Juan Lembeye Lartaud: o seu traballo entomolóxico en Cuba

Juan Lembeye Lartaud: o seu traballo entomolóxico en Cuba

Cúmprese este ano o 2º centenario do nacemento do naturalista galego Juan José Joaquín Lembeye Lartaud (Ferrol, 21-10-1816 – Culleredo, 1-12-1889), nacido nunha familia liberal de estirpe francesa e galaica (o seu pai, Vicente, e o seu tío Joaquín foron membros da primeira loxa masónica da historia de Galicia, a “Logia Constitucional de la Reunión Española” da Coruña, en 1814).

Lembeye é coñecido fundamentalmente polo seu traballo ornitolóxico en Cuba, especialmente por Aves de la Isla de Cuba, -hoxe unha xoia bibliográfica- publicado na Habana en 1850, no que, como demostraron recentemente Cosme Damián Romay e Orestes Martínez nun Memorial dedicado a el en Ferrol, achega ao mundo científico cinco novas especies e unha subespecie (non tres, como se pensaba). Pola nosa parte, localizamos hai un tempo o seu primeiro artigo, “Ornitología cubana”, datado na Habana o 27-2-1849 e publicado en Memorias de la Real Sociedad Económica de La Habana, Segunda serie, tomo VI, Habana, Imprenta del Gobierno y de la Sociedad Económica, 1848, pp: 331-336, ao que seguirá Catálogo de las Aves observadas en la isla de Cuba hasta Octubre de 1850, clasificadas según el sistema adoptado por Mr. Alcides d´Orbigny en la Historia física, política y natural de Cuba de D. Ramon de la Sagra, que aparecerá como Apéndice no seu libro antes citado.

Cando regresa a Galicia instálase en Culleredo, de onde procedía parte da súa familia materna. Nese concello exercerá a alcaldía entre 1868-1871 e, de novo, en 1889, será recoñecido polos seus estudos agronómicos e de mellora dos cultivos, así coma polo seu labor pedagóxico cos labregos, cuxa memoria perduraría no tempo. Nesta etapa publica na Coruña os folletos Consideraciones y consejos agrícolas para mejorar las cosechas de trigo en Galicia y perfeccionar los abonos (1873) e La caries, inoculación esporádica de los trigos y medio de evitarla (1876).

Recentemente tivemos ocasión de publicar un artigo sobre a súa traxectoria vital, e participamos no citado Memorial, no que nos ocupamos da súa etapa cubana. No noso relatorio anunciamos que dispoñíamos de novos datos sobre o seu labor como entomólogo, a faceta máis decoñecida do seu traballo investigador. Diso é do que nos ocuparemos nesta colaboración.

Tiñamos alguna noticia grazas á correspondencia que mantivo con Víctor López Seoane entre 1855-1856, conservada nos fondos deste ilustre científico que se custodian no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. Tamén Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na súa introdución da edición facsimilar de Aves de la Isla de Cuba, publicada pola Xunta de Galicia en 1995, mencionaba sucintamente este asunto.

Da cartas enviadas por Lembeye a Víctor podemos entresacar a seguinte información:

Publicara o libro Aves de la Isla de Cuba, o remitira, e non se lle fixera caso. Vendera a súa colección ornitolóxica, con destino á Universidade de Oviedo. Estivera un tempo sen ánimo, pero cartas recibidas de Alemania, Francia e Estados Unidos “me hicieron despertar de mi letargo”, comezando de novo a formar as súas coleccións. Mais agora o ámbito do seu interese era a entomoloxía, que que estaba

“…poniendo todo mi conocimiento en el estudio de los insectos, particularmente en las mariposas poco estudiadas en sus orugas. Ocupándome un día á la semana en mis exploraciones reuní casi todas las mariposas diurnas, pinté las que me faltaban, encontré algunas especies nuevas en las Callidryade, Prolinnatus y Hesperia… descubrí más de veinte orugas desconocidas que pienso publicar más adelante, tengo cerca de doscientas crepusculares y nocturnas y al menos quinientos “modelos” de los demás órdenes”.

Noutra das cartas, Lembeye coméntalle a Víctor López Seoane que “la publicación de unos amigos, donde inserté una serie de artículos sobre mariposas diurnas” impedíralle adiantar na busca dos exemplares que lle pedira.

Díaz-Fierros manifesta descoñer os traballos e publicacións mencionadas por Lembeye, coidando que só a vitrina nº 51 da Colección López Seoane da Casa das Ciencias da Coruña “parece ser el callado testimonio de sus últimos trabajos como naturalista”.

Pola nosa parte, concordamos en que o traballo investigador de Lembeye no ámbito entomolóxico era descoñecido. Pero atopamos 15 artigos da súa autoría tratando destes insectos, primeiro na revista Floresta cubana (1855-1856), publicada na Habana e da que era un dos redactores, e logo na súa continuadora, La Piragua (A Habana, 1856).

En Floresta cubana, Lembeye publica nove: “Mariposas”, “Historia Natural. Orugas”, “Historia Natural. Crisálidas”, “Historia Natural. Mariposas diurnas”, “Historia Natural. Continuación de las mariposas diurnas”, “Historia Natural. Continuación de las mariposas diurnas”, “Historia Natural. Continuación de las mariposas diurnas”, “Historia Natural. Continuación de las mariposas diurnas. Lycaenidas” e “Historia Natural. Ninfalideas”.

E, en La Piragua, outros seis: “Historia Natural. Vanesas”, “Historia Natural. Argynnis y Melitaeas”, “Historia Natural. Danaides”, “Historia Natural. Heliconias”, “Historia Natural. Satyrus y Vanesas” e “Historia Natural. Hesperides y Urania [FINALIZA]”.

Precisamente esta revista, cando anuncia a conclusión da serie de artigos de Lembeye, lembra

“… lo bien acogidos que son los trabajos del Sr. Lembeye, es bastante sabido para que nosotros tratemos de repetirlo; pero ha engalanado con sus escritos, de tal modo, las pajinas de estas publicaciones, que no podemos menos sino es mostrarle nuestro agradecimiento. Es tan florido el lenguaje del Sr. Lembeye, vierten tanta poesía sus bellísimas descripciones que no cansan jamas, á pesar de la aridez de la materia… […] La Aurora de Matanzas, no hace mucho, suplicaba al Sr. Lembeye que se estendiera mas en sus artículos, porque tiene muchos admiradores que lo desean: nosotros concluimos suplicando al Sr. Lembeye que aunque tenga que ser lacónico por sus muchas ocupaciones, vuelva á favorecer las pajinas de La Piragua”.

Pola súa parte, Juan Clemente Zenea, (“Un naturalista de la Isla de Cuba. Juan Gundlach”, La América, ano VIII, nº 13, Madrid, 18-8-1864, p. 9), infórmanos que Juan Lembeye é un naturalista, “autor de las Aves de Cuba, y cuyos hermosos artículos particularmente sobre mariposas, han sido una de las mas agradables lecturas con que se han engalanado algunas de nuestras publicaciones,…”.

Outro investigador, Manuel J. Presas (“La Historia natural de Cuba”, en Felipe Poey (director): Repertorio fisico-natural de la Isla de Cuba, Tomo I, Habana, Imprenta del Gobierno y Capitania general por S. M., abril 1865-setiembre 1866, páxs. 11 e 13 as referencias a Lembeye.) dinos:

D. Juan Lembeye, natural de Galicia, fué uno de los más aficionados á la Ciencia que hemos tenido en nuestro gremio: guardaba colección de insectos, empezó á formar un herbario, pintaba en su álbum las mariposas cubanas, y buscaba cuidadosamente las orugas, publicaba artículos amenos sobre lepidópteros; pero en lo que mas empleó su actividad fué en completar su colección de Aves, aumentada hasta el punto de venderla en mil pesos, á unos generosos amigos del Museo de Oviedo, en cuyos estantes existe hoy ese valioso regalo.

Bastantes anos despois de regresar a Galicia, Lembeye presentará a súa colección entomolóxica de insectos de Cuba na Exposición local da Coruña de 1878, formando parella con outra instalación similar de Víctor López Seoane. A de Lembeye estaba composta de 27 cadros e varios cartóns: “Hay en esta cuadros de preciosísimas mariposas cuya belleza es tan superior que parecen obra del arte humano”. Tanto esta colección, rica e numerosa, coma a de López Seoane, estaban coidadosamente ordenadas e científicamente clasificadas polos seus colectores. (Diario de Lugo, ano III, nº 538, Lugo, 20-7-1878, p. 3).

Cal foi o destino desta colección? Díaz-Fierros reproduce nun Apéndice da súa citada introdución a partida de defunción de Juan Lembeye; nela, menciónase que fixo testamento ante o notario público, residente no Burgo, Camilio Varela del Junco. Nunha das disposicións, legaba as súas coleccións e outros bens materiais ao seu irmán Laureano, coronel de Infantería retirado e que colaborara con el nas iniciativas agropecuarias. Cando Laureano falece en 1896, deixa ao Instituto de Ensino Medio da Coruña, para o Gabinete de Historia Natural, ese material, que os seus testamentarios (o seu irmán Benito Lembeye Lartaud, -que faleceu nonaxenario- e José Barrié Pastor) entregarán ao ano seguinte, segundo se recolle na Memoria do curso 1896-1897 desa institución docente. O legado consistía en 25 caixas pequenas e outras tres mais grandes contendo insectos da illa de Cuba, e dúas carteiras, unha con 64 cuartillas manuscritas e outra con 151, sobre estudos entomolóxicos feitos por Juan Lembeye. Entregan ademais un exemplar de Aves de la isla de Cuba e un retrato de Juan Lembeye, que debería colocarse nunha das paredes do gabinete de Historia Natural, o máis preto posible da valiosa colección de insectos e manuscritos doados. (Vid. Díaz-Fierros, introd. cit. e Xosé A. Fraga: “As Ciencias nas aulas do Instituto”, en María Isabel Ruso e María Rosario Soto (coord..): O “Instituto da Guarda” da Coruña: 125 anos de historia. [1890-2015], A Coruña, 2016).

Na actualidade, semella que só se conserva o retrato, no Museo de Belas Artes da Coruña, e unha caixa de himenópteros na Colección Víctor López Seoane na Casa das Ciencias da Coruña. Mais temos intención de facer unhas pescudas no Instituto: cabe a posibilidade de que alí se custodien máis caixas.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.