Un Panteón Real en Compostela

Un Panteón Real en Compostela

Poucos saben, e poucos o visitan, que hai un Panteón Real na catedral de Santiago de Compostela, até hai moi pouco indicado como Capela das Reliquias por estaren depositadas na mesma tamén as duns santos. Mesmo hoxe, non se indica de onde eran os reis das tumbas con vultos xacentes alí instaladas. E, se se fai, como nas placas que os acompañan para identificalos, dise que son reis de León: na catedral de Santiago de Compostela!!! Galiza é o nome que non se ousa pronunciar, e o de reino de Galiza menos. Porén, existir existiron, e xustamente con ese rango que agora se agocha con deliberada intención: reis galegos dun reino, Galiza. Está, no Panteón Real compostelán, unha saga familiar que, xustamente, expresou a vontade de se enterrar na Igrexa de Compostela e realizouna para pór de manifesto, nun momento de definicións ineludíbeis sobre estratexias de futuro, que intereses representaban e servían. Non hai que esquecer que, desde o século XII, as relacións feudais se tinxen de vínculos territoriais ou protonacionais funcionais, pois o incipiente “estado” monárquico esixe definicións e escollas que transcenden intereses só grupais, a comezar a lingua que vai comezar a substituír o latín na escrita. Asemade, unha centralización progresiva do poder dispara a tensión entre distintos reinos que aspiran á hexemonía e/ou a escoller as identificacións ou integracións que consideren máis favorábeis ou naturais. Por dicilo dunha maneira máis clara, no caso do reino de Galiza, de forma moi especial, pola identificación galego-portuguesa aínda operativa, e no caso de León, por ser fronteira, o momento esixía optar e definir os espazos de poder, entre os reinos cristiáns, hexemónicos. Moito máis, por aparecer entón dunha forma xa definida e con aspiracións expansivas propias, o reino de Castela, até entón uns territorios de difícil definición política , e, desde logo, sen unha monarquía propia, fronte aos orixinarios de Occidente, Galiza e León, que foron o seu epicentro.

Pois ben, os vultos xacentes que descansan na sede compostelá, unha saga familiar, unida por unha definida liña estratéxica galego-portuguesa e de oposición ás pretensións hexemonistas castelás, atribúense oficialmente a: Raimundo de Borgoña (+1107), cuñado de Afonso VI, casado coa súa filla Urraca, conde de Galiza e pai do futuro Afonso VII. Porén, está máis que demostrado que non é o seu sepulcro, malia ter sido soterrado na catedral. Está si a tumba da raíña Berenguela (+1149), esposa do emperador Afonso VII, educado na Galiza e coroado rei na catedral compostelá, con sete anos de idade, filla do Conde de Barcelona e da Condesa de Provenza, dona Dulce; Fernando II (+1188), fillo dela e do Emperador Afonso VII, a quen este, por indicación da clase dirixente galega, en concreto dos Trava (Fernán Péres de Trava), deixou os reinos de Galiza e León, mentres entregaba o de Castela ao seu outro fillo, Sancho; Afonso VIII (+1230), o fillo de Fernando II con Urraca de Portugal, o último rei galego, malia terse preocupado, de forma consciente e decidida en vida, de impedir ou dificultar calquera alternativa que significase a unidade con Castela ou favorecer a súa propensión hexemonista fronte ao bloque occidental galego-portugués. Efectivamente, a tumba que se atribúe a Raimundo de Borgoña, sería case seguro a do fillo de Afonso VIII, como ten demostrado Serafín Moralejo, Afonso VIII, Fernando Afonso, un rapaz galego-portugués, morto en 1214 cando era mancebo, do que existen varias fontes informativas que aluden ao seu enterramento na catedral de Santiago. Esta morte prematura significou unha grande desgraza persoal para o rei galego e para a súa estratexia política. En definitiva para nós. A tumba é peculiar. Ten mesmo un risco distintivo, novidoso. O rostro do mancebo, sen coroa claro está, mira para os espectadores e a man levanta o manto cara á face.

E, por último, Xoana de Castro (+ 1374), emparentada de lonxe con esta saga familiar, filla de Pedro Fernández de Castro, Conde de Lemos, Samos, Cabreira e Ribeira, educado na corte do rei Dinís de Portugal, máximo representante da clase dirixente galego-portugesa no reinado de Afonso XI de Galiza, León e Castela, pai de quen vai ser o referente máis senlleiro da continuidade reforzada da estratexia de unidade galego-portuguesa na segunda metade do século XIV, no reinado de Pedro I, “El Cruel”, Fernando Ruiz de Castro. Esposa por unha noite deste monarca, morreu xustamente no momento en que fracasa esta estratexia, após unha guerra civil en Castela (a sublevación dos bastardos contra o seu irmán Pedro I) que significou a internacionalización do conflito. No caso galego, era claramente de oposición nacional-popular ao que representaban os Trastámara, o hexemonismo castelán. Velaí por que Galiza en bloque, con Fernando de Castro, Conde de Lemos, Samos, Cabreira e Ribeira, ao fronte foi un bastión petrista. Só a invasión final por exércitos transnacionalizados en 1369-1372, as célebres Compañías Brancas (pagos por Francia, Aragón e o Papa, especialmente), alén de casteláns, con ocupación durante anos, de moitas vilas, logrou o control do reino de Galiza. Semellante control obrigou a exiliarse en Portugal a Fernando de Castro e a todos os membros da clase dirixente, máis de 500 persoas, embargados os seus bens e roubados os seus títulos, que finalmente deberon tamén abandonar aquel reino, por imposición do rei de Castela, Enrique II, ao de Portugal, Fernando I, que naturalmente os acollera, pois era o seu aliado, a quen tiñan proclamado rei de Galiza, unha vez asasinado en Montiel, Pedro I.

Como se ve, Dona Xoana estaba integrada nunha estratexia que a levou a soterrarse en Compostela, alén dos seus señoríos en Cuéllar, Castrojeriz ou Dueñas. E fíxoo nun momento crítico e delicado, cando o país, até entón libre e dono de seu, comeza a estar baixo un exército de ocupación e indefenso, sen clase dirixente propia, descabezado e a capricho dos ocupantes e do odio dos falsos Trastámaras, o que indica o grande prestixio dos Castro mesmo nesas circunstancias. E non podemos esquecer que a represión e as represalias chegaron a afectala, non só no seu patrimonio, senón no feito de un seu fillo co rei Pedro I, tamén de nome Pedro, estar aínda encarcerado, cando en 1388 chega a un acordo o duque de Lancaster con Juan I de Castela para casar a súa filla, neta de Pedro I, Catarina, co futuro Enrique III, ambos nenos, lexitimando así a dinastía Trastámara a través da anuencia e a confluencia cos representantes do lexitimismo petrista. Precisamente, unha das cláusulas do Tratado de Bayonne entre os Lancaster e Juan II contemplaba a liberdade do fillo de Xoana de Castro, aínda preso entón por ser considerado non afecto e un posíbel pretendente lexítimo ao trono de Castela. Neste caso, a heráldica e a epigrafía identifican o monumento funerario de Xoana de Castro no Panteón Real da catedral de Santiago, cos emblemas dos trece rueles dos Castro galegos alternados cos emblemas dos reinos de Galiza, León e Castela. E unha sonora e ilustrativa inscrición que reza: “Aqui jaz Dona Johana de Castro, raíña de Castela”. En lingua galega, como toda a documentación, emanada desde dentro de Galiza, desde a súa chancelaría, con destino a mosteiros, igrexas ou outros vasalos, o que fala tamén de cal era o seu espazo de identificación, mesmo após ser raíña de Castela por unha noite no ano 1354.

Curiosamente, acompaña todos estes vultos xacentes un sarcófago que di ser a tumba de Pedro Froilaz, conde de Trava. Pedro Froilaz, o señor máis poderoso e influente no reino da Galiza, durante o reinado de Afonso VI e o Conde Raimundo de Borgoña, o grande protector do rei neno Afonso VII, co arcebispo Xelmírez, fronte á súa nai Urraca e Afonso de Aragón. Foi, sen dúbida, enterrado na Igrexa de Compostela, seguramente ao seu carón, e logo levado dentro. Porén, este non é o seu sepulcro: nada ten a ver co seu tempo, o século XI-XII, nin co do resto. Mais alguén sabía e quixo manifestar que, sen os Trava, e especialmente Pedro Froilaz, como princeps de Galiza, nada se entendería da evolución posterior do reino, e máis en concreto da opción que a saga real alí enterrada representaba, a dunha Galiza con monarquía propia, que non consideraba o reino de Portugal como algo alleo, empeñándose en restaurar a unidade orixinaria. É dicir, o inicio e o fin do esplendor, case dous séculos de historia que van, desde o rei García e Afonso VI até Afonso VIII, cuxa culminación esplendorosa e estelar, no plano político, económico, artístico e cultural, representa este rei e o seu pai, Fernando II. Non por casualidade están soterrados en Compostela, e aínda hoxe, case de forma clandestina, están alí incitándonos a facernos preguntas.