Cándida Baltar Bravo: a vida itinerante dunha masona galega

Cándida Baltar Bravo: a vida itinerante dunha masona galega

A primeira vez que vemos citado o nome da galega Cándida Baltar Bravo, oriunda da Coruña (Esteban Cortijo: “La masonería en la provincia de Cáceres: Logias y nombres propios”, pp: 229-299, en Esteban Cortijo (coord.): Masonería y Extremadura, Cáceres, 2008, páx 258) é nunha suscrición de agosto de 1884, a favor das familias duns militares republicanos fusilados en Girona o 28 de xuño dese ano. Nesa suscrición aparecen correlativamente, e residindo no concello cacereño de Garciaz, José Impellitieri e a “Señorita Cándida Baltar”. (La República, Madrid, 19-8-1884). José, co que anos despois casará civilmente, fora moito antes, -dirá ela nun discurso que logo reproduciremos, esposo “ante mi conciencia”.

Cremos que se deberon coñecer en Madrid. Un irmán de Cándida, Aureliano (en ocasións Aurelio), era mestre en 1883 en Meco. (Boletín Oficial de la Provincia de Madrid, 1883, páx. 1). Uns anos despois, en 1887, Aureliano aparece vivindo en Millanes, sendo secretario interino do Xulgado municipal; quizais tamén era mestre. (Boletín Oficial de la Provincia de Cáceres, 7-6-1887). Dous anos despois, en 1889, gaña praza de mestre en Miajadas (Gaceta de Instrucción pública, Madrid, 26-6-1889 e 5-7-1889), onde permancerá o resto da súa vida profesional. (No Suplemento a la Escuela Moderna, Madrid, 13-11-1918, xa aparece xubilado).

En Miajadas falecerá en 1891 o seu fillo Trajano, celebrándose un enterro civil o 28 de xuño. (Boletín de Procedimientos del Soberano Gran Consejo General Ibérico y Gran Logia Simbólica Española, Madrid, 5-7-1891; en adiante, BPP).

José Impellitieri Ialemi, italiano de nación, era médico de Garciaz, e seráo durante os anos seguintes. Tamén, desde 1886 a 1889, encontramos varias referencias que o vencellan ao Comité republicano desa vila. (La República, 31-7-1886, 9-11-1886 e 1-11-1887; Las Regiones, Madrid, 7-4-1888) e logo en Ibahernando, xunto co seu cuñado Aureliano. (La República, 3-7-1889).

O 13 de decembro de 1889, Cándida e José casan civilmente en Ibahernando (Trujillo), sendo testemuñas da voda os “convencidos librepensadores de Trujillo” (algún deles masóns) Agustín Martínez Carrión, Diego Burgos, Juan Fernández e José Cercas. Finalizada a ceremonia, celebrouse un banquete, ao que asistiron o xuíz municipal, o alcalde e numerosos amigos, no cal se pronunciaron brindes en favor do librepensamiento e polo novo matrimonio. (Las Dominicales del Libre Pensamiento, Madrid, 28-12-1889).

Moi pouco tempo despois, Cándida iníciase na francmasonería na loxa “Castra Xulia nº 20” de Trujillo, auspiciada pola “Gran Logia Simbólica Española de Menfis y Mizraim” (da que formaban parte José e Aureliano, procedentes de “Comuneros nº 289” de Madrid) nunha tenida extraordinaria celebrada o 3-4-1890, adoptando o nome simbólico de “Cancio” (chegará a ostentar o grado 7º). Na conclusión da ceremonia, pronunciará un breve discurso:

“Ven:. Maest:. y QQ:. HH:.: Henchida mi alma de gozo por ser la vez primera que mi humilde voz se extiende por ámbitos de una Resp:. Log:., os felicito y me felicito de ver en esta ciudad levantado un Temp:. á la virtud, á la honradez y la verdad.

¡Fuera oscurantismol ¡Guerra á la ignorancia!

Joven y huérfana en medio de este mundo egoista, vil y artero, siguiendo los impulsos de mi corazón y de mi conciencia, guiada por los sanos consejos de mi virtuosa madre, he luchado con mil contrariedades en la vida, y he vencido á los secuaces del oscurantismo gracias á la honradez, fortaleza é hidalga nobleza del que hoy es mi esposo ante la ley, y mucho antes ante mi conciencia, nuestro querido H:. José Impellitieri.

La emoción embarga mí ánimo y no puedo proseguir.

Os doy las más cumplidas gracias por haberme admitido en esta Sagrada Or:.

Y conste mi recuerdo de gratitud hacia los HH:. y amigos que nos acompañaron en nuestro acto de independencia religiosa, en nuestro casamiento civil.

Que el Santuario que hemos levantado á la razón sea el Temp:. desde el cual se irradien luminares eléctricos que alumbren á esas pobres gentes que no tienen más luz que la que reciben de la fúnebre amarilla cera que tan caro les cuesta.—He dicho.” (BPP, Madrid, 30-4-1890).

Tanto José como Aureliano terán unha destacada traxectoria masónica. José, ademais de pertencer a “Comuneros nº 289” e á “Castra Xulia nº 20”, foi membro da loxa “Confederación nº 302” de Lisboa (do Gran Oriente de España), sería grado 33º e Gran Esmoleiro do Gran Consejo General Ibérico, do que era Gran Conselleiro. O seu nome simbólico era Mazzini. Pola súa parte, Aureliano, ademais de en “Comuneros” e “Castra Xulia” (na que foi orador adxunto), tamén estivera integrado na loxa “Confederación Peninsular nº 167” de Lisboa (Gran Oriente Nacional de España). Na “Gran Logia Provincial de Cáceres” foi Gran Mestre Portaespada e posiblemente tamén formou parte da loxa “Justicia nº 11” de Navalmoral de la Mata. O seu nome simbólico era Montesino e chegou a ostentar o grado 18º. (Para a traxectoria, vid. Pedro Víctor Fernández Fernández: La masonería en Extremadura, Badajoz, 1989; Ignacio Chato Gonzalo: Las relaciones masónicas entre España y Portugal 1866-1932. Un estudio de la formación de los nacionalismos español y portugués a través de la masonería, Mérida, 1997; Cortijo, 2008: pássim).

O discurso de Cándida, pola súa temática, por ter sido pronunciado por unha muller, expresando o seu pensamento, ten sido glosado na historiografía masónica. (Por citar só uns exemplos, Pedro Álvarez Lázaro: La masonería, escuela de formación del ciudadano. La educación interna de los masones españoles en el último tercio del siglo XIX, 3ª ed., Madrid, 2005; Fernández Fernández, op. cit.; María José Lacalzada de Mateo: “Presencia femenina en la Masonería extremeña durante el último tercio del siglo XIX”, pp: 121-156, en Cortijo, 2008, e o propio Cortijo, 2008, art. cit., páx. 141; Marina E. López Sepúlvedra: En columnas de igualdad. Una experiencia histórica en busca de la equidad, Oviedo, 2014). Tamén recolle esta iniciación masónica de Cándida Baltar a historiadora Natividad Ortiz Alvear (Mujeres masonas en España: diccionario biográfico (1868-1939), 2007).

A parella abandona Extremadura e, xa en xaneiro de 1891, polo menos, residen na Coruña, porque o día 8 deste mes pronuncia un discurso na loxa coruñesa “Progreso nº 39”, da mesma obediencia masónica:

“Ven:. Maes:. y queridos hh:.

Poco sé y nada valgo; pero sólo por ser mujer llevo conmigo mismo la consideración y respeto de los hombres. Si logro saber interpretar nuestras leyes y principios, se colmarán mis deseos.

La mujer, Ven:. Maes:. y queridos hh:., sabiendo guardar su puesto de honor en la sociedad con arreglo á su conciencia y la razón, puede hablar muy alto á favor de ésta y en contra del error. El hombre insulta al hombre, le injuria, le escarnece. ¡Pero ese hombre insultante no tiene valor para sufrir que en público una señora con razón le llame vago, embaucador miserable! Y no puede acometer bruscamente, porque la sociedad toda estaría de parte de la mujer. ¿Quién que de caballero se precie no está al lado del débil y aun más teniendo razón?

Por otra parte, ¡qué hermoso debe ser para un hombre oir de labios de la mujer á quien ama la defensa de la conciencia, de la razón, de la justicia y del derecho!

¿Y qué madre que así piensa y así siente no educa de igual modo á sus hijos?

¡Libertad á la conciencia! ¡Paso á la razón! ¡Respetemos la justicia y el derecho!“(BPP, 1-2-1891).

A razón de vir á Coruña foi establecerse José como médico. Nun anuncio de setembro de 1891 vemos que se cualifica como médico cirurxián, e que trasladaba á súa consulta á Travesía da estreita de San Andrés, nº 2, 2º; antes, tíñaa na rúa Ancha de San Andrés, nº 11-2º. (BPP, Madrid, 18-1-1891, e 27-9-1891; Alberto Valín Fernández: La masonería en Galicia en el siglo XIX, Sada, 1991, páxs. 141-143, sinala a presenza de Impellitieri na Coruña, supoñendo que puido visitar a "Progreso·, pero non menciona a Cándida).

Supoñemos que a cousa non lle foi ben porque ao ano seguinte, 1892, publica anuncios similares en Sevilla; aquí, reside en Capuchinas, nº 2, 2º baixo. (BPP, 19-5-1892 e 10-7-1892).

Uns anos despois, en 1896, temos documentado que residen en Villaharta (Córdoba), onde José exerce a medicina. (Diario de Córdoba, Córdoba, 28-7-1896). Mais unha noticia da celebración dunhas representacións teatrais o ano anterior, que dirixiu "don Aureliano Baltar, profesor de primera enseñanza de una importante población de Extremadura, cuyo señor hace un año nos viene honrando con su presencia" (Diario de Córdoba, 15-5-1895), fainos supoñer que quizais José e Cándida xa se estableceran tempo antes, e Aureliano os visitase. Noutro curioso anuncio, Aureliano publicítase como mestre de 1ª Ensinanza superior e director de escolas públicas por oposición, ofrecendo ensinanza particular a nenos e señoritas en Plazuela de los Caballos, 14. (Diario de Córdoba, 15-9-1896). Foi algo temporal?

Dende 1898, José e Cándida residen en Málaga, onde, ademais da súa consulta particular, faino igualmente nos Baños La Estrella, na temporada de verán. Nestes anos José aparece en varios domicilios: rúa da Bolsa, n.º 4, principal dereita (Diario de Córdoba, 30-6-1898), Santa Lucía, n.º 3 (Diario de Córdoba, 23-7-1903), Císter, nº 8 (Diario de Córdoba, 12-7-1908), Santa María, nº 17 (El Defensor de Córdoba, Córdoba, 31-8-1912), ou nos propios baños.

Nunha carta que publica en 1902, asína como "ex Médico Militar de Málaga" (El Adelanto, Salamanca, 21-7-1902).

Por esta estancia en Málaga sabemos da existencia dun fillo, José, mancebo nunha farmacia, que por un erro na elaboración dunha receita causará a morte dunha nena (La Opinión, Santa Cruz de Tenerife, 23-6-1910). A outro fillo, Federico, encontrámolo en 1926 en Barcelona (La Vanguardia, Barcelona, 28-5-1926); patentaría varios inventos anos despois.

En febreiro de 1915, o seu esposo, instantes antes da celebración dun xuízo, dispáralle ao seu denunciante, un tal Vallejo, na secretaría do Xulgado, autolesionándose despois (descoñecemos as causas do litixio) (El Telegrama del Rif, Melilla, 25-2-1915) e, uns meses despois, en outubro, José suicídase, inferíndose tres feridas na gorxa cunha navalla. Nesta ocasión, coméntase que puido ter adoptado esta decisión a causa de padecer unha doenza crónica. (Diario de Córdoba, 4-10-1915).

Descoñecemos se Cándida vivía aínda: dende o seu citado discurso na Coruña, non volvemos encontrar o seu nome na prensa.