A elite cultural, de sectarismo e manipulación

A elite cultural, de sectarismo e manipulación

Hai feitos que son ben paradigmáticos do comportamento do noso establisment cultural. Persoas e institucións empeñadas en deformar a nosa realidade para negala, institucións e persoas comprometidas coa manipulación do que nos é propio para criar confusión, persoas e institucións entregadas a tarefa de agochar o sol para que os galegos andemos a cegas, institucións e persoas, ao fin, sen o máis mínimo recato intelectual dedicadas a moi “nobre” labor de operar como adormideiras dos seus compatriotas. Temos onde escoller mais centrarémonos nunha recente exposición organizada polo Fundación 10 de Marzo e o Consello da Cultura Galega e no último traballo do profesor Barreiro Fernández sobre Manuel Murguía.

“Un canto e unha luz na noite” exposición organizada polo Fundación 10 de Marzo e o Consello da Cultura Galega sobre o asociacionismo cultural galego no período comprendido entre 1961 e 1975 no Museo do Pobo Galego é un exemplo claro do que vimos de referir. Ocúltase o que non é manipulábel, por iso non hai máis que unha referencia ao Club Cultural Valle Inclán, cuxa existencia non se explica sen nomes como o de Lois Diéguez ou Carlos Varela, a historia da Asociación Cultural O Galo, de Amigos da Cultura ou da Auriense remata no momento nas que as mesmas pasan a ter directivos que están nas proximidades da Fronte Cultural da UPG e, da Fronte Cultural da AN-PG, nin referencia; o Seminario de Cultura Galega de Madrid non existe. Silenciase o que molesta, o único presidente da Agrupación Cultural Vigo do período que non se cita é Bautista Álvarez, que curiosidade que sexa o mesmo Bautista Álvarez o que tamén desaparece dun pé de foto no que aparece xunto aos restantes mesmos de “Brais Pinto” estes si citados. Desaparece o que non interesa, así cando se fala das primeiras charlas sobre Castelao na Universidade, xa en 1973, esquécense de nomear a un dos cinco relatores do ciclo, unha omisión inocente posto que se trata de Francisco Rodríguez; máis do mesmo con diversos pés de fotos de debates sobre o idioma, nos que aparece Piñeiro ou Ferrín, iso si Francisco Rodríguez é esa persoa que non dan recoñecido na mesma os organizadores da exposición. E poderíamos seguir falando do número de “Signo” que se reproduce e do que non hai rastro, de asociacións que nin sequera se nomean, de conferenciantes habituais na totalidade das asociacións que se esquecen... pero paramos.

Á vista da bibliografía que se cita no catálogo da exposición da documentación que se expón na mesma ou á que se fai referencia, algunha dela cedida pola Fundación Bautista Álvarez, non hai dúbida que o descoñecemento ou a falla de información poidan explicar estes feitos. A explicación é outra ben distinta, as entidades organizadoras móveas a intención de situar o asociacionismo cultural galego na órbita do piñeirismo e da esquerda española, eliminando calquera papel, neste caso central en termos históricos, do nacionalismo no proceso de restitución e recuperación da cultura galega no franquismo. Conseguir o obxectivo, misión sen dúbida algunha complicada, significa eliminar a persoas que os galegos e as galegas de hoxe, por máis desinformados que estean, seguen a vincular cunha tradición do nacionalismo organizado.

A Editorial Galaxia vén de iniciar unha nova colección sob o título de “Grandes Biografias” cun traballo do profesor Barreiro Fernández sobre a figura de Manuel Murguía, algo que se nos pretende presentar como un libro definitivo sobre este grande galego do Rexurdimento. Descoñecemos cal é a participación do asinante do libro na elaboración do mesmo e cal é o contributo das persoas a quen lle agradece a colaboración, porén este feito lonxe de evadir responsabilidades clarexa aínda máis ese mundo da elite cultural. Non esta en cuestión que o ex presidente da Academia manexou fontes até agora descoñecidas, mesmo agradece a familia Naya que lle permitise consultar documentación até agora inédita, o que pon outra vez o dedo na chaga sobre o uso que ista ten feito sobre o fondo de Rosalía e Murguía; agora ben, o resultado do traballo é decepciónante para aqueles que nos achegamos a el para coñecer novos dados sobre o de Arteixo posto que o se presenta como novidade esta recollido en moitos casos nun libro de 1988 “Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro” e noutro máis recente “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria”, que nin se cita na bibliografía, ambos os dous de Francisco Rodríguez.

Até aquí todo correcto é alá cada quen coas súas teimas, mais agora comezan as liñas vermellas que un mínimo decoro intelectual obrigarían respectar tamén a este señor, si a Barreiro Fernández, do noso establishment. Que Rosalía e Murguía non compartían morada, sabíase e está escrito. Hai elementos obxectivos para achacar a Murguía unha determinada actitude moral ou unha particular actitude fronte ao traballo? Mesmo no caso de ser así que significación tería isto na particular historia do matrimonio e, por suposto, na significación dun e doutro da historia da nación galega?. É posíbel destacar, á vista dos feitos, a transcendencia da homenaxe de 1916 a Rosalía en contraposición ao traslado dos restos de Adina a Bonaval, se non se pretende integrar á de Padrón no arquetipo dunha galega á española?. Como se pode afirmar que as xentes das Irmandades mantiveron unha actitude de desprezo fronte ao patriarca cando o seu círculo íntimo, os superviventes da Cova Céltiga, participan do mesmo?. Acaso os homes e mulleres das irmandades non xogan un papel protagónico no enterro do noso home?. Todo vello, Barreiro Fernández, erre que erre volta a unha cantilena coñecida, que pretende laminar todo o que de rebelde, non asimilábel e particularmente galego, no sentido de restauradores de Galiza como realidade diferenciada, ten o binomio Murguía-Rosalía. Non é inocente, un orgánico do poder cun libro de combate para xerar confusión diante dunha imaxe cada vez máis clarexada sobre os galegos e as galegas do rexurdimento.

Aínda así son optimista. Hai razóns para esperanza cando somos quen de tornar a cultura como arma de destrución masiva nunha ferramenta para instruír, saber e criar desde nós. Sabemos, podemos e facémolo desde fora da oficialidade, lonxe de consellos e academias, á marxe de lobbys editoriais ou dos arquivos secuestrados en función do cliente. Así o fixeron os nosos do Rexurdimento, da Xeración do 16 que diría Ramón Vilar Ponte, e así seguimos. E hai moito por facer, por descubrir, por ler, por divulgar. Sen sectarismos e manipulacións, con honestidade.