Manuel Noriega Cortina: un comerciante liberal asturiano na Coruña (I)

Manuel Noriega Cortina: un comerciante liberal asturiano na Coruña (I)

A pesar de ser un dos máis importantes comerciantes na Coruña do segundo cuarto do século XIX, e desempeñar igualmente un relevante papel no ámbito político e socio-cultural, pouco sabíamos da figura de Manuel Noriega Cortina. Só unha breve semblanza de Antonio Meijide Pardo (no artigo “La primera industria coruñesa del vidrio (1827-1850)”, pp: 111-161, incluído no seu libro Temas y personajes de la historia coruñesa contemporánea, A Coruña, 1997, p. 122) ou de María Consuelo Mariño Bobillo (La Coruña bajo el reinado de Fernando VII. La burguesía comercial, A Coruña, 2009, páxs. 531-532). O resto eran noticias espalladas en diversas fontes (arquivísticas, hemerográficas, bibliográficas) que decidimos compilar para trazar a súa biografía.

Manuel Noriega Cortina naceu en 1783 en Puertas, lugar da parroquia de Vidiago, no concello asturiano de Llanes. Era fillo de Andrés Noriega Peláez e a nai Teresa Cortina Díaz. Alí cursou a primiera ensiñanza e pasou a súa nenez.

Debía ter parentes xa ben asentados en México: nunha relación elaborada na Sala capitular de Tepeaca o 1-10-1810, de doadores para zapatos e outros socorros a beneficio dos soldados do exército da Península, que corría a cargo do Real Tribunal do Consulado, en San Luís Potosí aparecen Toribio Cortina Díaz e o seu sobriño Fernando Noriega Cortina. (Gaceta del Gobierno de Mexico, nº 116, 5-10-1810, p. 835). Sería este Fernando irmán de Manuel?

De 1813 son as primeiras noticias que achamos que documentan a súa presenza en México. Así, aparece como fiador dun comerciante, Antonio Ibáñez del Rivero, que pasa coa súa familia á Península con licencia do vicerrei. (Gaceta del Gobierno de México, nº 437, 7-8-1813, p. 824). Neste mesmo ano, vemos que se vende "en el caxon de Noriega Cortina, portal de las Flores núm. 7” da cidade de México, o libro Tratado elemental de la destreza del sable, de Simón de Frías. (Gaceta del Gobierno de México, nº 453, 9-9-1813, p. 948).

Que lle debía ir xa moi ben nos negocios sabémolo por outra noticia: entre 1813 e 1816, as autoridades virreinales celebraron un conxunto de contratas con importantes mercaderes (un deles, Manuel Noriega Cortina; outro, Lorenzo García Noriega) co propósito de obter tabaco en rama e resmas de papel, e financiamento para o pagamento das labores das fábricas, fletes e custos de administración. A cambio, os contratistas recibiron elevadas sumas de caixóns de puros e cigarros, cun desconto no prezo oficial, que poderían vender de forma libre ao prezo que considerasen, conseguindo tamén o privilexio de non pagar diversos impostos (como as alcabalas, etc.) que gravaban ás mercadorías. (Jorge Gelmán, Enrique Llopis, Carlos Marichal (coord.): Iberoamérica y España antes de las Independencias, 1700-1820. Crecimiento, reformas y crisis, México, 2014).

Neste mesmo ano casa Noriega, o 2-12-1813, na igrexa de San Miguel Arcanxo da cidade de México, con Ángela Fabal Díaz, natural de Ferrol, filla de Francisco Ramón Fabal e de Josefa Díaz Miño, os dous de Ferrol.

Na catedral metropolitana da Asunción da cidade de México bautizaranse tres descendentes da parella: Rita Teresa Petra Josefa Ramona, nacida o 21-7-1814 (foi madriña Andrea Fabal); José Manuel Luis Ignacio Sebastián, nacido o 20-1-1816 (foi madriña Josefa Cortina, a nome do seu esposo o tenente coronel Juan Manuel Prieto, ausente), e Josefa Teresa Andrea Rafaela Longina, nacida o 15-3-1817. (Datos obtivos en varias procuras a través de www.familysearch.org).

O 1-1-1819 xa o encontramos actuando na vida política, como rexedor honorario da cidade de México e ocupando o cargo de xuíz de Prazas. O Cabido estaba presidido polo Correxidor Francisco Cortina González, quizais parente. O 31 de decembro do mesmo ano o vicerrei ordenou que non continuase co cargo de rexedor. (http://www.bib.uia.mx/gsdl/cgi-bin/library?e=d-01000-00---off-0actas--00-1--0-10-0---0---0prompt-10---4-------0-1l--11-es-1000---20-about---00-3-1-00-0-0-11-0-0utfZz-8-00&a=d&c=actas&cl=CL2&d=HASH0c0d252085f454f307cc0c)

Nunha publicación para o ano 1820, figura como un dos rexedores perpetuos da cidade de México, ocupando o cargo de “conjuez de Plazas”; segue residindo en Portal de las flores. (Mariano José de Zúñiga y Ontiveros: Calendario manual y guía de forasteros en Méjico para el año de 1820, bisiesto, México, p. 114).

Uns meses despois, logo do triunfo, na metrópole, da revolución de 1820 de Riego, Quiroga e Acevedo, o 22-7-1820 toma posesión o novo Concello constitucional, presidido por Ignacio Aguirrevengoa como coronel alcalde de primeiro voto, sendo un dos rexedores Manuel Noriega Cortina. Na toma de posesión, logo do traspaso de poderes, o marqués de Bustamente entregou a vara de mando a Aguirrevengoa, retirándose os capitulares perpetuos. De seguido, os rexedores constitucionais presentáronse ante o Xefe Político -na acta non o denominan vicerrei-, acompañados de moita xente e entre aclamacións de “¡Viva la Constitución!” ou “¡Viva el Ayuntamiento Constitucional!”. Tampouco se menciona nas actas do Cabido que se deran vítores a El-Rei. (AAVV (comp.): Memoria del Simposio Hacia el Bicentenario de la Independencia. Antiguo Estado de México, Toluca, 2007, páxs. 261-262).

Dispoñemos dalgunhas noticias do seu labor edilicio. Así, xunto con outros concelleiros, en carta ao vicerrei, conde de Venadito, datada en México o 29-8-1820, amosan a súa satisfacción ao coñecer que Fernando VII asinara a Constitución ante as Cortes; tamén lle agradecían que tivese decretado a suspensión dos pasaportes e licencias para andar a cabalo. (Enriqueta Vila Vilar, María Justina Sarabia Mejo: Cartas de cabildos hispanoamericanos. Siglos XVIII y XIX, Sevilla, 1990, p. 273, nº 477).

Nun oficio de Aguirrevengoa e Noriega, membros do Concello constitucional, datado na cidade de México o 30-11-1820 e enviado a José María Bucheli, reitor do Colexio de San Ildefonso, pídenlle información das rendas e fundación do colexio. (Ana María Cortés Bolaños: Fondo Colegio de San Ildefonso. Catálogo e índice (vol. 1 y 2), México, s/a, p. 308, nº 623. (www.ahunam.unam.mx/intrumentos_d/1.01.pdf).

E non relacionado coa súa actividade política, pero sen dúbida si co seu prestixio persoal, nun documento de 27-9-1820, realizado en Xalapa, Manuel e Francisco Badillo, albaceas do seu tío Mateo Badillo, outorgan poder especial a Manuel de Noriega Cortina, veciño da capital de México, para que no seu nome compareza no Consulado desa cidade a deducir os seus dereitos na testamentaria do finado Lucas Mateo Martínez, de quen era herdeiro o referido Mateo. (https://www.uv.mx/bnotarial/detalles.aspx?idA=1_1820_20999&indice=On&letra=N).

(Outra publicación dun autor citado anteriormente aínda o segue nomeando como rexedor da cidade de México e "conjuez de Plazas", residente en Portal de las flores. (Mariano José de Zúñiga y Ontiveros: Calendario manual y guía de forasteros en Méjico para el año de 1821, México, p. 53).

Debido á rehabilitación da Constitución de Cádiz en 1820, algunhas elites, que ata ese momento respaldaran o dominio español, cambiaron de opinión e decidiron apoiar a independencia de Nueva España, aliándose coa resistencia insurxente que xa había. O líder militar dos conspiradores foi Agustín de Iturbide, que a comezos de 1821 encontrouse con Vicente Guerrero, proclamando ambos os dous o "Plan de Iguala", que convocou á unión de todas as faccións rebeldes e contou co apoio da aristocracia e o clero de Nueva España. (https://es.wikipedia.org/wiki/Independencia_de_M%C3%A9xico).

Contra esta situación, o vicerrei Juan Ruiz de Apodaca, o 3-3-1821, publicou unha proclama dando a coñecer o movemento insurreccional de Iturbide, exhortando aos mexicanos "á no leer los planes y papeles seductores emanados de este jefe rebelde, porque en ellos proponía principios contrarios á la Constitución que se había jurado ocho meses antes, á la fidelidad debida al soberano, y á las leyes de la monarquía, que se quebrantarían si se efectuase la separación de cualesquiera de los países que la formaban". O Concello de México entregou a Apodaca, sen abrilo, o prego que lle dirixira Iturbide, incluíndo o Plan; e seguindo o exemplo do vicerrei, publicou na mesma data unha proclama na que os concelleiros, entre eles Noriega, aseguraban ter o valor necesario para sacrificarse, e resistir os ataques e intrigas "del servil despotismo y las seducciones de la anarquía", exhortándoos a permaneceren fieis a El-Rei, á Constitución e ás autoridades lexitimas. (www.antorcha.net/biblioteca_virtual/historia/revolucion_independencia/13_3.pdf).

A súa proxección política progresa. Nas eleccións celebradas o 12-3-1821 para deputados a Cortes, para a lexislatura de 1822-1823, polo distrito da provincia de México, e división administrativa Virreinato de Nueva España, Manuel Noriega Cortina, de profesión comerciante, nun censo de 33 electores, dos que votaron os 33, obtén 20 votos, resultado elixido deputado, aínda que non chegaría a tomar posesión. (Tomamos a información do buscador histórico de deputados en www.congreso.es. Vid. tamén El Universal, nº 192, Madrid, 11-7-1821, p. 755; Correo constitucional, literario, político y mercantil de Palma, nº 207, Palma de Mallorca, 26-7-1821, p. 3; Charles R. Berry: “1. Elecciones para diputados mexicanos a las Cortes españolas (1810-1822)”, pp: 109-142, en Nettie Lee Benson (coord.): México y las Cortes españolas (1810-1822): ocho ensayos, México, 2014, p. 138).

A última noticia que por agora encontramos, na que aparece como deputado a Cortes e rexedor da cidade de México, aparece nun bando do vicerrei Juan Ruiz de Apodaca, conde de Venadito, datado na cidade de México o 7-6-1821. Nel, esta autoridade quéixase de que o bando que publicara o día 1 do mesmo mes, referido ao alistamento dos habitantes da capital, non producira o efecto que esperaba. Como era preciso levar adiante a citada medida, "conformándome con el parecer de la junta de guerra permanente que he nombrado a fin de que me consulte sobre todo lo que halle oportuno relativo a operaciones de guerra en las actuales circunstancias, especialmente en lo concerniente a la defensa de la misma capital", resolvía que se renovase o bando promulgado sobre idéntido fin polo seu antecesor, Félix María Calleja, de 26-10-1813, con algunhas modificacións. Para levar a efecto esta urxente providencia, nomeaba unha xunta composta por José Ignacio Ormaechea, coronel do rexemento de dragóns provinciais de Sierragorda, "alcalde de primera nominación de esta nobilísima ciudad", como presidente; e por Manuel Noriega Cortina, deputado en Cortes e rexedor do Concello, Andrés de la Madrid, deán da Catedral, e os condes de Agreda e de Heras Soto. As sesións desa comisión principiarían ese mesmo día nunha das salas do Concello. (http://bandosmexico.inah.gob.mx/todos/1821_06_07.html).

Logo da toma da capital polos insurxentes, e consumada a independencia o 27-9-1821, Manuel Noriega decide abandonar México coa familia. Uns anos despois xa o encontramos asentado na Coruña, como importante comerciante. Mas diso falaremos noutra colaboración.