Novas achegas ao estudo da teosofía en galicia

Novas achegas ao estudo da teosofía en galicia

A Sociedade Teosófica fundouse en Nova Iorque en 1875 por Helena Petrovna Blavatsky (coñecida como Madame Blavatsky), Henry Olcott e William Judge. Os seus fins desta sociedade eran formar un núcleo da Fraternidade Universal da Humanidade, sen distinción de raza, sexo, casta ou cor; fomentar o estudo comparativo de relixións, filosofías e ciencias; e investigar as leis inexplicadas da Natureza, e os poderes latentes do hombre. Tiña por lema Sâtyat Nâsti Paro Dharmah (Non hai Relixión máis elevada ca a Verdade).

En 1888 créase en España unha delegación da mesma.

Xa indicamos na nosa anterior colaboración que un dos pioneiros en Galicia foi Florencio Pol Ramos, tamén destacado espiritista, que en 1891 se achega á teosofía. E que en setembro de 1895 quedou constituída a Rama Teosófica de Ferrol, baixo a presidencia de Ángel Monriz Balado e con Adolfo Manzano López como secretario, dándose a entender que había un grupo na Coruña. De Adolfo sabemos que foi un tempo secretario intérprete titular da estación sanitaria do porto de Corcubión (1910).

Tamén se relacionará con este movemento, na súa primeira etapa, o médico Manuel Otero Acevedo, un dos pioneiros da neurociencia, outro relevante espiritista.

Nos albores do século XX, a comezos de 1909, constatamos a existencia en Ferrol dun grupo de estudos teosóficos, do que formaban parte Benito Permuy Naveiras (Byron, mestre masón da loxa “Asilo de la Virtud” de Ferrol), Andrés Fernández, José Baliño, Joaquín de Soto e Rafael Ponzo Montero.

,Máis estable foi o Grupo "Marco Aurelio" de Estudos Teosóficos, -do que xa nos temos ocupado noutras ocasións-, fundado en Pontevedra o 4 de decembro de 1910, segundo consta nun documento propio. De feito, no balance anual de 1910 da Sociedade Teosófica Española figuran tres membros en Pontevedra, do grupo “Marco Aurelio”. Con todo, en escrito que o grupo dirixe a Manuel Treviño, un dos dirixentes da STE e relevante masón, indícalle que se constituíu o 16 de agosto de 1911, cos seguintes membros: presidente, Jacobo San Martín Lozano; secretario, Javier Pintos Fonseca; membros: Segundo Vázquez, Francisco Regalado, José Viaño Martínez, Julio Menéndez e Alfredo Rodríguez de Aldao, delegado para Galicia da Sociedade Teosófica Española. Outros membros do grupo serían, co tempo, Manuel Rodríguez Solano (secretario en 1913) e Luís Gorostola (avogado e arqueólogo).

Na súa tese doctoral sobre a STE entre 1888-1940, Vicente Penalba Moura aporta un apéndice con listados de membros desta entidade: entre eles, todos ingresando o 1 de xaneiro de 1911, figurarían, no Grupo “Marco Aurelio”, ademais dos citados, Manuel Navarro Murillo e Adriano do Val.

O nacemento deste grupo foi impulsado polo masón Alfredo Rodríguez de Aldao, (membro da loxa madrileña “Comuneros de Castilla” e parente de Indalecio Armesto e Víctor Said Armesto) por encargo do Delegado presidencial de España da Sociedade Teosófica. Alfredo, que utilizaba os pseudónimos Aymerich e Enediel Shaiah, foi tradutor de moitas obras, autor de varios libros, director da Biblioteca Teosófica que impulsou o editor Gregorio Pueyo e amigo e colaborador do relevante escritor masón Mario Roso de Luna; por exemplo, cando o extremeño promove en 1909 o proxecto de difusión da teosofía en Andalucía e as colonias do norte de África, para o que se crearía a “Rama Ibero-Americana y Marroquí de la Sociedad Teosófica” (que non chegaría a ter carta constitutiva), Alfredo será un dos colaboradores.

Pola súa banda, o coronel Jacobo San Martín Lozano, colaborador da Revista de Galicia que dirixía Emilia Pardo Bazán, entre outras publicacións, tirara do prelo na Coruña, en 1881, Deuda insatisfecha: dolora-dramática en un acto y en verso. Tamén publica na revista Sophia.

Javier Pintos Fonseca García de Redondo (máis tarde será vicepresidente), herdeiro de destacadas liñaxes librepensadoras pontevedresas (neto de Xoán Manuel Pintos), pai tamén dalgún fillo masón, foi corredor de comercio e propietario dunha selecta biblioteca na que destacaban os libros sobre teosofía. Participou activamente na vida cultural da cidade e cultivou a amizade tanto de políticos como de escritores e artistas. Gran amante da música, foi un dos fundadores da Sociedade Filarmónica de Pontevedra, guitarrista e investigador da música popular galega.

O Grupo reuníase baixo un arco das ruínas do convento de Santo Domingo de Pontevedra, pero a súa dirección estaba na rúa Chariño, 5. Algunha das súas actividades aparecen apuntadas na revista Sophia ou en Theosophist Magazine.

O Grupo amosouse en desacordo coas novas orientacións da Sociedade Teosófica, dirixida por Annie Besant: por iso, en carta impresa datada o 30 de outubro de 1913, escrita en alemán, dirixida polos seis membros da súa Comisión Directiva, comunican a José Xifré Hamel, delegado da Presidencia da Sociedade Teosófica, o acordo unánime de separárense de devandita institución.

“Marco Aurelio” mantivo unha estreita relación con Mario Roso de Luna, presidente honorario do mesmo. Por iniciativa de Javier Pintos, o grupo editou en 1915, en Pontevedra, nunha edición non venal, o libro Beethoven, teósofo, do pensador extremeño.

Tanto Javier Pintos como Alfredo Rodríguez mantiveron correspondencia, ademais de co pensador de Logrosán, con outros intelectuais galegos interesados pola teosofía, como o profesor pontevedrés Pedro Arnó de Villafranca, o xornalista Waldo Álvarez Insua, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, profesor na Universidade de Cornell (USA), -na revista Sophia apúntase algún traballo seu-, Vicente Risco e Matías Usero Torrente.

Con espiritistas e teósofos estiveron relacionados varios intelectuais galegos, como Víctor Said Armesto (tamén masón, da loxa “Comuneros de Castilla”), Ramón del Valle Inclán -amigo de Rubén Darío e Mario Roso de Luna (que lle dedica o segundo volume da súa Biblioteca de las maravillas: “al místico cantor de la Lámpara maravillosa”)-, e que escribirá dúas obras claramente teosóficas e herméticas, La lámpara maravillosa e o poemario El pasajero, ademais de incluír referencias en Luces de Bohemia ou Claves Líricas. Sábese que tiña a intención de escribir outro tratado de carácter teosófico sobre Prisciliano. (Sobre Valle Inclán, o ocultismo e a súa relación cos de “Marco Aurelio” pode consultarse na rede un interesante artigo, de 2013, da norteamericana Virginia Milner Garlitz).

En Ourense, outro grupo de intelectuais, encabezado por Vicente Risco, impulsará a creación, en 1917, da revista neosófica La Centuria, na que colaborarán Arturo Noguerol, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Florentino López-Cuevillas. Nas páxinas dos sete números da revista atopamos textos, ademais dos fundadores, de Tagore, Rimbaud, o Sar Peladán (fundador dunha orde católica rosacruciana, ao parecer con algún tinte teósofo), Buddha Sakyamuni, Omar Khayyan, a literatura das sagas escandinavas, Schopenhauer, Nietzsche, Mario Roso de Luna, linguaxes perdidas e alfabetos sagrados, horóscopos…

,Na década dos anos 20 do século XX, desde 1922 a 1929, volvemos atopar un grupo de galegos formando parte da Sociedade Teosófica (nas Ramas Valencia, Madrid e Libre): en Ferrol, Trinidad V. Torrente, José Ferrer Cardona (Budha, da loxa “Breogán nº 16” de Ferrol), Epifanio García González (Kristina, da mesma loxa que o anterior), Lázaro Blasco López e Manuel Leiva Felgar; en Noia, Manuel del Río e Ramón Romero Blanco; en Santiago, o militar e tenor Manuel Uzal Echegaray; a Fernando Giménez, en Vigo; en Lugo e logo na Coruña ao tamén militar Justo Español Núñez e a súa esposa Nieves Villar Mosquera e, para rematar, residindo en cidades galegas e en Madrid a Luís Gorostola Prado (que fora membro de “Marco Aurelio”) e José Auz.

Entre eles destaca o capitán de Infantería Justo Español Núñez, que asistirá ao Congreso de Teosofía que se realizou en Holanda en 1926, será tamén practicante do vexetarianismo e amigo do pioneiro e fundador da naturopatía en España, o doutor galego José Castro Blanco, formado en EEUU e autor de numerosos libros sobre esta materia, que impartirá conferencias en Santiago en 1927. En 1929 Justo Español ofrecerá unha demostración na Coruña, -á que acababa de chegar, procedente de Cuba, logo dunha intensa xira por numerosos países americanos-, ao doutor Curuppumullage Jinarajadasa, sabio orientalista, masón e relevante teósofo (fora vicepresidente da Sociedade Teosófica Internacional pouco antes, e presidiríaa anos despois). A honrar ao visitante concorreron teósofos de Santiago, Lugo, Ourense, Ferrol e Betanzos (mágoa que non se mencionasen os seus nomes). Intentouse que dese unha conferencia na Coruña pero non foi posible. Justo Español colaborará coa “Orde da Cadea de Ouro” (para á infancia).

Nos anos da II República ingresarán na Sociedade Teosófica varias persoas máis: en 1932, en Pontevedra, Elisa Fráiz Vázquez-Tafall (esposa de Cruz Gallástegui, director da Misión Biolóxica e Galicia e membro do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos); en 1933 Pedro Martínez Ruano (Almansa, das loxa “Vicus nº 8” de Vigo e posteriormente da “Constancia nº 13” de Ourense, de Izquierda Republicana e da Liga dos Dereitos do Home); e os coruñeses José García Pérez (Paracelso, membro da loxa “Renacimiento Masónico nº 18” da Coruña) e Antonio Fernández Tudó (dirixente socialista coruñés, presidente da Agrupación Socialista), ambos en 1935. En 1931 consta tamén que en Pontevedra existía un grupo da “Asociación de Idealistas Prácticos”, outra entidade promovida polos teósofos dirixida á mocidade e da que era representante Emma Vilanova.

Ademais de moitos dos que citamos, no Arquivo Histórico Nacional de Salamanca figuran con notas ou expedientes relacionados coa Teosofía (algún tamén na de Masonería) outros galegos como Vicente Risco, Domingo Fernández Neira, Olegario López Aneiros (da loxa masónica “Francisco Suárez nº 10” de Ferrol), Manuel Varela Amado (da loxa “Breogán nº 16” de Ferrol), José Teijeiro Rodríguez ou Eduardo Paredes Rodríguez (membro do Partido Republicano Radical-Socialista da Coruña), así como Vicente Risco, Luis Amado Carballo ou Álvaro Cebreiro Martínez. É moi interesante, neste sentido, un traballo de Ernesto Vázquez Souza sobre estes fondos e Galicia.

Cremos que era de orixe galega o comerciante José María Fariña Moreira, membro das Ramas Madrid e Bilbao, e do que se conservan dúas fotos no ANH de Salamanca, sección Teosofía.

Todos os teósofos masóns que citamos sufrirían a persecución do Tribunal da Represión da Masonería e o Comunismo, así como tamén Justo Español Núñez, do que non coñecemos, por agora, a súa filiación masónica concreta.

Ilustramos esta colaboración con tres fotografías, procedentes dos fondos de Teosofía do Centro Documental da Memoria Histórica. A de Javier Pintos Fonseca, datada en Pontevedra o 30-5-1911 (SE-TEOSOFIA, FOTO.21) era coñecida; non así, que saibamos, as de Justo Español Núñez, datada o 9-5-1928 (SE-TEOSOFIA,FOTO.9) e a de Jacobo San Martín Lozano, datada en Pontevedra o 10-4-1911 (SE-TEOSOFIA,FOTO.22). As tres están dedicadas ao destacado teósofo e masón Manuel Treviño.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.