Coidar o monte, descubrir o patrimonio

Coidar o monte, descubrir o patrimonio

O pasado sábado, día 28 de febreiro, a Comunidade de Montes de Peitieiros, en Gondomar, levou a cabo unha plantación de frondosas nunha superficie dunhas tres hectáreas. O feito, sen dúbida loable, non tería maior interese divulgativo se non fora por destacar o cambio nos usos do monte, xa que son moitas as Comunidades de Montes que concienciadas cos problemas de perda de biodiversidade e da capacidade invasora de especies foráneas, especialmente eucalipto e acacia, están actuando e investindo moito financiamento e esforzo na liña de substitución desas especies.

Este monte comunitario, dunha das parroquias de Gondomar, ten ao redor de 300 ha, mais a súa orografía fai difícil unha xestión rendible, aínda coa explotación do clásico monocultivo de eucalipto, por causa da orografía e dos lumes que a asolaron nos últimos anos.

Mudanza forestal e participación veciñal

Así pois, esta comunidade, dentro do seu Plan de Ordenación do Monte, marcou como obxectivo mudar a franxa forestal baixa do monte, en fronteira coas tomadas particulares, substituíndo, xa dende os anos 90, as especies invasoras por frondosas, ben castiñeiros, carballos autóctonos e americanos ou mesmo pradairos, do que este monte conta cun pequeno, mais único, bosque coñecido nesta área do Val Miñor. Neste labor cóntase co chamamento e participación de toda a comunidade e veciñanza a través de voluntariado, imprimindo un carácter divulgativo, ben como actividades comunais ou ambientais.

A zona obxecto da repoboación nestes últimos anos é ademais un área degradada polos reiterados lumes, pola erosión causada posteriormente e pola propagación de acacia que resiste todo, ou mellor, aínda se beneficia desa situación de pobreza biolóxica. A zona está tan afectada que mesmo os outeiros de granito están descascarillados ou meteorizados, cunha superficie inestable e areosa.

O remate da actividade de plantación

O sábado de autos, o día era poallento, de chuvia miúda mais impertinentemente persistente, día de cans como se di vulgarmente sen que estes teñan a culpa, non daba nin para tomar un bocadillo e botar uns últimos comentarios sobre a convulsa situación política municipal. Mais @s asistentes, despois de conseguir o seu obxectivo de chantar uns 200 pés, non puideron por menos que aproveitar un derradeiro minuto para facerse unha fotografía usando os empapados dispositivos electrónicos que levaban nos seus petos. Para iso quedaron no outeiro máis baixo, unha laxe co cume chan, curiosamente menos degradado que as do resto da zona, que se presenta coma un balcón sobre o camiño de subida ao monte e sobre parte do Val Miñor, permitindo ver, con bo tempo, o mar da ría de Baiona. Alí, apurados por marchar fixéronse a tan anceiada fotografía que inmortalizara o momento e que servirá para ensinar aos netos, cando en familia visiten o futuro bosque. Buscando o mellor plano, o fotógrafo daba as típicas indicacións de: xuntarvos máis, dicir tod@s: meteoroloxía adversa ou dar un paso para atrás. Diante desta última recomendación unha das fotografadas indicou que non podía dar un paso sen pisar o petróglifo.

Como?

En ningún catálogo consta que nesa laxe houbera petróglifo ningún, mais, unha vez feita foto de grupo, a seguinte, foi para o obxecto representado na pedra. Aquel día non deu para máis a chuvia arreciaba e a auga calaba ata os ósos, coa plantación realizada cada un retirouse do monte por ese día.

Mais, xurdía a dúbida do que sería aquel risco na pedra, semellaba rarísimo que no Val Miñor, lugar con petróglifos emblemáticos como o da Auga da Laxe, o da Chan do Cereixo ou o veciño do Monte Tetón, ademais doutros centos deles ciscados pola contorna, non se tivera novas daquel, que ademais está a escasos 100 m dos lugares máis transitados do Matalagartos, a área de lecer do Lombo do Roxás e o parque forestal do Curro Vello. Así que a dúbida merecía unha nova inspección, antes de alertar os especialistas, non fora ser que o desexo levara ao ridículo de presentar unhas simples liñas de fractura, aínda debuxadas graciosamente pola natureza, como unha grande obra realizada pola humanidade. Mais o resultado da seguinte inspección ocular foi aínda xenerosa de máis. Sobre unha laxe duns 100 metros cadrados, a maior parte oculta polo brión e modernamente antropizada, baixo as insignias de reparto dos canteiros que mesmo a cortaron parcialmente para postes das viñas, achegábanse a adiviñar máis de oito círculos concéntricos, cun central ao estilo do Tetón, aínda máis modesto, liñas, coviñas e riscos. Unha vez que sexa examinada polos especialistas e valorada a súa magnitude, poderíase converter no cuarto ecoparque arqueolóxico da bisbarra, comprobando unha vez máis o antigo uso que a humanidade deu ao espazo que actualmente compartimos.

A partir do día da plantación, aínda chuvioso e anodino, xa histórico polo achádego, o monte comunal e a zona repoboada terá un novo uso, un uso arqueolóxico, educativo e divulgativo do labor dunhas persoas que nos precederon hai milleiros de anos e que xa tiñan preocupación sobre o solo que pisaban, tanta, que nos deixaron a súa pegada para que a recoñeceramos, igual que facemos hoxe deixando estes pés de frondosas chantados que un lonxano día tocarán o ceo cos seus gomos alá moi alto, onde xa nós non o veremos.

A comuneira voluntaria do día anterior tiña razón, nin un paso atrás, non por valentía, senón polo respecto de non pisar os riscos na pedra que con tanto empeño usaron os nosos antergos, para algo que descoñecemos.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.