faleceran antes de ditar sentencia e tres foran absoltos. Unha radiografía perfectamente homologable a calquera zona.

Cos que colaboraron co Réxime (uns poucos) as condenas –non sempre- serían algo máis benévolas. Hai algunhas absolucións e, noutros casos, co tempo, redución da pena ou cambiar cárcere por desterro. Pero á inmensa maioría esperaríanlle anos de sufrimento.

Nestas sucesivas vagas represivas, preto de medio centenar de masóns, algúns con importantes responsabilidades políticas ou institucionais (gobernadores civís, alcaldes, deputados…), perderán a vida (fusilados, “paseados” ou como consecuencia dos padecementos no cárcere), en diversas ciudades galegas: Antonio Carballo Vázquez, Segundo Echegaray García, Inocencio Taboada Montoto, Manuel Lustres Rivas, Francisco Pérez Carballo, Joaquín Martín Martínez, Manuel Quesada del Pino, Gonzalo Tejero Langarita, José Miñones Bernández, Rafael Fernández Casas, Bernardo Hernández Ares, José López Bouza, Víctor Abeal López, Luis Pérez Carballa, Ernesto Torrente Patiño, Matías Usero Torrente, Ramón Ríos Sordo, Andres Cores Arévalo, Antonio Ramonde Valiño, Ánxel Casal Gosenxe, Camilio Díaz Baliño, Jesús Parrado Baamonde, Manuel Suárez Castro, José Fernández Pérez, Luis Izquierdo Balbuena, Gonzalo Martín March, Ángel Ramonde Gregorio, Enrique Sanmartín García, Amancio Caamaño Cimadevila, Manuel Guillán Abalo, Manuel Pedreira Pazos, Maximiliano Pérez Prego, Rafael de Vega Barrera, Ramón García Núñez, Jesús Castaño Galdo ou Avelino López Otero. Outros perderon a vida noutras cidades fóra de Galicia.

Para todos estes mártires vai dedicada esta lembranza.



,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.