Antonio García Fuertes Velasco: defensa da educación da muller na Coruña en 1859

Antonio García Fuertes Velasco: defensa da educación da muller na Coruña en 1859

Protagonista duns discursos a prol da educación da muller, dos que logo falaremos, pouco se sabe do devalar vital de Antonio García Fuertes Velasco.

Segundo datos extraídos de varias fontes, naceu na Coruña o 27-3-1820, fillo de Antonio García Fuertes, da Coruña, e Rosa Velasco, de Santander. (Padrón de 1877).

Nada coñecemos sobre a súa formación e primeira etapa da súa vida; simplemente, algunhas pistas que el nos proporciona no citado discurso no Ateneo, onde di:

“Desconocido casi á la mayoría de los sócios de este Ateneo, preciso es que os diga que el idioma que debe revelaros mis ideas es estraño para mi. […] Veinte años de continua residencia con gentes cuyas costumbres declaran la ninguna analogía que tiene su origen con el nuestro, es mal antecedente para que yo pueda animarme en el desempeño del compromiso que voluntariamente he contraído. […] Soy estrangero en el pais que me vio nacer […] He elegido este punto para mi primer ensayo en mi idioma nativo, por tener alguna analogía con la profesión en que me ocupo”. (EA, nº 1, 3-8-1859).

Viviu, quizais, en Estados Unidos? Nunha referencia ao bautizo, na Coruña, dun mariñeiro norteamericano albergado no Hospital da Caridade, dísenos que foron padriños Xoana de Vega, condesa de Espoz y Mina, e Antonio García Fuertes, cónsul de Norteamérica na Coruña. (La Esperanza, Madrid, 7-5-1864).

En xaneiro de 1857 preséntase, en Madrid, ante o tribunal de censura para as oposicións da cátedra de lingua inglesa vacante na escola especial de comercio da Coruña, desenvolvidas no Instituto de San Isidro. (Diario oficial de avisos de Madrid, Madrid, 25-1-1857), resultando gañador, tomando posesión da praza, en propiedade, o 11-2-1857. (Gaceta de Madrid, nº 92, 1-4-1876).

Xa na Coruña, o 22-8-1857 casa, na igrexa de San Nicolás, con Amalia Conde Calleja, da Coruña, de 22 anos (el, de 37, vive en San Andrés nº 173). Os pais da esposa eran Domingo, de Santa María de Areas (O Carballiño), e Francisca Calleja, da Coruña. O 8-10-1858, nacerá a súa filla María (nos padróns, María del Pilar), na rúa do Orzán, nº 160. Nos anos seguintes nacerán outros fillos: Antonio, Elvira, Eliseo e María, residindo a familia en Rego de Auga, nº 38-1º (1877) ou na Praza de María Pita, 10-3º (1882).

En 1857 publícase na Coruña, na Imprenta de Domingo Puga, o libriño El sepulcro de Moore, de Juan Pedro Vincenti, cunha tradución ao inglés de Antonio (The tomb of Moore). A saída foi reseñada pola prensa, que salientaba o extraño que era que na Coruña, que acollía os seus restos, non dedicara nin unha páxina a honrar a memoria de sir John Moore, describindo os feitos que protagonizara e as circunstancias que levaran á erección dun monumento do xardín de San Carlos. (El País, Pontevedra, 13-12-1857).

En 1859 pronunciará un discurso no Ateneo Artístico e Literario da Coruña baixo o título ¿Es la educación de la muger uno de los elementos necesarios para la prosperidad de una nación? (El Ateneo, nº 1, A Coruña, 3-8-1859 –en adiante, EA-); discurso que foi contestado por Ramón Pérez Costales (EA, nº 3, 7-8-1859 e nº 4, 10-8-1859) e polo avogado Pelayo Catoira (EA, nº 12, 26-8-1859 e nº 13, 30-8-1859). Acolléndose á réplica, García Fuertes contestará os argumentos dos seus consocios noutro discurso. (EA, n.º 17, 8-9-1859 e n.º 18, 10-9-1859).

Dos argumentos expresados no primeiro dos discursos fixose eco Xosé Ramón Barreiro Fernández (“Debates ideolóxicos e políticos entre 1846-1868”, pp: 355-370, en AAVV: Actas do Congreso internacional de estudios sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, vol. III, Santiago, 1986); mais recentemente, M.ª Pilar Freire Esparís (“Argumentos científicos sobre la inferioridad intelectual de las mujeres. Debate en El Ateneo de A Coruña en 1859”, Arenal, 14:1; xaneiro-xuño de 2007), centrou o seu traballo nos discursos de Costales e Catoira, mais pouco no de Antonio.

Non nos imos estender sobre o xa comentado por Barreiro: en síntese, García Fuertes alegaba que a muller non era inferior intelectualmente ao home, que unha muller instruída en estudos de segunda ensinanza sería mellor educadora para os seus fillos e mellor compañeira para o seu esposo, o que redundaba en beneficio do país…, poñendo como exemplo os centros educativos para mulleres que había en países como Francia, Inglaterra ou Portugal. Queremos, sen embargo, achegar algúns fragmentos do que foi a réplica aos seus consocios, porque nos parecen aínda máis contundentes:

“…el bello sexo debe estar muy reconocido al señor contrincante [Pérez Costales] por su despreocupación en comparar á las mugeres con los animales irracionales”.

“… lo único que mis dignos contrincantes conceden á la muger, es el ser perfectamente apta para servir de juguete y pasatiempo del hombre; de modo que, aun en esta insignificante concesión, tiene su influjo el egoísmo, porque naturalmente debemos creer que dichos señores le han concedido este pequeño mérito por ser ventajoso al hombre”.

“La muger instruida segun la doctrina de mis dos consocios, no puede amar. Este sentimiento ideal que, según las palabras del Señor Costales, “satura todas las ideas de la muger”, no puede existir cuando ella es ilustrada; es preciso para que ame, que carezca de instrucción, porque de otra manera conocería que cuando su Señor se humilla para conquistar sus afecciones, es para que después de conseguidas pueda á su vez humillar á aquella cuya ignorancia le ha impedido conocer á su enemigo. [...] Con justa razón podemos, pues, usar al aproximarnos á la muger, las famosas palabras de César: “Llegué, ví y vencí” y podemos añadir que después de vencida le concedemos el privilegio de la cadena”.

“…he esperado hasta cierto punto hallar oposición á mi tema […] pero no he calculado la posibilidad de que, en el siglo XIX, época notable de progreso y civilización universal, se presentarían personas ilustradas defendiendo la nulidad de la muger, diciendo que, el instruirla en las nociones elementales de segunda enseñanza, produciría tal trastorno en las ideas del dia, que su fruto no podría menos de ser fatal á la Sociedad…”.

“…no puedo menos de asegurar [a Catoira e Costales], que sus ideas respecto á la muger, no es en España donde serán aplaudidas por la generalidad; sino en la Turquia, en donde se venden públicamente, y en el Indostam, en donde su ceguedad les impulsa á arrojarse en las fosas de sus consortes”.

No voceiro da sociedade, El Ateneo, ademais dos discursos antes citados publicou “Opinión pública” (nº 10, 24-8-1859) e fíxose cargo da sección “Crónica general”, unha miscelánea de temas variados e revista de prensa, dende o nº 16 (6-9-1859) ao nº 31 (11-10-1859). Tamén impartiu no local da entidade, polas tardes, leccións de filoloxía inglesa, que comezaron o 8 de outubro. (EA, nº 30, 8-10-1859).

Será o primeiro secretario do Instituto de Ensino Medio en 1865. (Guía de forasteros para el año 1865, Madrid, 1865). Nun Discurso dedicado á la inauguración solemne del curso académico de 1879 á 1880 en la Universidad Literaria de Santiago, por Pedro Bartolomé y Casal (Santiago, 1879), na relación de profesores do Instituto da Coruña, no curso de 1878-1879, figura Antonio García Fuertes como profesor de lingua inglesa, 1º e 2º curso. As súas asignaturas impartíanse dentro da “Sección de Estudios de aplicación al comercio”. (Gaceta de Madrid, nº 137, 7-5-1883).

En 1870 ingresa na masonería, na importante loxa coruñesa “Herculina nº 10”, da que formaban parte moitas das personalidades relevantes do Sexenio, e logo do republicanismo, tanto na Coruña como Santiago e Ferrol. O seu nome simbólico era Cincinato, e acadouo grao 3º (mestre masón). (Alberto Valín Fernández: Galicia y la masonería en el siglo XIX, Sada, 1991).

Non temos constancia, polo de agora, de que tivese unha militancia política coñecida.

Ademais de seguir de cónsul de EEUU na Coruña (El Correo Gallego, Ferrol, 28-2-1879 -.en adiante, ECG-) (seráo ata a súa morte), era consignatario e axente xeral en Galicia da Compañía Anglo-Americana do Mississipí; tiña a axencia na rúa coruñesa da Mariña, nº 22, nos soportais próximos ao edificio da Alfándega.

A citada compañía realizaba a rota Liverpool-A Coruña-A Habana-Nova Orleáns, con vapores como o Memphis (ECG, 28-2-1879), o Teutonia (ECG, 16-10-1879), o Borussia (ECG, 19-9-1879) e o San Luis. (Boletín Oficial de la provincia de Orense, 24-3-1880). En 1881 comentábase que a Compañía estaba construíndo outros tres vapores (Sárria, Oregon e Vancouver) que, baixo pavillón español, farían a citada rota, aumentando notablemente o movemento e a importancia comercial do porto coruñés, debéndose á actividade de García Fuertes a decisión da empresa de que eses buques tocasen na Coruña. (Gaceta de Galicia, Santiago, 23-8-1881).

En 1882 suscríbese con 500 pesos para a construción do ferrocarril Coruña-Santiago. (La Voz de Galicia, A Coruña, 5-2-1882).

Antonio faleceu o 16-2-1883, realizándose o seu funeral o día 17 na igrexa de Santiago e enterrándose no cemiterio. (La Voz de Galicia, 17-2-1883).

O seu sustituto como cónsul de EEUU foi José de Carricarte. (Gaceta de Galicia, 13-3-1883). Tamén moi pouco despois da súa morte, anunciábase que quedara vacante a súa cátedra de lingua inglesa. (Gaceta de Madrid, nº 137, 7-5-1883).

Logo do seu pasamento, a familia residirá uns anos (1886, 1889) en Rúa Nova, nº 22-3º, na casa de Jesús Molina Couceiro, co que casara María del Pilar, que debeu morrer en xullo de 1891. (La Correspondencia de España, 1-8-1891). En 1894, Amalia e os seus fillos Elvira e Antonio viven en Damas, nº 4, cuarto 1º e, en 1899, en San Agustín, nº 5-2º. Amalia falecería o 11-1-1916 no seu domicilio de Rego de Auga, nº 46. (El Noroeste, A Coruña, 12-1-1916).