Mini e Mero, común a loita ambos

Mini e Mero, común a loita ambos

Soubemos de Mini e Mero no noso particular, tránsito colectivo de xogar co aradiño de pao a reclamar por galegos, naqueles anos fructíferos de sementeira que vivimos no IES de Foz. Mentres construíamos os CAE e organizabamos mobilizacións, sentiámonos todos Lelo, naquelas xuntanzas as agachadas da primeira Galiza Nova poñiámoslle cara aos lobos dos anos pasados e cando redixiamos e montabamos, armados de cuter e cartabón, volantinas e fanzines, considerabámonos a Galiza enteira que non ten medo. Se tocaba pintar nalgún muro "Francisco Rodríguez Liberdade", con spray expropiado en ferraxería amiga, recoñeciámonos como galegos de raza, o día que tocaba asemblea, á par que se repartían os dossiers de formación preparados por Marcelino, atronabamos o local da asociación cultural cos seus temas, discrepando, iso si, co noso contador particular cara á soberanía, de que os tempos non eran chegados.

Coñecemos a Mini e Mero, tamén é certo despois de ter tareado xa case todo o seu repertorio, xa entrada a década dos noventa naquela Compostela, coma sempre, plagada de entendidos sabidos e moi cultos,...A primeira vez que falamos con eles, viñan con nos os arados de ferro e os carros con bois, foi pedirlle que actuaran na Arenga, non preguntaron polos cartos aínda hoxe. E seguimos falando con eles, e eles sempre xenerosos, acompañáronos/colaboraron con nós, na noite calada, ben fora para restaurar aquela data instituída polo vello Partido, o de Vilar Ponte de Viveiro, para defender a terra "e din que fan todo iso no nome do progreso", ou para acudir a Cuba, o internacionalismo proletario que os modernos chaman solidariedade, como dicía e di o Mini. E xa para sempre convertémonos en parciais, destes dous galegos que se resignan ás reservas, con que compartimos concertos, ás máis das veces fora dos circuítos comerciais, a quen escoitamos, falando dos cantares de cegos ou da musica tradicional, con que choramos e compartimos dor no enterro do Manuel ou na Homenaxe ao Suso en Poio, a quen acompañamos en centos de mobilizacións da nosa loita común.

Mini e Mero, A Quenlla, ven de editar un novo disco, que pon música e voz aos poemas do Manuel sobre as revoltas irmandiñas, redixidos para aquela vella obra teatral "Unha vez foi o trebón"e publicados por primeira vez naquela "Historia compacta do Reino de Galiza", impresa por Galiza Nova que pensou e deseñou Roberto . Un novo disco da Quenlla, e xa van dez, e sempre unha boa nova porque e atopármonos co que fomos, somos e aspiramos a ser; máis alá da calidade contrastada e dos gustos, os seus temas son para todos nós, conciencia, memoria, loita e Galiza; ao fin Mini e Mero significan o triunfo da palabra, propia ou prestada, escrita ou falada, pero nosa. Parabenizamos a Mini e Mero, pero tamén nos parabenizamos nós, cada vez que nos agasallan cun/seu traballo. Parabenizamonos porque un seu traballo é triunfo da xenerosidade, creación colectiva non mercantilizada, porque un seu traballo é festa da lealdade, tradición de nós que perdura, porque un seu traballo é vitoria da dignidade, liberdade de exercer de seu. Mini e Mero, como un irmán che falo.