O estrago da Fonte de San Vicente en Lugo

O estrago da Fonte de San Vicente en Lugo

O pasado 17 de decembro, foi derribada a estatua de San Vicente que coroaba a fonte que desde 1754 preside a Praza do Campo de Lugo, no cerne do espazo urbano medieval e barroco. É ese un recuncho típico que teñen todas as cidades onde se retratan os turistas e que non hai pintor, debuxante ou gravador, local ou foráneo especializado en paisaxe urbana que non a plasme nos seus traballos.

Non é a primeira vez que a escultura sofre a arremetida da incultura, o incivismo e a ignorancia. Nunha ocasión cortáronlle a man dereita que alzada tiña o dedo índice sinalando ao ceo. Hai dez anos que a fonte foi restaurada, e entón colocáronlla, pero aos poucos días xa lla romperan desaparecendo, quedando manco desde entón.

Raro era o fin de semana no que non sufría unha agresión. Ante o descontrol da chamada "movida nocturna" pola falta de vixilancia policial, con atentados constantes a bens públicos e privados, no mes de outubro do ano 2015 advertimos do perigo que había de que a derribasen e esnaquizásena, e como quen se tiña que ocupar desta cuestión non o fixo, desgraciadamente a premonición cumpriuse.

,Un fracaso colectivo

Cando acontecen sucesos deste tipo un pregúntase por que ocorren. Non é lóxico que uns mozos que desde que van ao parvulario o Estado, é dicir, a sociedade, paga para que reciban unha formación ampla mediante uns curriculos de diferentes materias, entre as que están a historia e a arte, cos que se trata de que adquiran non só coñecementos, senón o que é mais importante, inculcarlles uns valores e unhas actitudes para que as desenvolvan e podan vivir nunha sociedade democrática, baseada na tolerancia e o respecto, compórtense peor que os ignorantes. E o máis lamentable e preocupante, é moi probable que ata o que o fixo ou os que o fixeron, sexan alumnos universitarios.

Aquí temos, primeiro o fracaso da educación na familia. Rapaces que non lles falta nada, con pais tolerantes e condescendentes en todo con eles, incapaces de reprender aos seus fillos cando cometen unha falta, antes ben, moitos os xustifican e defenden, trasladando a súa responsabilidade a outros. Eu fun testemuña dunha nai sentada nun lugar público que lle dicía ao seu meniño:

"Jonathan, no arranques las plantas del jardín que va a venir el guardia y te va a reñir".

Instalados no buenismo colectivo, vemos nunha postura pasiva aos pais e as autoridades, incapaces de controlar o consumo de alcohol, ata por menores, en establecementos ou na vía pública, unha actitude que nos pasará factura a eles e a nós cando algúns destes rapaces sexan adultos.

Temos unhas autoridades responsables da orde nas rúas que miran para outro lado cando terían que disolver os botellóns, (ata houbo un concello que pediu un informe xurídico para cambialo de lugar cando o consumo de alcohol na vía pública e por menores está prohibido), controlar o horario de peche dos pubs, e que parece que lles é igual que pinten as portas e as fachadas das casas recentemente rehabilitadas, ouriñen ao redor da catedral e nas portas das casas, que rompan os cristais das fiestras lanzado botellas, queimen papeleiras, esnaquicen bancos, marquesiñas de autobuses, xardineiras, e paneis de información turística dos monumentos, e perturben cos seus berros en aos que intentan durmir.

A sociedade non paga impostos para isto. Cada cal, os pais, os profesores, as autoridades locais, os xuíces, os políticos e a sociedade colectivamente, cada un no seu campo, ten que cumprir coa súa misión. Hai denuncias que son arquivadas porque o dano non supera os 300 € e non alcanza a categoría de delito, aínda que sexan collidos in fraganti ou se presenten imaxes, quizais tamén porque o lexislador abriu demasiado a man no seu afán de mostrarse tolerante e compracente ante a sociedade.

Un dano irreparable

Aínda que a peza se poda restaurar, xa non volverá ser como era e xa que logo o dano causado é irreparable. Chegou a hora de buscar aos culpables da acción e da omisión. Da acción, porque o que o fixo, ou os que o fixeron, son delincuentes por cometer un delito contra o patrimonio, contemplado no artigo 324 do Código Penal. Da omisión, porque aínda que os responsables somos todos, por crear unha sociedade conformista, silenciosa e excesivamente permisiva que deu lugar a unha mocidade sobreprotexida que con actos como este demostran non ter sentido cívico, cultura e responsabilidade.

Reitero o que escribín nun diario o 30 de xuño deste ano sobre o problema das pintadas, a rotura de cristais e as mexadas na contorna da catedral de Lugo. Ademais do anterior é un problema de falta de vixilancia da Policía Local e Nacional as noites dos xoves, venres e sábados, entre a 1 e as 7 da mañá. Efecto disuasorio para os que teñen a tentación, por un lado, e coercitivo para os que se excedan, por outro.

Algúns dos cidadáns que estamos fartos destes comportamentos esperamos unha resposta axeitada. É responsabilidade das autoridades mencionadas tomar as medidas coordinadas que consideren oportunas para evitar a repetición destes actos vandálicos e delictivos.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.