“Castela nación, España non”

SONY DSC
“Castela nación, España non”

Castellanos de Castilla,
tratade ben ós galegos;
cando van,van como rosas:

cando vén, vén como negros,

“Castellana de Castilla,
tan bonita e tan fidalga
mais a quen para ser fera
ca procedencia lle abasta

Con estes versos, Rosalía de Castro manifesta a súa xusta indignación ante os atrollos e axes cometidos polos casteláns, homes e mulleres, contra o pobo galego; neste caso representado polos labregos que ían segar a Castela. Pero isto non foi o único, houbo moito mais; comezando polo esmagamento do Reino de Galiza polo Reino de Castela e Aragón ante o proceso de xestación do Imperio español.

No presente, estes feitos históricos amósanos o que en tantas ocasións ocorre co asoballamento duns pobos por outros. Aquí repítese até a saciedade; que os `pobos que participan no sometemento, por activa e por pasiva, doutros pobos, non poden ser libres ou perden a súa liberdade no caso de a teren previamente. Porén, este fenómeno elévase a categoría de principio universal.

O certo é que, na actualidade o pobo castelán tamén é dominado pola armadilla españolista, que comeza e se manifesta coa oposición popular ao proxecto imperial na resistencia comuneira castelán; sendo Villalar dos Comuneiros a referencia principal desta loita incipiente do pobo castelán pola Soberanía Nacional de Castela. Castela é hoxe unha nación esmagada, sendo manipuladas as súas identidades culturais pola rede españolista para someter a outros pobos e nacións da Península Ibérica.

No ámbito do Estado español, o nacionalismo opresor non existe, pois España non é unha nación; é unha construción política opresiva aderezada con elementos usurpados a outras identidades nacionais. Castela aportou a súa lingua para anular as outras linguas peninsulares e tamén un catolicismo integrista, inquisitorial e excluinte, ademais doutras formas culturais non casteláns; como unha parte deturpada da cultura andaluza.

Un conxunto de alicerces manifestamente insuficientes para constituír unha nación, e un Estado – Nación. Desde o século XVIII, da man da dinastía borbónica co Imperio español xa fracasado, España pasa a constituírse nunha nación artificial, establecendo a súa capital Madrid sobre unha vila de orixe mourisco (Magerit), nun anaco de territorio castelán. Constrúese logo, unha macro urbe sen recursos propios a expensas da depredación e saqueo dos pobos que domina na Península, coa imposición dunha centralización abafante baixo a éxida dos Borbóns e a súa bandeira de cor vermella e marela do pendón dinástico. Os cambios posteriores na cúpula estatal españolista, derivados das súas contradicións sistémicas e non antagónicas, engaden a cor morada do pendón comuneiro de Castela na bandeira tricolor, cando adopta o réxime republicano. Unha incongruencia que aínda hoxe manteñen no españolismo de esquerdas.

A concentración do poder españolista, na monstruosa e insostíbel capital, leva a centralización política e económica a expensas dos pobos e nacións ibéricas. Galiza é reducida á condición de colonia da que se extrae sen intercambio o seu produto e a riqueza dos seus recursos naturais; o que impide a súa acumulación no seu marco galego. Tamén as cidades casteláns foron empobrecidas e despoboadas; sendo absorbidas pola macro urbe madrileña para rematar a maioría dos seus habitantes constituíndo parte da clase traballadora explotada da capital, hoxe cunha vida en precario e un incerto futuro.

Por tanto, a diferenza doutras latitudes, non se pode falar dun nacionalismo opresor no Estado español, ao non existir unha nación opresora consolidada e sen perspectivas de selo no futuro, todo o contrario; mais si de varias nacións e pobos sometidos por un aparello estatal centralizado chamado España, onde as autonomías concedidas e repartidas están subordinadas no fundamental, a única Autonomía realmente existente; a Autonomía de Madrid que concentra todo o poder sen control democrático do territorio dun Estado español decadente, hoxe sen Soberanía propia baixo o mandato da Troika europea e global. Neste contexto,a loita patriótica pola Soberanía Nacional de Galiza axuda a loita pola Soberanía das nacións e pobos peninsulares e viceversa., incluída a Soberanía de Castela fronte ao centralismo españolista. A loita nacionalista independente, é por esencia unha loita solidaria, democrática e contra sistema por ser antagónica co poder imperialista global, tamén no Estado español.

No pensamento marxista, a cuestión nacional presenta desde os seus comezos unha grande ambigüidade. A maioría considera que as nacións son un feito episódico ligado ao ascenso da burguesía, que rematará coa desaparición do antagonismo social fusionándose nunha comunidade mundial uniforme. O esperanto, como intento dunha lingua universal, foi un exemplo do predominio destas aberrantes ideas. Os herdeiros daquel marxismo, os socialdemócratas euro-céntricos fai xa tempo que o abandonaron apostando pola democracia capitalista mundial, ao comprobaren que as Nacións e os Estados son un atranco para a globalización e necesitan ser delindas; malia que o antagonismo social se mantén, e mesmo se agudiza, entre unha oligarquía global cosmopolita e unha inmensa maioría de pobos e nacións que hoxe soportan a tiranía e explotación desta minoría. Outra corrente marxista minoritaria, Otto Bauer, V.I.Lenin, e outros, considera que coa liberación nacional e social, lonxe de desaparecer, se incrementa a diversidade nacional, coa emerxencia de novas nacións ao non topar coas trabas da opresión que impide o seu desenvolvemento. A diversidade e pluralidade nacional é a riqueza da humanidade, a uniformidade é a súa pobreza e decadencia.

A liberación dos pobos do ámbito do Estado español, permitirá sen dúbida, a emerxencia de novas nacións soberanas na Península Ibérica, ademais da consolidación das vellas como Galiza, Euskadi e Cataluña cos seus respectivos Estados, xunto con Portugal. Esta nova situación é incompatíbel coa presenza dunha nación opresora e imposíbel dentro do Estado, xa que o exercicio do dereito á Autodeterminación dos pobos e das nacións, require dunha existencia estatal independente, é dicir, un Estado propio para poder decidir en liberdade. A Soberanía.