Alba María Feixóo López

Só unha reflexión desde a Limia

Ás ovellas, que tan bonitiñas me pareceron sempre, seguramente porque nunca tiven que ir con elas. Inda coas maniotas e o cansazo que á militancia de Galiza Nova nos deixou o festexo e o traballo deste Festigal, e mais tamén co regusto da dignidade e da esperanza no futuro de Galiza, xorden inevitabelmente pequenas reflexións […]

30 Xullo, 2010 Listaxe de artigos do colaborador 38 Leituras
(0)


Ás ovellas, que tan bonitiñas me pareceron sempre, seguramente porque nunca tiven que ir con elas.

Inda coas maniotas e o cansazo que á militancia de Galiza Nova nos deixou o festexo e o traballo deste Festigal, e mais tamén co regusto da dignidade e da esperanza no futuro de Galiza, xorden inevitabelmente pequenas reflexións que suceden a momentos de euforia como os vividos estes días.

Eu son natural de Baltar; un Concello de apenas 1.100 habitantes na parte máis meridional da comarca da Alta Limia, que dá forma á denominada “raia” ou fronteira con Portugal, mais vivín, estudei, e fixen case a vida toda até que tou ir á Universidade en Xinzo de Limia; capital da comarca, cuns 10.000 habitantes e popularmente coñecido sobretodo, pola súa produción de pataca (A Limia é a primeira comarca da Galiza en agricultura extensiva deste alimento) e polo seu Entroido, coa pantalla como disfrace tradicional máis (que non digo mellor) conservado.

Xinzo é tamén a vila do Esquecemento, e non me refiro á festa que desde hai uns anos o Concello organiza conxuntamente coa asociación Civitas Limicorum no verán, conmemorando a historia e mitoloxía asociadas ao noso río Limia. O caso é que segundo reza a lenda, quen atravesaba o río (Lethes daquela) ficaba completamente privado da memoria do seu pasado, de xeito que no 138 a.C. cando as tropas romanas de Marco Xuño Bruto chegaron á Limia, os soldados negáronse a cruzalo atemorizados, de maneira que tivo que ser o centurión quen primeiro o fixese. Para lle demostrar Décimo aos seus lexionarios que nada disto acontecía en realidade, unha vez acadou a outra beira, foi chamándoos un a un polos seus nomes. Seguidamente, e após unha ancarnizada batalla, o líder celta Antíoco é vencido, e é así como a Limia é submetida ao poder e dominio de Roma.

Seica todo era mitoloxía e lenda, mais eu coido que o Limia e Xinzo, están máis que nunca en condicións de se denominaren concello e río do esquecemento, da ocultación, e do anonimato do pobo, que é neste caso quen menos ordena.

Subxugada aos designios, agora non das lexións romanas, que si das lexións do cacicato ourensán, emanado na súa máxima expresión do centurión-presidente da Deputación Provincial, A Limia vive subxugada, xa non polas espadas, mais si pola rede de control e fiscalización que se entretece perfeitamente desde a Rúa do Progreso en Ourense (paradoxos da vida) até cada un dos concellos da comarca gobernados polo PP e viceversa.

Xinzo, o mesmo que os outros dez concellos que compoñen A Limia, ten riqueza de materias primas máis que abonda para ser un concello rico e próspero. A potentísima produción agroalimentaria da que falabamos e xa que logo, o potencial económico que suporía unha xestión municipal minimamente responsábel dos nosos sectores produtivos básicos, é a base sobre a que poderiamos construír unha economía limiá con futuro garantido, posto que é a economía produtiva (fronte á especulativa que nos levou á crise económica globalizada que hoxe en día estamos a padecer mundialmente), a que non constrúe castelos no ar senón sobre a terra, por se basear na terra mesma e non nas apostas de casino dos catro especuladores que quixeron comer o mundo e deixar famentas e expoliadas as dúas terzas partes del. Cantas veces nolo explicou o Alfredo na Limia! O único que mereceu ser chamado Conselleiro do Meio Rural, porque os demais que ocuparon esta carteira, só o foron do abandono e a miseria.

Alén da riqueza do agro está a industria, que a día de hoxe esmorece nun parque empresarial cuxa potencialidade tamén agarda inda a ser explotada. Está o noso patrimono etnográfico, que embelece a terra e nos lembra a nosa historia: cruceiros, canastros, petos das ánimas, fontes e torres de vixilancia medievais… rodeados de silvas e a caíren, abocados á desparición mentres os Concellos populares, a Deputación e a Xunta ollan para outro lado. Está o noso patrimonio natural: os nosos montes, ignorados ou convertidos en vertedoiros incontrolados, e que dicir do noso río; que semella máis un regueiro suxo e marxinal, que un río principal que baña a capital da comarca, e que podería ser o eixo vertebrador da vida da vila de Xinzo, cara ao que vivir e do que desfrutar.

Só hai que pensar en Allariz…. porén, en Xinzo, a idea de Allariz e o que esta vila (a escasos 20 quilómetros da nosa) representa politica e socialmente, estivo sempre prohibida; Allariz en Xinzo é tabú. Hai poucos días, lembraba con compañeiras e compañeiros de Galiza nova da comarca, entre gargalladas das de rir por non chorar, o que un mestre dun dos colexios da vila se esmeraba en nos explicar, cando en clase de sociais un dos meus compañeiros se atreveu a suxerir a comparanza dos ríos limiao e alaricano: “É que… rapaces! O noso río non se pode comparar co Arnoia, porque ten unha flora completamente diferente!”

Inevitabelmente, desa lección de sociais, as nenas e nenos, tiramos unha estraña asociación entre botellas de lixivia, vidros rotos, e demais porcaría e até cadáveres de animais e o conceito de flora fluvial. O que daquela non seriamos quen de lle retrucar ao señor profesor, é que os que eran e son ben, ben diferentes son os alcaldes e os gobernos, e non as plantiñas do río. O problema é que o “ovellismo” case sempre se aprende, e eu estou absolutamente certa de que hoxe, moitas mozas e mozos de vinte e tantos coma min, perante o ameazante contraste de vilas e concellos, aleccionados no localismo máis podre e así no rexeitamento a botaren a ollada ás terras do Arnoia, acuden como autómatas a recursos tan penosos como o daquel mestre.

Aprendemos ese “ovellismo” que nos ensinan, e se non o aprendemos ben aprendidiño, xa se han encargar de que o interioricemos cando, após a adolescencia e rematados os estudos, pensamos en que facer coas nosas vidas para as constuírmos na Limia. Apenas hai traballo, porque non queren que o haxa se non é dependente de todo o seu mafioso entramado institucional de caciquismo e corrupción. Así que ou lle vas ao rego, ou es inimiga declarada e persoa non grata nun radio de acción de dimensións provinciais… polo menos. Parece ser, que nunha boa parte dos casos, o desemprego ou a fuxida de Xinzo a outros lugares de Galiza ou mesmo fóra do País, son o prezo que hai que pagar por non lles vender literalmente a alma.

Vouvos pór só un exempliño moi gráfico do que o Concello limego proxecta para o futuro da mocidade ao través dos seus orzamentos: dun total de 6.270.000 euros, o gasto de persoal é de 3.906.561 euros (un 62´31 %), fronte ao investimento, que será de 421.000 euros (un 6´72 %). É que un pastor non pode selo sen un rabaño ben abondoso! E os rabaños teñen que ter ben acoutado e controlado o eido onde paceren (Concello, Deputación e empresas directamente dependentes detes), inda que sexa a costa de afogar os veciños a contribucións para pagarlles a moitos un posto de traballo deseñado co único criterio do eleitoralismo, mentres moita xente moi válida e capaz, ten que ver fortemente mermadas as súas posibilidades de acceder a un emprego ou de o manter, se non renuncia á súa máis elemental liberdade de pensamento, palabra, obra e por suposto de voto.

A Limia, igual que Galiza, ten futuro se a súa mocidade o ten. Se se crean para ela expectativas de prosperidade e garantías dos seus dereitos básicos, entre os que os laborais son prioritarios. Polo de agora, vai gañando o PP nesta loita contra a nosa emancipación económica, intelectual, e mesmo espiritual; individual como persoas e colectiva como nación; mais que non se confíen, que o nacionalismo está máis vivo que nunca, e inda hai moita mocidade que non está disposta a se render. Ficaron en pé, na ribeira do Lethes, moitos máis celtas dos que eles pensan…

(0)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados