Unha sentenza que dá carta branca para que a Xunta deseñe Camiños de Santiago á carta

Unha sentenza que dá carta branca para que a Xunta deseñe Camiños de Santiago á carta

Entre os moitos perigos que axexan ao patrimonio histórico e cultural, hai dous desgraciadamente inevitables que son os políticos ignorantes e os funcionarios transformados en burócratas. Nunha democracia os que ocupan cargos públicos para desenvolver unha función ou se elixen democraticamente ou son designados ou elixidos por outros políticos. Aínda que se adoita dicir coa boca pequena, porque está mal visto, que o pobo cando elixe non se equivoca, non é certo, e o mesmo lle pasa aos políticos cando escollen aos seus colaboradores. Exemplos sobran.

É certo que o político non ten que saber de todo, para iso se inventaron os "asesores". O problema está en que se perverteu esa función e agora asesor é un asalariado do partido que desempeña unha función diferente, e por tanto non asesora. Tamén o político ignorante podería recorrer a expertos en determinadas cuestións, pero xeralmente considera que non lle fai falla, porque para iso conta cos funcionarios que ten no seu servizo.

En canto aos funcionarios xeralmente o seu acceso á función pública faise mediante unha oposición ou un concurso oposición, logo de ter unha titulación e superar unhas probas coas que se trata de comprobar a súa competencia. Pero neste caso, aprender un temario e ter éxito nunhas probas non mostra o grado de incompetencia que pode chegar a alcanzar o funcionario cando co paso do tempo se converte nun mal burócrata.

Vén isto a conto da sentenza que acaba de dictar a sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestima os recursos presentados contra o Decreto da Consellería de Cultura pola que se aprobaba a delimitación do Camiño Primitivo de Santiago e que foi recorrida por varias asociacións culturais, agrupadas no chamado Foro do Camiño, por entender que non se respectaba a traza histórica.

É dicir, a Xustiza, á que recorren uns colectivos sen medios económicos para afrontar os custos da demanda, e para recorrela, aos que non lles move máis interese que o que se respecte o que a lexislación e órganos internacionais como a UNESCO din sobre estas cuestións, ponse ao lado dunha Administración chapuceira, que reiteradamente demostra coas súas accións ser incapaz de cumprir coa súa obriga legal de protección do Patrimonio.

A cuestión do litixio

Varias asociacións, a maior parte delas dedicadas á protección do patrimonio cultural, histórico, etnográfico e medioambiental, solicitaron que se declarase a nulidade do acto administrativo que se recorría e que se decretase a retroacción do procedemento para unha nova proposta de delimitación nos lugares nos que a traza histórica do camiño fora suplantada por outra totalmente allea á súa autenticidade, de acordo coa proposta que se facía no informe pericial, rigorosamente documentado grazas aos estudos realizados durante anos por historiadores do tema.

Pero este intento duns cidadáns que desexan que as cousas se fagan ben, atópanse coa decepción de quen, tamén por obrigación do seu cometido, deberían como se adoita dicir, fiar máis fino e poñerse ao lado, primeiro da lei, da que os tribunais son garantes de que se cumpra, e en segundo lugar da parte máis débil, segundo proclama un dos principios xerais do dereito, porque con decisións así o único que se consegue é consolidar e dar por boa unha falsificación do trazado histórico do Camiño que vulnera a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago, bendí a chapuza da consellería correspondente, dando pulo así aos políticos que a dirixen e aos burócratas responsables de tal feito que quedan convencidos de que o están a facer moi ben e que esa é a liña a seguir. O outro dano, moi grave, é a desconfianza que se xera no sistema xudicial.

Argumentos das partes

As asociacións denunciantes entendían que a delimitación oficial daba primacía a criterios de consolidación de itinerarios fraudulentos, apartados da autenticidade histórica e desviados por estradas, consolidando e avalando as apropiacións da calzada pública e a conseguinte destrución da paisaxe cultural, á vez que se incumpren os criterios de autenticidade esixidos pola UNESCO para os bens incluídos na lista do Patrimonio Mundial. Na demanda facíase fincapé na necesidade de que os conceptos xurídicos implicados na delimitación precisan dunha concreción técnica, motivada e exteriorizada, debendo primarse a protección do territorio histórico, a súa conservación, rehabilitación e recuperación.

Pola súa banda a Consellería, na súa defensa, insistiu en rebaixar o tratamento xurídico protector do Camiño Francés restando importancia ao concepto de "territorio histórico", afirmando que non é un ben do patrimonio cultural anulando as zonas de respecto e contornas. Optou por unha posición que cualifica de "razoable" e "prudente" que non implique cargas ou limitacións aos cidadáns para non levar a efecto un exercicio "desproporcionado" da súa potestade administrativa.

Esta actuación pasiva implica desvirtuar e supeditar os valores do Camiño de Santiago en favor de intereses alleos de carácter especulativo, como particulares que se apropian do camiño ou queren que lles pase por diante do seu negocio de hostalería, e político, como o alcalde que insiste para que lle pase pola capitalidade do seu municipio.

Pero o máis grave é que alude á propia declaración da UNESCO como aval para as súas argumentacións, sen facer ningunha mención á falta de coñecemento da demanda por parte do organismo internacional dado que non lle foi comunicada pola administración galega e de que o proceso estaba sub judice e cuestionado desde amplos sectores culturais, académicos e ambientais.

,Resolución do Tribunal

A sentenza resolve non entrar a analizar o desglose técnico da demanda asumindo no plano lexislativo o enfoque teórico da Administración, motivo polo cal non se pronuncia sobre a prolífica casuística reclamada no plano técnico-científico, aceptando por principio unha interpretación sui generis da Lei de Protección dos Camiños de Santiago segundo a cal dita norma non establece de forma precisa a metodoloxía de delimitación a empregar, nin se refire á necesidade de levala a cabo, exclusivamente, en base a momentos históricos concretos nin trazas orixinarias, configurando o lexislador o Camiño de forma viva e dinámica. Dito de forma clara, é o que a Consellería ven denominando "un camiño para o século XXI", por iso o acondiciona e o trata como se fose unha estrada.

Este suposto dinamismo e versatilidade que a entender do tribunal anda mudando dun lado para outro a traxectoria física dos camiños reais a capricho do lexislador, anque mais ben o habería que atribuír á ignorancia, foi o que permitiu, por exemplo, implantar oficialmente o Camiño Norte de Santiago sobre a Ponte dos Santos na ría de Ribadeo, inaugurada en 1987 e ampliada en 2008, fracturando a traxectoria tradicional do Camiño ata o punto de non enlazar co itinerario asturiano. Tal interpretación dá por boa e aplaude situacións tan absurdas como esta. Aínda máis, asegura o alto tribunal galego que a mencionada lei non establece con exactitude os límites dos conceptos xurídicos empregados..., dando como solución unha “aplicación por juicios disyuntivos” (?).

Deste xeito, a sentenza asume que existe un baleiro legal que permite realizar as delimitacións dos camiños históricos sen que prevaleza o criterio histórico, deixando á discreción da Administración o deseño das rotas xacobeas conforme a outros intereses non obxectivables no plano empírico, ao tempo que a suposta incompetencia lexislativa acaba por cargar sobre os administrados a falta de rigor na norma que rexe a identificación e protección dun ben cultural da máxima relevancia histórica, deixándoos indefensos e mesmo conducíndoos a procesos xudiciais inútiles por principio.

Afirma tamén que “el trazado físico no deja de ser una manifestación añadida a los demás valores culturales que conlleva el Camino” (?). Pero para os demandantes, a traza física é un ben cientificamente obxetivable e protexible xuridicamente, columna vertebral dos valores que configuran o seu territorio ao longo da historia.

Asombrosamente, na sentenza advírtese que “aun si se entendiese que la historicidad es el único criterio determinante”, os demandantes nunca afirmaron que fose o “único” criterio, senón o “principal”, aínda así, afirma, sería necesario que os demandantes acreditasen suficientemente por que dita cualidade non é predicable do trazado oficial recorrido.

Tal acreditación constitúe a totalidade do corpo da reclamación, que malamente pode coñecer o tribunal dado que non entrou a valorar ningún dos seus múltiples apartados concretos, sobre os cales se fixo unha reclamación individualizada e argumentada, incluíndo a análise diacrónica do Camiño por capas cartográficas que constatan o desvío oficial a estradas e pistas forestais abandonando a calzada histórica, trazas fraudulentas por falta de rigor, treitos de camiño histórico cortado ou apropiado por particulares, asentamento de variantes sen aval histórico algún, omisión de estudo e catalogación da paisaxe cultural incluíndo as conexións históricas e patrimonio material e inmaterial asociado, etc.

Por outro lado esta sentenza dificilmente se compadece co articulado da Lei de Protección en aspectos esenciais como o seguinte (art. 2.3): “Adquirirán natureza demanial os tramos que se vaian recuperando do Camiño histórico que estean aínda en mans privadas. Mentres non se recuperen constitúese unha servidume pública para o paso do Camiño sobre propiedade privada dunha anchura de tres metros”.

Sorprende que se apele tamén ao feito de que, en “conceptos que incorporan juicios de valor, técnicos o políticos, la Administración cuenta con una cierta presunción a favor de su juicio...”, ao que compre responder que a demanda está formulada exclusivamente en termos históricos, científicos, obxectivables no plano cultural, e que invocar unha valoración dese tipo implica desacreditar subxectivamente o rigor intelectual no ámbito do coñecemento dos que levan un cuarto de século traballando no tema. Tal é que non se entre a analizar ningunha das reclamacións sobre aspectos concretos da delimitación situados exclusivamente nese plano técnico-científico, para cuxa avaliación o tribunal mesmo fixo caso omiso da posibilidade de nomear peritos xudiciais con carácter independente de ambas partes, ficando a sentenza nun mero documento burocrático e administrativo de difícil dixestión no nivel histórico e cultural.

Valoración da resolución

O Foro do Camiño atribúelle a esta sentenza unha extrema gravidade por canto contradí os postulados fundamentais de carácter legal que inciden na necesidade de salvagardar o Camiño en canto ben de interese cultural (art. 16.1 da Lei de Protección do Camiño de Santiago e outros), cabendo preguntarse á luz desta sentenza cal é o interese histórico dos itinerarios deseñados “á carta” por estradas e traxectorias fraudulentas, con criterios totalmente alonxados da tradición e valor espiritual dos nosos camiños de longo percorrido a Compostela.

O ditame asenta unha xurisprudencia baseada no criterio de considerar os camiños históricos como unha realidade dinámica supeditada ao antollo da Administración, alén de desantender os criterios obxectivos de historicidade e autenticidade como valores prioritarios e punto de partida esencial, todo o cal se traduce nunha reconversión dos Camiños de Santiago como simples roteiros turísticos ou deportivos, sen teren necesariamente unha vinculación directa coa historia, cultura e patrimonio monumental, inmaterial ou natural asociados e, en todo caso, supeditados á estratexia política do goberno de turno. Evidentemente que deste xeito tamén se despreza o valor fundamental do Camiño, o espiritual.

Este tipo de interpretación xurídica supón unha grave involución na maneira de abordar o Camiño de Santiago como fenómeno histórico de valor universal e senta unha xurisprudencia de consecuencias imprevisibles na nosa comunidade por varios motivos, xa que deixa desprotexido gran parte do patrimonio cultural asociado aos camiños históricos e xustifica o gasto de fondos públicos en promocionar vías de recente construción sen tradición xacobea nin cultural algunha ampulosamente denominadas "un Camiño para o século XXI".

Tamén consolida a teoría de que a calzada física é un elemento meramente funcional e irrelevante, permitíndose recrealo e supeditado a intereses comerciais, reducindo o itinerario do Camiño de Santiago a unha mera anécdota suplementaria da memoria inmaterial, concepto menos comprometido no plano político e urbanístico. Deste xeito concédense multitude de prerrogativas para que a Administración poida deseñar camiños con neotrazados “á carta”, convertendo as vías xacobeas en meras rotas de sendeirismo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.