Fraguas en Lugo

Neste ano cúmprense 80 do remate da guerra civil (1936 - 1939), e os 20 do pasamento de Antonio Fraguas Fraguas, persoeiro cualificado unanimemente como un dos bos e xenerosos ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Fraguas naceu en 1906 e tivo a sorte de iniciar aos 13 anos os estudos do bacharelato cando xa era un mociño, o que seguramente lle serviu para ter unha comprensión diferente das materias que lle impartiron profesores como Ramón Sobrino Buhigas, Antón Losada Diéguez, que foi o que, segundo el, máis influíu no seu pensamento e na súa obra, e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Os tres foron despois os seus compañeiros no Seminario de Estudos Galegos, fundado en 1923.

A etapa de formación

En 1924 vai a estudiar a Santiago a carreira de Filosofía e Letras, Incorporándose ao Seminario de Estudos Galegos como oínte no primeiro curso. Nesta institución é onde fai os mellores e máis queridos amigos: Castelao, Xaquín Lorenzo (Xocas), José Filgueira Valverde, Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza-Brey, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas (Floro), Isidro Parga Pondal, Ricardo Carballo Calero e Jesús Carro García, entre outros.

Por esta época ingresa na Irmandade da Fala a proposta de Ramón Martínez López. O acto tivo lugar na casa do pintor Camilo Díaz Valiño, pai de Isaac Díaz Pardo, e alí estaban para recibilo os tres ourensáns: Sebastián Martínez Risco, que era o presidente, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. Pódese comprender, polo tanto, que estaba predestinado a entrar no Partido Galeguista.

Rematada a carreira en 1928 incorporouse ao Seminario como membro numerario das seccións de Xeografía, que dirixía Otero Pedrayo, e Etnografía e Folclore, que levaba Sebastián Martínez Risco. Comeza o seu labor de investigación.

En 1933 concorre en Madrid aos cursiños de selección convocados polo Ministerio de Instrucción Pública, que aproba, pasando a ser profesor de Xeografía e Historia no Colexio Subvencionado da Estrada, transformado despois en Instituto. Como era o secretario do Partido Galeguista na Estrada en xullo de 1936 foi considerado como "galleguista separatista de la rama católica", polo que foi perseguido polos falangistas e suspendido de emprego e soldo por Orde do 4 de noviembre do mesmo ano por "responsabilidades políticas" e despois separárono da docencia.

Como xa casara en 1932 con Teresa Martínez Magariños e como había que manter unha casa fundou unha academia en Santiago á que lle puxo o nome de "Menéndez Pelayo" tendo como socio a Ramón Dávila, crego de San Martín de Solovio.

Cumprida a sanción, en 1942-43 oposita a unha cátedra de instituto, vai superando os exercicios e chega ao derradeiro co número 2, pero non o aproban a pesar de ir recomendado por Romualdo de Toledo y Robles, un tradicionalista que tivo dedicada unha rúa en Lugo. O presidente do tribunal dille a razón: "La política acabó con usted".

A hora da xustiza

O ano 1950 comezaba para os galeguistas coa magoa da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A primeira carta que ten Fraguas dese ano é de Ramón Otero Pedrayo, o referente galeguista que marca a elaboración do proxecto intelectual, tanto investigador como divulgador a través da Editorial Galicia, amparada polo exilio e o Centro Gallego en Bos Aires. O 10 de xaneiro dille:

"Co istas emociós anda un espremido de todo. Que teña bon xaneiro, o mes que determina o primeiro anaco do ano".

Ese "primeiro anaco do ano" era un anuncio premonitorio para os dous pois foi o que determinou que chegaran á meta das súas aspiracións académicas, Otero consegue a cátedra de Xeografía e Historia da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago e Fraguas a do Instituto Masculino de Lugo.

As oposicións de 1950 convocaron as Cátedras de Geografía e Historia dos de Cartagena, Padre Isla (León); Masculino de Lugo; Mahón; Masculino de Oviedo e Bernardo de Valbuena de Valdepeñas. Nesta ocasión Fraguas aprobou a pesar de que un compañeiro opositor advertiu ao tribunal de que acababan de aprobar a un individuo perigoso. Ocupou a vacante que deixara o ourensán Primitivo Eligio Rodríguez Sanjurjo, que morreu en Lugo o 20 de decembro de 1947 e que Otero Pedrayo lle pediu o 6 de abril que cando fose a Lugo "non deixe algunha serán de visitar a tumba de Primitivo. Unha lápida moi sinxela e branca no cemiterio". Fraguas xa o coñecía da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago e mantiveron relación epistolar.

A boa nova, máis que do seu éxito, "do trunfo da túa xustiza", como lle dixo Xesús Ferro Couselo, saíu nalgúns periódicos e axiña comezou a recibir parabéns, non só "dos seus", senón tamén "dos outros".

Jesús de Cora y Lira, o escritor viveirense tradicionalista, nese momento conselleiro nada menos que do Consejo Supremo de Justicia Militar, di algo que no contexto no que se produce, pode sorprender:

"Verdadera satisfacción me produjo la noticia de habérsele adjudicado a Vd una cátedra del Instituto de Lugo. Es un reconocimiento de su valía y merecimientos de Vd. Pero, además me impresiona a mi, gratamente, que en el Instituto aquel, de mi provincia natal, haya un poco de espíritu galaico, de que están privados la mayor parte de nuestros establecimientos de instrucción oficial, y Vd constituye una garantía de ello, aunque sea el único o casi el único, de sentimientos y espiritualidad gallegos"

Tamén é elocuente a felicitación do médico de Pontevedra Víctor Lis Quiben, que foi o organizador de Falange Española en Pontevedra, aínda que despois militou en Renovación Española, partido polo que saíu deputado en 1936, e xa na guerra civil integrouse no exército franquista colaborando na represión. Certo é que terminada a contienda xa non interveu en política. Felicítao "por el triunfo obtenido, que premia sus merecimientos y trabajos y le compensa de las dificultades y amarguras de la vida. Créame que me ha producido muchísima satisfacción y espero que el premio siga coronando su vida de estudio y satisfacción".

Ciríaco Pérez Bustamante, nese momento director do Instituto Gonzalo Fernandez de Oviedo que fora seu profesor en Santiago de Historia Xeral de España e presidente da comisión depuradora das bibliotecas da Universidade, xefe local de prensa e propaganda de FET e das JONS, dille que seguía ao detalle e día a día, "la marcha de sus apariciones", e engadía:

"Estoy muy bien impresionado. La era va perfectamente. ¡Animo y adelante, que ahora va a triunfar! No lo deje de la mano".

A etapa da liberdade

Fraguas chega a Lugo en plena madurez, con 45 anos e unha experiencia docente na materia de vinte anos en centros oficiais e privados, profesor auxiliar e adxunto na Facultade de Filosofía e Letras, no Colexio "Academia Gelmírez" (1930-1933), no Colexio Subvencionado da Estrada (1933-1936) e no colexio recoñecido "Academia Menéndez Pelayo" (1937-1950) que funda no período da suspensión e expulsión da docencia.

Parece que se adaptou ben ao novo medio xa desde o primeiro momento, a xulgar polas impresións que podemos ler nas cartas dos primeiros anos que lle enviaban os amigos e coñecidos. Segundo escribiu en 1989 con motivo da homenaxe que lle dedicaron os exalumnos lucenses:

"Lugo para min significou o mesmo que para Frei Luís o de "Dicíamos onte": A liberdade. Foi a volta á miña vida académica, por eso nunca poderei esquecer Lugo".

Fraguas foi aceptado por todos integrándose e colaborando na vida social e cultural da cidade. Cando chega era presidente da Deputación Antonio Rosón Pérez, e cando marcha era gobernador civil Enrique Otero Aenlle, aos que xa coñecía de Santiago. Así que cos dirixentes políticos non tivo ningún problema. Os compañeiros do Instituto tamén o acolleron ben, elixíndoo como secretario a partir de 1955 e os alumnos encantados co seu método de ensino, pois saía con eles da aula a buscar e catalogar castros e mámoas e a ver os monumentos da cidade.

Os círculos sociais e intelectuais son semellantes aos de Santiago, nos que se vai integrar para facer vida social, no só cos compañeiros, senón tamén participando nos parladoiros con novas e antigas amizades, colaborando co Museo Provincial, coa Comisión de Arte Sagrada da diocese, coa sección provincial da Asociación Española de Amigos de los Castillos, dando conferencias e pregóns, pescudando no Arquivo Histórico Provincial na procura de material para escribir artigos, inventariando cos alumnos os castros e as mámoas da contorna da cidade e traballando na organización dos primeiros Cursos Universitarios de Primavera.

O seu traballo de investigación e o seu labor de divulgación


Despois de aprobar a oposición, Fraguas xa se pode dedicar a escribir. A temática fraguiana na etapa lucense vai desde a arqueoloxía, preferentemente a prehistoria, a historia, a arte, a xeografía, a etnografía, o folclore a biografía e a bibliografía. Na década dos 50, e, polo tanto, estando en Lugo, publica os tres primeiros libros, Geografía de Galicia (1953), con alusións xerais a xeografía de Lugo e a comarcas lucenses, e os dous tomos da súa tese doutoral publicada en Cuadernos de Estudios Gallegos, o primeiro Historia del Colegio de Fonseca (1956) e o segundo Los colegiales de Fonseca (1958) e o folleto Santiago de Compostela (1957).

Deu as conferencias de apertura dos cursos 1951-1952 sobre "Doña Emilia Pardo-Bazán. Notas de un lector" e a do curso 1957-1958, que titulou "Estampas de la vida y de la muerte del emperador Carlos I"; pronunciou a conferencia de homenaxe aos Reis Católicos o 12 de outubro de 1952; o 12 de febreiro de 1953, participou nun ciclo de conferencias organizado pola delegación provincial do Ministerio de Educación Nacional falando de "Galicia en las raíces de España o breves nociones sobre la prehistoria gallega"; deu a conferencia da "Fiesta de la Poesía" celebrada o día 21 de marzo de 1957; deu o pregón da Semana Santa o 27 de marzo de 1953 e o do Nadal o 20 de decembro de 1957; foi premiado no II e VI Certamen Literario-Periodístico-Radiofónico de Lugo de 1952 e de 1956 e foi o secretario do I e II Curso Universitario de Primavera celebrados en 1958 e 1959. O seu labor de divulgación popular completouno con artigos publicados nos xornais El Progreso de Lugo; La Noche, de Santiago; El Ideal Gallego, de A Coruña e El Pueblo Gallego de Vigo, e nas revistas Vida Gallega e Lar, entre outras.

Na sesión do 19 de abril de 1951 a Real Academia Galega recoñece o seu traballo intelectual elixíndoo académico numerario para ocupar a cadeira de Castelao. O seu discurso de ingreso que titulou "Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán", tamén o escribiu en Lugo, cidade que deixou en setembro de 1959 para continuar a súa vida en Santiago de Compostela onde faleceu o 5 de novembro de 1999.