Un home das irmandades da fala: Gumersindo Pereira Nouche, II: a actividade empresarial

Un home das irmandades da fala: Gumersindo Pereira Nouche, II: a actividade empresarial
Toda a actividade empresarial que lle coñecemos está relacionada co teatro, cine e hostalería.

A primeira noticia que temos por agora lévanos a Vigo: un anuncio de prensa, referido á tempada de bailes no Teatro Tamberlick, informa que as persoas que desexen tomar en arrendo o ambigú ou restaurante durante os bailes, podían enviar as súas proposicións ao arrendatario do teatro, Gumersindo Pereira, na Coruña, rúa de San Andrés, 94-3º (o seu domicilio), ou no propio Teatro Tamberlick, dirixíndoas a nome do referido arrendatario. (El Pueblo Gallego, 12-2-1924). Sen embargo, vemos que na programación aparece Empresa Fraga.

Logo de que rematase o contrato de arrendamento coa anterior empresa, xa en xaneiro de 1925 encontramos anuncios na prensa no que o Teatro Rosalía Castro da Coruña xestiónao a Empresa Arizaga. (El Ideal Gallego, 21-1-1925).

Un balance publicado en setembro do ano seguinte afirma que esa empresa, conformada por Gumersindo Pereira e Urbano Arizaga (tamén ex residente en Cuba), trouxera moi bos espectáculos de todo tipo (compañías de verso-líricas, artistas de variedades, proxeccións cinematográficas…). (El Orzán, 4-9-1926).

Durante 1927 e 1928 seguen aparecendo constantemente anuncios na prensa na que segue coa xestión do teatro a Empresa Arizaga. Neste último ano, debido ao incendio do Teatro Novedades de Madrid, o Rosalía tivo que rescindir o contrato con varias compañías a causa de verse precisado a realizar obras para seguridade do público en trance de sinistro. Por iso non había neste momento na Coruña ninguna “troupe” de teatro nin se puidera representar o Tenorio. (El Pueblo Gallego, 7-11-1928).

Uns meses despois, en marzo de 1929, o Rosalía empeza a usar o sistema sonoro inventado polo norteamericano Lee de Forest, Cinefon, segundo aparece en diversos anuncios de prensa, estreando unha película da casa Verdaguer, da serie “Gran Luxor”, titulada De telefonista a millonaria: “Una nueva demostración de la inteligencia humana y una revolución de alcances insospechados en la cinematografía. Nada menos que el cine hablado mediante películas especiales de una SINCRONIZACIÓN PERFECTA. El célebre invento de DE FOREST, conocido con el nombre de CINEFON, será presentado muy pronto en La Coruña…(La Voz de Galicia, 12-3-1929); “es “la fotografía del sonido, la sincronización perfecta de éste y de la acción” […] No se trata de un gramófono mejor o peor adaptado a la proyección, sino de una nueva modalidad del cinematógrafo por la que se ha venido luchando hace años y que los técnicos tratan aun de perfeccionar”. (La Voz de Galicia, 13-3-1929).

A antigüidade do teatro fixo que fose preciso abordar unha profunda reforma. O expediente consérvase no Arquivo Municipal da Coruña. Mentres, o Concello asumiu directamente a xestión, provocando queixas dos afeccionados ao teatro, xa que non se programaba ningún espectáculo destas características. (El Orzán, 14-6-1929).

A Comisión mixta administrativa do Teatro Rosalía Castro acordou por unanimidade propoñer á Comisión municipal permanente do Concello da Coruña adxudicar ao único concursante, Gumersindo Pereira, o arrendo e explotación do teatro por un prazo de 10 anos, mediante a cantidade de 32.000 pesetas anuais e coa obriga de executar as obras necesarias, que importaban 264.333, 14 pesetas. O prazo comezaría unha vez que o Goberno Civil concedera autorización para abrir. (El Correo de Galicia, 15-12-1929; El Pueblo Gallego, 8-11-1929; La Vanguardia, 7-11-1929, El Orzán, 27-10-1929). Xa reinagurado o teatro uns meses antes, no Pleno do Concello da Coruña, celebrado o día 3-10-1930, aprobouse a liquidación final das obras: “Se aprobó íntegra esta liquidación, según la cual el plazo de 10 años para satisfacer el Ayuntamiento la cantidad invertida por el señor Pereira en la reforma, se aumentará a doce años y cincuenta días, por haber aumentado en esta proporción la cuantía de las obras…”. (El Pueblo Gallego, 4-10-1930).

Logo dun ano e medio de clausura, abriu as portas o día 21-2-1930 cun baile de etiqueta a beneficio do Patronato de Caridad: festa que Pereira ofrecía a esa asociación da que era membro. Seguirían bailes organizados pola Reunión de Artesanos, Spórting Club, Asociación de Prensa… Suprimidas as plateas, o Rosalía tiña preto de 500 butacas (antes, 240), e para cine poderían instalarse, entre butacas e cadeiras, 700 localidades. (El Orzán, 5-2-1930).

A chegada do cine sonoro provocou unha revolución no espectáculo cinematográfico. Gumersindo non foi alleo a este avance, así que asistiu en Avilés á inauguración dun equipo de cine sonoro, denominado “Cronófono Gaumont”. Acompañábano o representante desa casa na Coruña, José Miguel Montero, e os empresarios José Fernández, do Círculo das Artes de Lugo, e Julio Alonso Losada, do Teatro Losada de Ourense. (El Orzán, 11-5-1930).

Será precisamente o Teatro Rosalía Castro, cun aparato “Gaumont”, o primeiro da cidade en proxectar unha película sonora, con música e cancións pero sen diálogos: Troika, un film francés do director ruso Vladimir Strijewsky, estreado no Teatro Rosalía Castro o 26-6-1930. (La Voz de Galicia, 26-6-1930):

“Es importante, perfeccionada, costosa y excelente la instalación de la Casa Gaumont […] El “Cronófono” eléctrico de tan famosa entidad artística, se difunde cada vez más por el mundo […] El “Cronófono” –a juzgar por el equipo que en el Rosalía fué instalado, sin reparar en gastos en relación con la finalidad inmediata- es algo sorprendente y admirable. […] Se aprecia mejor ante estos magníficos adelantos de la ciencia y de la industria, la posibilidad –de día en día más lograda- que hay que sincronizar, de recoger y hacer llegar fielmente al auditorio no sólo lo que los discos reflejan, sino también diálogos, músicas leves, ruidos diversos: la carcajada estruendosa como el redoblar de los dos de una mano nerviosa sobre el tablero de una mesa, o el deslizarse unos pasos cautos sobre la arena de un jardín o sobre la nieve…[…] Y nada digamos de las romanzas vibrantes y de los dúos amorosos que envuelven al oyente con una grata oleada de poesía mientras las figuras de los personajes que se arrullan destacan proyectadas en la pantalla...”. Continúa destacando a calidade da instalación sonora do Rosalía: a súa claridade, son diáfano, límpidez nos risos, prantos, cantos ou melodías…

Respecto da película proxectada, Troyka, din que era unha ”singular creación rusa, linda, aunque un poco atormentada, como casi toda la formidable literatura de aquel país. Embellece el original film una música evocadora de aires y ritmos, muy Tchaikowsky o Borodin o Rimsky… Entran todos, probablemente, en la prolongada rapsodia. Y el bien montado “Cronófono” Gaumont lo recoge, lo transmite y aun diríamos que lo poetiza todo con cautivadora fidelidad melódica, real y expresiva”. (La Voz de Galicia, 26-6-1930).

,Gumersindo Pereira continuará coas melloras técnicas. O 1-4-1934 o Rosalía instala equipos sonoros “Western Electric”. (La Voz de Galicia, 31-3-1934 e 1-4-1934). Para estrealos, proxectaríase a película La llama eterna, protagonizada pola actriz Norma Shearer; estaba producida pola “Metro Goldwyn Mayer”, cuxa exclusiva para A Coruña tiña a Empresa Pereira. (La Voz de Galicia, 31-3-1934).

Sería agora prolixo enumerar, pero o Teatro manterá unha intensa actividade: proxeccións cinematográficas, representacións teatrais, zarzuela, recitais de música, festivais….

Na época da II República, ademais do Rosalía, a Empresa Pereira xestiounou outros cines na cidade e outros concellos.

-"Salón Doré": Abrira en 1920. De 1931-1932 é o expediente de solicitude de Gumersindo Pereira para reformas no cine “Doré”, sito no baixo do nº 138 da rúa Juan Flórez, que se conserva no Arquivo Municipal da Coruña. Non sabemos ata cando levou a xestión, xa que encontramos un anuncio de decembro de 1935 no que se promociona un baile que ía organizar a “Empresa Rosales”.

-"Salón Victoria": Abrira en 1922. Coa empresa Pereira, encontramos anuncios dende o 27-11-1932 a 20-1-1935. O 1-4-1934 estreará unha nova instalación sonora, “lo mejor que se conoce para locales de capacidad reducida, en donde no es procedente colocar aparatos de gran potencia que desvirtuarían los sonidos y los harían incluso desagradables”. (La Voz de Galicia, 31-3-1934).

-"Ideal Cinema" (na Gaiteira). Xa existente, en mans da Empresa Pereira encontrámolo, en anuncios, entre o 27-11-1932 e 20-1-1935.

-Cine Monelos: Na rúa Caballeros. Inaugurouse o 1-4-1934, “con el maravilloso aparato sonoro “Bauer”” (La Voz de Galicia, 1-4-1934). Vimos anuncios na prensa ata 1-3-1935. O equipo “Bauer” era de fabricación alemana, e reproducía as películas con asombrosa fidelidade; o programa escollido para a inauguración foi a estrea do drama sentimental La consentida, protagonizado por Carola Lombard, e como complemento proxectouse a comedia “Hermanos Rabicorto”, falada en español. (La Voz de Galicia, 31-3-1934). Fora promovido por Manuel Durán, con proxecto e dirección do arquitecto Rodríguez Losada, e decorado escultóricamente por J. Díaz Baliño. Da xestión do cine faríase cargo a Empresa Pereira. Con motivo da inauguración, o propietario celebrou unha festa, nas propias instalacións, consistente nunha proxección e nun xantar, ao que asistiron diversas autoridades e representantes de entidades coruñesas, ademais de Pereira. (La Voz de Galicia, 3-4-1934). Ao día seguinte da inauguración, o domingo 2, ás nove e media da noite, nun telladiño baixo, de cemento, que se correspondía cun dos retretes, estalou un “petardo”, que causou algúns danos. Na sala había bastante público, pero non houbo incidencias reseñables. A prensa informa que semellaba ter sido unha repercusión da pasada folga da constrición porque no citado edificio estiveran aloxados os obreiros esquirois, chegados de fóra, que traballaban nas obras do novo mercado de San Agustín (La Voz de Galicia, 3-4-1934; El Pueblo Gallego, 3-4-1934).

O certo é que estivo pouco tempo pechado, pois en outubro xa volvemos encontrar na prensa anuncios de proxeccións. Sabemos que tamén se realizaban representacións de zarzuela (El Pueblo Gallego, 28-11-1934).

Fóra da cidade da Coruña tamén se fixo cargo a empresa doutros locais:

-No Burgo (Culleredo), o "Cine Rialto". Este era, en setembro de 1932, dun tal Riveiro. (La Voz de Galicia, 6-9-1932). Coa Empresa Pereira, a primeira referencia atopada é de 27-11-1932; a última, de 3-2-1935.

-En Ordes, o “Salón Troche”: A primeira referencia e de 27-11-1932: “Próximamente, inauguración del Salón Troche, de Órdenes, con una grandiosa instalación sonora. Este local ha sido adquirido por esta empresa”. A última que por agora vimos, de 18-2-1934. Tamén había nel funcións teatrais.

-En Santa Cruz (Oleiros): Cine Capitol. Encontramos anuncios dende 28-10-1934 a 3-2-1935.

,Outros negocios

Xestionou tamén un importante establecemento hosteleiro na cidade, o "Gran Café-Bar Central", sito na rúa Castelar, 23 (hoxe Rúa Nova). Inaugurouse o 15-10-1927, ocupando o lugar no que estivera o “Café Central”, con magníficas instalacións e confort. (El Orzán, 15-10-1927). Uns meses despois da súa inauguración solicitará autorización municipal para colocar veladores e cadeiras na beirarrúa que daba ao café. (El Pueblo Gallego, 10-8-1928; El Orzán, 10-8-1928). En 1932 seguía á fronte dese negocio.

Na súa actividade empresarial tamén participou en diversas asociacións como directivo:

En 1929 encontrámolo como representante, na provincia da Coruña, da Sociedad de Empresarios de Espectáculos de España. (El Orzán, 1-6-1929). En 1935, na asemblea da citada entidade, na que trataron importantes asuntos dese gremio, procedeuse á renovación regulamentaria de cargos directivos, sendo un dos elixidos como vocal. (El Heraldo de Madrid, 4-7-1935; La Nación, 9-7-1935; ABC, 5-7-1935).

Forma parte tamén, como tesoureiro, da Xunta Directiva da Unión de Hoteles, fondas, restaurantes, bares y cafés de La Coruña para 1930.(El Orzán, 29-3-1930). Como membro directivo da Asociación de propietarios da Coruña, foi tamén un dos vocais elixidos, segundo dispoñía o estatuto municipal, para estudar as proposicións presentadas ao concurso para as obras de pavimentación de varias rúas da cidade. (El Orzán, 24-6-1926); ao ano seguinte, forma parte da Xunta de delegados da Asociación de propietarios da Coruña, de carácter administrativo. (El Orzán, 19-2-1927). Por último, encontrámolo tamén como membro da Xunta Directiva da Mutua Mercantil en 1933, ocupando o cargo de vocal. (El Orzán, 12-3-1930).,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.