A atención ao patrimonio eclesiástico

A atención ao patrimonio eclesiástico

Hai cousas que chaman a atención no referente ao patrimonio histórico artístico da Igrexa, é dicir, templos, mosteiros, conventos, bens mobles, arquivos, bibliotecas etc. Por unha banda sorprende nas visitas aos seus museos atoparse con pezas que conservaron ás veces varios centos de anos, pero por outra tamén ten desaparecido moito deste patrimonio por descoido, abandono, venda, falta de coñecemento e outras causas. Curiosamente en teoría é un patrimonio de todos pero á hora da verdade non é así. É de todos para contribuír pecuniariamente a conservalo, pero é exclusivamente dos seus administradores para explotalo, aínda que este aspecto tampouco se pode xeneralizar porque nisto tampouco hai un criterio común nas dioceses. Eu son partidario de que se cobre unha modesta cantidade como contribución para o seu mantemento, pero en ocasións esta contribución baixo o eufemismo de donativo, para non pagar impostos, resulta abusiva e ata escandalosa nunha organización que, tamén en teoría, non está apegada aos bens terrenais e ao diñeiro, pero a realidade é outra. É o feito de que para explotalo económicamente é privado, ata se inmatricula para darlle ese carácter, pero para restauralo é público. Teño que recoñecer que me sento molesto cando teño que pagar 12 € por subir ás cubertas da catedral de Santiago, cuxo arranxo pagamos todos, ou por entrar a ver algunha das "nosas" catedrais, como a de Burgos, León, Toledo, Sevilla ou a mesquita-catedral de Córdoba. A catedral de Sevilla recada por entradas máis de nove millóns de euros ao ano libres de calquera imposto. Pero para ser xustos tamén hai que dicir que hai catedrais que teñen dificultades para atender o gasto ordinario, pero a min cústame crer que a de Santiago non dispoña de fondos propios para atender á súa conservación logo de coñecer que o electricista que se levou o Códice tiña nun patio de luces unha maleta con 600.000 euros procedentes das sisas dos petos repartidos pola catedral, sen contar outras propiedades supostamente adquiridas con diñeiro obtido polo mesmo procedemento.

De precampaña


O Estado, é dicir todos, acaba de destinar dezasete dos trinta millóns de euros que segundo se di se necesitan para obras de restauración na catedral de Santiago ata o 2021. O Consorcio aporta para este ano 800. 000 euros. O lóxico é que fosen anunciadas polo ministro do ramo e o arcebispo, pero fíxoo o actual alcalde no inicio da súa precampaña. O mesmísimo Rajoy veu a asinar un protocolo de compromiso coa Xunta, o Concello e o Arcebispado. ¿Que que aportan as tres institucións? Nada, si exceptuamos os trámites burocráticos para dispoñer das preceptivas autorizacións, ao que hai que engadir que as dúas primeiras son da mesma corda política, e a terceira beneficiaria. E Feijóo e o seu goberno deciden nomear a Rajoy Embaixador de Honor do Camiño de Santiago, como no seu día o foron o actual rei e Vicente del Bosque. Os políticos seguen enredados na súa propia maraña e agradecesen decisións de xestión pública, que non deberían ter ningunha recompensa porque para iso están e cobran. Outra cousa sería se os cartos os puxeran do seu peto como fan os mecenas.

Os políticos aínda non se decataron de que este tipo de anuncios e de obras non dan un voto, moitas veces quítano. Aquí os votos que non son ideolóxicos conséguense con cousas tan simples e baratas como colocar nun lugar necesario unha farola ou un contedor, poñer unha randeeira para os nenos, pintar un paso de cebra, colocar unhas flores nun xardín, ou simplemente que o concelleiro ou o alcalde se presenten amables ante os seus concidadáns e saúden ao pasar pola rúa ou a calquera dos que están sentados nun dos centos de bancos repartidos polas rúas da cidade. E repartir moitos bicos e dar efusivos abrazos, como podemos ver nas imaxes que nos ofrecen os informativos. Os políticos quérense moito, entre eles, e son moi afectuosos, cos seus. Dan máis votos un destes paseos, un gran abrazo ou un bico, que un mitin, e si hai unha comida a cargo do municipio para homenaxear aos avós, á que tamén van os fillos e os netos, a elección está gañada.

Facilidades e dificultades para visitar o patrimonio

As facilidades para acceder a visitar o patrimonio eclesiástico son desiguais dependendo na maior parte dos acordos que as dioceses teñan cos concellos, que ás veces contan con axudas da deputación ou doutras institucións, e outras non. A diocese de Lugo non recibe ningunha axuda da Xunta para ter abertas as igrexas do Camiño. Nuns sitios hai facilidades para poder visitar determinadas igrexas, si previamente se concerta a visita, pero noutras hai serias dificultades. Tiven facilidades en Alaejos, Nava del Rei, La Seca, Rodilana, Medina del Campo, Monasterio de la Santa Espina e Colegiata de Villagarcía de Campos, pero certas dificultades en Olmedo e especialmente en Rueda.

Nesta última localidade hai unha igrexa barroca moi interesante, a de Santa María, e a capela do Cristo das Cubas. A oficina de turismo está no Concello, colindante coa igrexa, na antiga estrada N-VI. Como sempre que pasaba por diante a igrexa estaba pechada, preguntei cando se podía ver e dixéronme que os domingos ás doce e media, porque había misa, e a capela só se abre o 15 de maio. Entón preguntei que é o que se podía ver en Rueda ás seis da tarde no mes de novembro, e recomendáronme tendas de produtos típicos e bodegas.

Así que, logo de tan atractiva proposta, ese día decidín irme coa música a outra parte e volvín á mantenta un domingo ás doce, esperei a que o cura abrise a igrexa, o que fixo correndo ás doce e vinte, e aos cinco minutos xa me estaba botando porque ía celebrar a misa. Nada que ver co trato recibido na Colegiata de Villagarcía de Campos, que aínda que depende do arcebispado de Valladolid, ensinouma un simpático xesuíta de avanzada idade e bo coñecemento que vive na residencia anexa co que pasei no percorrido hora e media.

Política e patrimonio

Sempre me pareceu adecuada e intelixente a política desenvolvida pola Junta de Castilla y León a través das diversas edicións das Edades del Hombre. Parecíame, e ségueme parecendo, adecuada despois de que rehabilita e recupera o patrimonio histórico artístico dunha zona, expono, e divúlgao. Pero non todo é ouro o que reloce na súa política segundo puiden comprobar nesta viaxe por unha zona da provincia de Valladolid. Hai moito patrimonio eclesiástico en perigo de desaparición ou de espoliación debido a varios factores, como a despoboación do medio rural que aboca a suspender o culto nas igrexas co conseguinte abandono, e o peche de conventos por falta de vocacións, con casos de venda dos mesmos a particulares, incluíndo o seu patrimonio moble, como retablos e imaxes, sen coñecemento da Junta que posteriormente tivo que recuperar. Pero a atención dispensada a un ben patrimonial está, polo visto, en función da cor política que teña o concello onde se atopa. Un exemplo pode ser o da igrexa dos Santos Juanes de Nava del Rey, coñecida como a Catedral ou a Giralda de Castilla, cun retablo maior de Gregorio Fernández, declarada Monumento Nacional, e polo mesmo BIC, desde 1931, e que pasou dous anos pechada ao culto porque o Concello estaba gobernado polo PSOE e a Junta de Castilla y León, gobernada polo PP e non lles daba un euro. Necesitada dunhas obras para reforzar a estrutura que se resentiu debido a unha obra mal executada da cuberta, á que nos anos sesenta dotaron dunha armadura metálica, e que xa en 1996 se advertiu dos defectos con perigo de derrube. Estivo 17 anos esperando para solucionar parte do problema. En 1992 unha empresa crebada abandonou as obras de restauración do balcón parroquial situado na Praza Maior, desde o que os clérigos presenciaban as corridas de touros, coñecido como Profundis, e retomounas a Junta no ano 2008, cun orzamento de 359.363,56 €, o 70 % financiado con cargo aos Fondos Feder.

Para a cuberta a Xunta destinou 200.000 € no ano 2013 do millón que se necesitaba segundo o proxecto. As obras comezaron o 15 de maio e abriuse ao público a finais de novembro do mesmo ano. A Asociación Cidadáns pola Defensa do Patrimonio e a presión cidadá conseguiu que se atendese, iso si, tarde, mal e arrastro.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.