A destrución dun patrimonio milenario

A destrución dun patrimonio milenario

As grandes obras de infraestructuras, sexan autovías, liñas de alta velocidade ou embalses, ademais de producir impactos negativos na paisaxe, son tamén potenciais destructoras dun patrimonio milenario. Con isto non quero dicir que me opoña a elas, pero si á forma coa que ás veces se toman as decisións, sempre políticas, que conta coa coartada dos informes técnicos favorables.

As autovías son destrutoras de moitos xacementos arqueolóxicos, cuxa importancia minimiza o arqueólogo da empresa constructora, “o gaiteiro toca ao son de quen lle paga”, pero que curiosamente tamén soe contar co beneplácito dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, que son os que en teoría teñen que defender o interese público.

Por que me é próximo e coñecido pode servir de exemplo a construción do tramo da A-6 entre O Cereixal e Becerreá, ao que se cambiou o trazado porque resultaba máis económico, para o que previamente vestiron o santo, cun acordo municipal no que se pedía que pasase por onde agora pasa. A razón de peso que deu no seu día o alcalde e que así se vería o pobo desde a autovía. Tamén xogaron os intereses de particulares que viron un negocio nas expropiacións.

Tal decisión supuxo a destrución dunha parte da vía romana XVIII, coñecida entre os máis vellos da zona como Camiño da Antiga, os restos duns edificios, en Cadoalla, sen dúbida vinculados con esta vía, tal vez unha mansión ou casa de postas, que ben puidese ser a que deu nome ao lugar, a Casa de Olaia que derivou en Ca de Olaia, Cadoalla, e o Vilarin, un alfar romano onde apareceron numerosas tégulas e un relevo con tres bóvidos, do que tamén pode derivar o nome de Becerreá.

A toponimia non engana. A leira do Vilarin, gardaba os restos dunha antiga vila romana. Para evitar protestas, leváronse a cabo as prospeccións arqueolóxicas co maior segredo. Aínda hoxe non se coñece que apareceu. É máis, o relevo dos bóvidos está hoxe no Museo Provincial de Lugo, porque foi reclamado logo de coñecerse que estaba depositado nos almacéns do Museo das Peregrinacións de Santiago.

O conxunto do castro Valente

Agora coa autovía Lugo-Santiago, ao seu paso pola parroquia de Coeses (Lugo), atópase en perigo de desaparición unha parte do que se supoñen varios xacementos que forman un conxunto, que parecen ser de finais da Idade do Bronce. Diversas asociacións relacionadas coa defensa do patrimonio deron a voz de alarma preocupadas polo futuro do singular e extraordinario conxunto arqueolóxico formado polo Castro Valente e a necrópole de inhumación e incineración situada na Chousa do Rodeiro ou Chousa do Castro, cualificado polos arqueólogos como un achado excepcional e un sitio arqueolóxico único.
Os arqueólogos que traballaron no xacemento datan os dous tipos de enterramentos no final da Idade do Bronce e afirman, aínda que con todas as cautelas, que serían a necrópole ou cemiterio do castro. Por tanto, formarían parte do mesmo conxunto arqueolóxico. Anque tamén hai quen interesadamente opina outra cousa.

Este achado ten un enorme interese desde o punto de vista científico e arqueolóxico porque permite comezar a despexar a gran incógnita sobre o que facían os castrexos cos mortos antes da chegada dos romanos.

Os tres elementos mencionados conforman un xacemento que, de continuaren as obras polo trazado actual da autovía, quedaría dividido en dúas partes: o Castro de Valente, por un lado; a Chousa, por outro e a autovía polo medio destruíndo a necrópole de inhumación. Como non hai información oficial, despois fálase da transparencia, parece que os argumentos dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio e do arqueólogo da empresa construtora, minimizan esta destrución, como desgraciadamente ben sendo habitual cando se trata de obra pública.

Prevalecer o interese público


Tendo en conta que corresponde a Consellería de Educación e Cultura defender o interese público, primando neste caso a conservación dun patrimonio que ten máis de 3.000 años de antigüidade, fronte aos intereses económicos da empresa ou empresas adxudicatarias das obras, e a conceptos e ideas que fan valoracións culturais e económicas que, ao fin, van contra o futuro deste país que nos últimos anos está asistindo a unha destrución constante do patrimonio galego.

Pero tamén sufrimos o silencio, non só da Administración, que nin contesta nin informa, senón tamén de institucións, como as universidades galegas, que deberían estar presentes no apoio destes temas a través dos departamentos de Arqueoloxía e Historia Antiga, o Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo, o colectivo de arqueólogos que traballan desde hai anos na cidade lucense, a Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, o Consello da Cultura, e outros.
Son silencios que, por acción ou omisión, convértense en silencios cómplices dunhas políticas negativas no tocante á conservación do patrimonio, contrarias a memoria histórica presente nos achados arqueolóxicos, e a estima do noso pasado colectivo que deberíamos conservar e enaltecer.