Xesús Seixo Fernández

Yolanda Díaz e a operación Sumar

Claves para entender a aparición da nova formación política

13 Abril, 2023 Listaxe de artigos do colaborador 28830 Leituras
(30)
No name 13 / Pixabay
Estamos asistindo a un novo intento de reorganización de todo o espectro político español, teoricamente á esquerda do PSOE, co apoio dun grande despregue mediático, utilizando como figura de referencia a actual Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, militante do PCE (quedémonos con este dato), baixo o reclamo de que goza dunha boa valoración social polo seu bon facer á fronte dese ministerio, boa valoración e imaxe ao que sen dúbida teñen contribuído interesadamente algúns dos principais medios de comunicación do Estado (Cadena SER, La Sexta, RTVE…).

Está xustificada esta suposta boa avaliación que socialmente (é dicir entre as clases populares)  ten Yolanda Díaz na súa condición de Ministra de Traballo e, non o esquezamos, como vicepresidenta segunda do Goberno Español? Na miña opinión non, máis nesta sociedade das aparencias, do márketing, da manipulación informativa, todo é posíbel. Vexamos algunhas das razóns do meu desacordo con esta avaliación tan positiva respecto da ministra de Traballo:

A reforma laboral de 2021

No que é materia directa da súa responsabilidade, a reforma laboral aprobada polo Goberno Español, vía decreto, en decembro de 2021, mantén no fundamental o contido da durísima reforma laboral do PP do 2012, unha das máis duras contrarreformas laborais levadas adiante por un goberno español desde a transición e que motivou a convocatoria da folga xeral do 29 de marzo, contra a mesma. Lembremos, unha reforma laboral, a do PP do 2012, que impuña: a redución nas indemnizacións por despedimento; a eliminación dos salarios de tramitación; a non esixencia de autorización administrativa nos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE e ERTE); as facilidades á patronal para os despedimentos colectivos ou por causas obxectivas; a prevalencia dos convenios estatais sobre os convenios provinciais ou autonómicos; a prevalencia do convenio de empresa sobre o convenio sectorial (na reforma do 2021 exceptúase o salario); as facilidades á patronal para descolgarse do cumprimento dos convenios colectivos asinados; a distribución irregular da xornada laboral

Pois ben, nada muda en positivo no que atinxe a estes aspectos coa reforma laboral do 2021 promovida por Yolanda Díaz. O máis significativo desta reforma laboral, e o que se vende como o grande logro, céntrase  nas modificacións no ámbito da contratación laboral, buscando reducir os altos índices de contratos de carácter temporal existentes no Estado Español, fundamentalmente por ser unha esixencia da Comisión Europea para que o Estado español puidese acceder aos fondos Next Generation. O mecanismo utilizado para reducir as cifras formais de temporalidade, foi limitar a modalidade de contratos por obra ou servizo e por circunstancias da produción, e fomentar a utilización do contrato fixo descontinuo, seguindo a filosofía da flexiseguridade promocionada desde fai moi tempo pola Unión Europea (supostamente seguridade no emprego a cambio de flexibilidade laboral). Esta modalidade de contratación de fixo descontinuo permítelle á patronal unha enorme flexibilidade a hora de organizar a produción, podendo ter persoal todo o ano ao seu dispor, que só vai contratar realmente durante os meses do ano que lle interese (traballadores e traballadoras en precario), o resto do ano serán desempregados, con dereito a cobrar ou non o seguro de desemprego, pero teñen a virtualidade para o goberno de quenda de que durante o tempo que estean no paro, non figuran nas estatísticas como desempregados e desempregadas. Obxectivo conseguido, formalmente desaparecen das estatísticas de desempregados miles de traballadores e traballadoras (calcúlase nestes momentos perto de 500.000 en todo o Estado), obedécese á esixencia da Unión Europea de reducir a temporalidade, a patronal española (CEOE) consegue unha modalidade de contrato que lle permite unha grande flexibilidade laboral e ao tempo ábrese a vía para acceder aos suculentos fondos Next Generation. Estas son as razóns polas cales a oligarquía española (CEOE) asinou esta reforma laboral do 2021, porque favorecía claramente os seus intereses, non foi porque de repente se volvese progresista, nin pola aparente simpatía de Yolanda Díaz, nin polas presións do goberno, nin por suposto por temor á conflitividade laboral derivada dunhas posíbeis mobilizacións promovidas polos seus compañeiros de mesa-camilla, as centrais sindicais españolas pro sistema, CCOO e UGT, asinantes tamén desta mini reforma laboral e colabores necesarios nesta farsa.

Pensións, Lei Mordaza e guerra en Ucraína

Podemos pór tamén de exemplo outras materias nas que Yolanda Díaz ten responsabilidade en calidade de vicepresidenta do goberno, e nas que non sae mellor parada. A recentemente aprobada  reforma das pensións, que mantén no fundamental e dálle o visto e prace ás reformas das pensións do PSOE de 2011 (contra a cal a CIG convocou folga xeral na Galiza) e á do PP do 2013. A chamada Lei Mordaza, non só non se derrogou, senón que mesmo se agravou coa modificación do código penal incorporando ao mesmo o novo delito de desordes públicas agravadas, con penas de até tres anos de cadea. Se nos referimos a outro aspecto importante da política deste goberno, o posicionamento fronte á guerra de Ucraína, é máis que evidente o seu pregamento aos intereses do imperialismo americano e a súa aposta favorábel á política militarista e expansionista da OTAN, co conseguinte envío de armamento e o incremento para gasto militar nos orzamentos do Estado. Os multimillonarios beneficios que están a obter dos sectores económicos con enorme influenza na política española, como é o caso do enerxético e o banqueiro, sen que as políticas do goberno puxesen en cuestión o seu papel de oligopolio e o seu lucro escandaloso.

AGE, as Mareas e Sumar

Realmente con estes exemplos, poderíamos citar máis, está xustificada unha boa avaliación a nivel social, de Yolanda Díaz, desde unha perspectiva progresista, democrática, de esquerdas e de defensa dos intereses da clase traballadora?  É evidente que non. Igual que é evidente tamén que moita desa boa imaxe ten que ver coa coidada promoción que desta señora fan importantes medios de comunicación de masas, que teñen dono coñecido e que defenden un determinado modelo socioeconómico e uns determinados intereses de clase, que non son precisamente os da clase traballadora. E aquí é onde colle sentido a aparición da nova formación política Sumar.

Para os galegos e as galegas, esta nova formación política non nos supón unha grande novidade, pois garda moita similitude co que supuxo a aparición no seu momento, no panorama político galego, de formacións como Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou as Mareas (por certo que desapareceron case que coa mesma velocidade con que chegaron, terá o mesmo percorrido Sumar?). Moitos dos seus protagonistas son os mesmos, pero no ámbito do Estado. Foi precisamente Yolanda Díaz unha das persoas que máis se beneficiou do nacemento destes proxectos políticos ao utilizalos, moi habilmente (mesmo valéndose de figuras masculinas, ela que é tan feminista; tal e como sucedeu primeiro con Xosé Manuel Beiras e logo con Pablo Iglesias), para medrar nas súas ansias de poder persoal. Co nacemento de AGE e as Mareas, nacidas tamén con grande respaldo mediático, naquel panorama político e social tan convulso, buscaba a esquerda española implicada naquel proceso, entre outras cuestións, debilitar ao nacionalismo galego organizado, con presenza social e institucional, é dicir, ao BNG, subordinándoo a organizacións sen implantación na Galiza e que estaban a liderar a nivel español a “nova política” de esquerdas. De non integrarse nin participar daquela operación (claudicando nos seus principios e proxecto) o BNG semellaba ter asegurado un forte retroceso electoral e quedar reducido a unha forza marxinal no campo institucional. Este duplo escenario é o que semella presentárselle agora a calquera das forzas de esquerdas implicadas neste proxecto a nivel español. Coa posta en marcha de Sumar, que conta abertamente co apoio do PSOE e polo tanto dos sectores económicos que este partido defende e o sustentan, búscase agrupar a toda a teórica esquerda á esquerda do Partido Socialista Obrero Español, pero co obxectivo tamén posto na debilitación do sector desa esquerda con máis produción teórica, peso institucional e algo menos submiso ás políticas do PSOE, estoume a referir a Podemos. Poñen pois a este partido na mesma tesitura que quixeron pór ao BNG: se te integras dilúeste e se non o fas corres o perigo de ser unha forza institucional marxinal, o cal para un partido sen unha militancia e unha base social organizada forte (quitado basicamente en Madrid), como é o caso de Podemos, pode poñelo en serio perigo de desaparición. Podemos, ao igual que pasou no seu momento con Unión Progreso y Democracia (UPyD) ou con Ciudadanos, xa cumpriu a súa función desde a perspectiva de aqueles sectores económicos que desde dentro do propio sistema contribuíron ao seu nacemento e implantación, coincidindo co movemento 15M e unha forte crise económica e de credibilidade política e institucional. Xa non lles ten utilidade, entre outras razóns, porque o sistema xa ten un proxecto político máis submiso, máis controlábel, menos contestario e máis afín ao PSOE nas grandes liñas políticas, como é o caso do proxecto Sumar, encabezado por Yolanda Díaz.

Por certo, unha vez máis, como foi durante a propia transición, o Partido Comunista de España, préstase a facerlle o xogo á socialdemocracia española, ao sistema e á clase social que se beneficia do mesmo, a oligarquía española, que nun momento de crise sistémica como o que estamos a vivir, atopa nos dirixentes do PCE firmes colaboradores para ir superando a mesma (desde Yolanda Díaz ao secretario federal de Izquierda Unida, destacado dirixente tamén do PCE, así como ministro).

Un futuro electoral con perigos

Afortunadamente, o BNG, non caeu na trampa que lle tiñan deseñada os poderes fácticos, non renunciou nin ao seu proxecto político para Galiza, nin renunciou a un principio básico para a existencia e supervivencia do nacionalismo galego como é o principio de autoorganización. Tivo que superar divisións internas, intentos de aniquilamento desde fóra e desde dentro, pasar unha forte travesía do deserto, pero a súa fortaleza organizativa e implantación social e institucional, conseguida tras por moitos anos de traballo social e político, de defensa coherente dos intereses nacionais de Galiza e das súas clases populares, de clarificación ideolóxica e compromiso militante dos seus afiliados e afiliadas, permitiulle superar ese desafío e situarse como segunda forza política no Parlamento galego e con moi boas expectativas de futuro.

De cara aos resultados electorais do nacionalismo galego, a aparición de Sumar non ten porque supor un grande perigo, pois aquí xa coñecemos experimentos como este e o resultado dos mesmos, e polo tanto non debería levantar grandes expectativas nos sectores sociais que lle deron o seu voto no seu momento a AGE ou ás Mareas. Desde o nacionalismo, é dicir, desde o BNG, debemos estar moi atentos a outras manobras, que a maiores desta de Sumar, está a facer o PSOE para situarse en mellor posición de saída de cara ás eleccións autonómicas do 2023, e que poden ser máis perigosas electoralmente. Estoume a referir á aparición en escena e promoción de dúas figuras como Besteiro e Miñóns, buscando un perfil de candidatos con maior peso político e arrastre electoral do que poden ter os actuais dirixentes do PSOE galego. É fundamental ter presente que estamos a falar dun partido cunha importante presenza institucional e peso político, que nestes momentos goberna no Estado, que vai facer todo o posíbel, mesmo recorrendo a todo tipo de malas mañas, para quedar por riba do BNG nas eleccións galegas, ante a posibilidade de ter que conformar un cogoberno se o PP perde a maioría absoluta, e ao que a opción de conformar un cogoberno encabezado polo nacionalismo, sinxelamente non lles vale nin están dispostos a aceptar, nin eles, nin o PP, nin o poder económico, e polo tanto, por extensión, nin os principais medios de comunicación que están ao servizo dos intereses do sistema. Atentos e preparémonos.

Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras e membro do Secretariado Político da UPG.

(30)
6 Comments
  1. Diego Sankara

    Podemos é um projeto político já morto. Se o BNG sobreviviu foi simplesmente pelo feito de termos umha base militante e um peso social que nos permitiu resistir os envites do, daquelas amplamente promocionado pelo regime do 78, Podemos. Aliás, a formaçom da esquerda espanholista carece de tudo isto, ao escolherem um modelo baseado na projeçom mediática de hiperliderazgos e umha “militancia” sem cultura mlititante nenhuma, que hoje está cá e amanhá acolá.
    PS: muito olho tambem no nacionalismo galego, pois nom estamos isentos diste tipo de questons. Cumpre afortalar o BNG máis comprometido e máis militante.

    Reply
  2. Eva

    Concordo en todo

    Reply
  3. César

    Ilustrativo, clariño e directo ao miolo do asunto !

    Obrigado por tan bon traballo !

    Reply
  4. Moine

    O único projecto político da “Caudinha” Iolanda é ela mesma. Primeiro acuitelou a Beiras; agora, a Pablo Iglesias.
    Do velho P.C., força política que de facto foi a única resistente à tirania clerical-fascista do franquismo; hoje, nom queda nada; absolutamente nada. Este foi o acordo do “pacto do capó” quando 23 F; a entrega de CCOO e a dissoluçom do P.C.

    Reply
  5. Moine

    A “Caudilha” só tem um projecto política: Ela mesma. Todo o demais é impostura.

    Reply
  6. xan

    Boa análise, hai uns días cantou o sereo, moito cidado, pode intentar enganarnos.

    Reply

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados