Unha aproximación histórica á experiencia soviética

Unha aproximación histórica á experiencia soviética

A liquidación do poder capitalista é a condición necesaria para o inicio dun tránsito cara unha sociedade libre de opresión e de explotación. Aínda que ata de agora a superación do capitalismo non foi posíbel a nivel mundial , a experiencia histórica xa amosou repetidamente, para ben da humanidade, a realización da súa posibilidade, aínda que dun xeito incompleto e transitorio. A partir da Comuna de Paris, a Revolución soviética foi a primeira que se mantivo no Poder, portadora dun proxecto de emancipación social sen exclusións, a diferencia das pasadas revolucións que o foron sempre en beneficio dunha minoría social emerxente para poder constituírse en clase dominante sobre o conxunto social.

Porén, a experiencia soviética foi condicionada negativamente na súa transición pos-revolucionaria por varios motivos. En primeiro termo, tivo lugar nun pais como Rusia, situado na periferia do sistema capitalista mundial, dotado dun aparello produtivo atrasado e deformado, alleo aos seus intereses nacionais e populares por causa do intercambio desigual e a dependencia tecnolóxica do centro capitalista. A inxerencia e agresión imperialista occidental non deron tregua dende o principio da Revolución, obrigándoa a defenderse dun brutal acoso exterior. O Imperialismo fixo todo o posíbel e moito máis, para poder esmagar este proceso emancipador do pais , e en todo caso, condicionalo de tal xeito que o forzara a afastarse de todo obxectivo liberador do pobo.

Na Revolución Soviética estaba previsto polos seus promotores bolxeviques que Alemania e Centroeuropa serían arrastradas por este proceso revolucionario. Sen esta condición estaban convencidos que non sería viábel a construción da nova sociedade socialista na Rusia atrasada. Mais este feito non aconteceu e a Revolución foi derrotada en Alemania, Hungría....As consecuencias para a nacente Unión Soviética foron demoledoras, e esta tivo que renunciar temporalmente aos obxectivos máis salientábeis da Revolución, para poder subsistir nunhas precarias condicións de cerco e guerra civil, e resistir agardando a tempos máis propicios, ou renderse ante o Imperialismo. Non obstante a simple existencia da Unión Soviética, aínda que acosada e en conflito permanente con Occidente, axudou ao impulso de movementos sociais emancipadores e de Liberación Nacional.

No aspecto económico, por imperativo da necesaria acumulación para a creación dunha base industrial moderna, a Unión Soviética recorre a relacións de produción capitalistas (NEP) (Nova Economía Política) abandonando o “comunismo de guerra”(igualdade total na penuria). Tamén se dota dun Aparello de Estado poderoso, centralista, burocrático e autoritario, que esmaga toda disidencia, socavando as liberdades democráticas e a participación popular, para defenderse do exterior capitalista vinculado intensamente cos sectores sociais derrocados ou con calquera oposición. Incluso o partido bolxevique é liquidado, sendo os seus restos absorbidos polo aparello estatal, tamén os soviets e as organizacións obreiras. Mais podemos afirmar que sen este Estado militarizado, a Unión Soviética podería haber sido derrotada pola Alemania Nazi na II Guerra Mundial( A Gran Guerra Patria). A erradicación da Barbarie Nazi, por moito que Occidente capitalista tente de reescribir a historia, foi grazas a Unión Soviética no fundamental e permitiu liberar a humanidade desta terríbel ameaza naquela época, aínda que, hoxe a Barbarie rexorde baixo outras formas e actores, pero sempre baixo a éxida do Capital.

A nova situación posbélica, unha vez derrotada Alemania, permitiu aos EEUU postularse como o Imperio dominante en substitución do Imperio Británico, que enfrontándose coa Unión Soviética deu lugar ao Mundo Bipolar (A Guerra Fría). Nesta longa etapa que remata coa disolución da Unión Soviética, a maioría de seus recursos e esforzos foron empregados para confrontar co Bloque occidental capitalista, sendo a maioría da produción industrial adicada ao sector militar en detrimento do consumo civil. Por outra banda é abandonado todo o traballo dirixido a afondar na vía do Socialismo para centrarse na confrontación co Occidente capitalista. A teoría soviética chegou a considerar que o carácter comunista ou non dos individuos e das organizacións, estaba determinado pola súa posición cara o Estado soviético, como principal obxectivo a defender. Nestas circunstancias, a loita polo liderado no chamado “campo socialista” prodúcese co conflito chino-soviético, Iugoslavia......e a doutrina da “Soberanía limitada” na Europa Oriental (Pacto de Varsovia), negadora do dereito á Autodeterminación dos seus pobos.

Co tempo , o modelo soviético de xestión de centralismo burocrático entra en crise fronte a competencia política, militar e económica do bloque capitalista liderado polos EEUU, xa que a Unión Soviética non se beneficiaba do intercambio desigual como o facía o Occidente capitalista e incluso gran parte da súa produción militar era regalada a outros países, para gañar unha dubidosa influenza no mundo, o que repercutiu negativamente no nivel de vida do pobo soviético.

Todos os posteriores intentos innovadores para a superación do estancamento derivado da crise, orientáronse cara unha descentralización burocrática, que en derradeira instancia levaron ao desmantelamento do “Socialismo real” soviético. Pero o máis negativo é que todos os intentos reformistas que se acometeron, responderon en exclusividade á necesidade de modernización do modelo de xestión económica para a mellora da produción civil, máis que a un proxecto político orientado a avanzar nunha transición socialista transcendente do capitalismo. Neste contexto, xorde unha xeración de directores de empresas estatais , allea a calquera compromiso co Socialismo, e proclive á corrupción, que pugna por liberarse da ideoloxía oficial e do aparello político , mediante o afondamento da autonomía das empresas e a liberdade de xestión, liberándose do control da planificación central por enriba, e do control dos traballadores e do Partido(PCUS) por abaixo, xa moi desorganizados. Ao final, os directores de empresas e os seus séquitos, fanse co control do PCUS, que xa non é máis que un apéndice dun Estado en proceso de descomposición . Na derradeira etapa Occidente irrompe abertamente, provocando unha aguda desvalorización da economía soviética , ante a pasividade e colaboración dos últimos dirixentes da URSS, facendo posíbel a privatización e o saqueo das empresas estatais polos seus directores, xa vinculados ao entrelazado financeiro do Occidente capitalista.

Mais, non todo foi liquidado coa implosión da Unión Soviética. Quedaron algúns sectores importantes imbuídos de patriotismo, que foron moi coidados coa política soviética, o que evitou a guerra civil que tentou de introducir Occidente, para a destrución definitiva de Rusia como país, blindáronse ante estes tráxicos acontecementos. A industria armamentista e espacial, e os servizos de intelixencia e seguridade (KGB) que se manteñen relativamente intactos e se mobilizan establecendo certo consenso con outros sectores ante a necesidade de resgardar a Soberanía Nacional de Rusia, para evitar a súa desaparición, que promove o Occidente imperialista. Sobre estes dous sólidos piares do legado soviético, que paradoxalmente constituíron os principais atrancos para un desenvolvemento dun Socialismo democrático e participativo na URSS, emerxe unha nova Rusia que recupera o papel do Estado para volver a ser un poderoso pais Soberano, que hoxe ten como meta principal a defensa da súa Soberanía e a de todos os Estados e nacións do mundo. Tamén, a non inxerencia e respecto ao Dereito de Autodeterminación das nacións, avogando por un mundo multipolar contrario ao Imperialismo unipolar do capitalismo occidental.

A experiencia soviética lévanos a conclusión de que, en xeral, hoxe o Estado-Nación ou Pluri-nacional é incompatíbel co Socialismo. Por que? Porque nun mundo baixo o Imperialismo Global, os Estados necesitan dun aparello burocrático e militar para poder subsistir ante as agresións e a inxerencia Imperialista. Nestas condicións a transición ao Socialismo e practicamente imposíbel; mais tamén hoxe, o Estado-Nación é o único marco posíbel para o desenvolvemento dos dereitos humanos, das liberdades democráticas e do benestar social e material dos pobos, fronte ao Imperialismo. A multiplicación de Estados-Nación Soberanos preséntanse hoxe como a única vía eficaz para derrotar ao Imperialismo Global, e deste xeito, facer compatíbeis os Estados-Nación co Socialismo.,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.