Alberte Souto Souto

Santas e beatos

En 1863, Abraham Lincoln pronunciou un emotivo discurso no Cemiterio de Gettysburg, onde repousaban os corpos dos soldados que loitaran na batalla desa cidade. Logo de negarse a consagrar, a santificar o terreo do combate campal convertido en mausoleu aos soldados caídos, engadiu: “Os valentes homes, vivos e mortos, que loitaron aquí xa o consagraron […]

8 Agosto, 2016 Listaxe de artigos do colaborador 111 Leituras
(0)

En 1863, Abraham Lincoln pronunciou un emotivo discurso no Cemiterio de Gettysburg, onde repousaban os corpos dos soldados que loitaran na batalla desa cidade. Logo de negarse a consagrar, a santificar o terreo do combate campal convertido en mausoleu aos soldados caídos, engadiu:

“Os valentes homes, vivos e mortos, que loitaron aquí xa o consagraron por riba do noso pobre poder de lle engadir ou restar algo máis. O mundo apenas advertirá e non lembrará por moito tempo o que aquí expresamos, mais nunca poderá esquecer o que eles fixeron aquí. Somos, certamente, nós, os vivos os que debemos consagrarnos aquí á tarefa inconclusa que aqueles que aquí loitaron, fixeron avanzar tanto e tan notabelmente. Somos máis ben os vivos quen debemos consagrarnos aquí á grande tarefa que aínda fica perante nós: que, destes mortos aos que honramos, tomemos unha devoción incrementada á causa pola que eles deron até a última medida completa de celo. Que resolvamos aquí, con firmeza, que estes mortos non deron a súa vida de balde.”

Estas breves palabras sintetizan brillantemente o respecto e admiración por persoas que, nun momento determinado da súa vida, comprometéronse na loita por levar adiante un ideal. No canto dos soldados que eran rememorados en Gettysburg, quen de certo moitos deles acudiron ao campo de batalla non polo ideal senón forzados polas circunstancias, estas palabras son universais e poden aplicarse a aquelas persoas que deron a súa vida, entregaron moito de si mesmas, de xeito voluntario e comprometido por un aspiración colectiva. Así, en lugar dos soldados, poñamos as galegas e galegos que, tomando conciencia da súa condición nacional, loitaron e defenderon, contra moitas adversidades, contra vento e maré, polos dereitos de Galiza. Rosalía, Castelao, as mulleres e homes que tomaron parte das Irmandades da Fala, non son iconos que se representen a si mesmo ou á obra literaria e artística da súa autoría, xa en si mesma sublime e merecente de admiración que inspirou e alimentou no eido simbólico a moitas xeracións, senón a todo un movemento político que loita pola emancipación, pola liberación, pola capacidade de decidir de Galiza.

Tamén esta é unha tarefa inconclusa, así durante xeracións moitas galegas e galegos, tamén nos aferramos a esa sabia aseveración que enunciara Lincoln, de tomarmos “unha devoción incrementada á causa pola que eles deron”. Resulta que a esta actitude, este compromiso co país, agora se pode despachar en platós de televisión como demostracións de santificación ou profesións de fe, seica guiadas por elites ou grupos dirixentes con pretensións de manexar as masas. Pois quen iso afirma está fondamente errado, son manifestacións populares, de moitas galegas e galegos libres que temos devoción por unha causa política, que non imos deixar esmorecer porque dese xeito tamén esvaería Galiza por asimilación política e cultural.

Esa beatificación acrítica, centrada na faceta da creación simbólica, de enorme valor artístico e cultural, é a que practicaron durante lustros, que pasaron a ser séculos, aqueles que precisamente renegaron da idea dunha Galiza libre e soberana e combateron tamén aos movementos que pularon por manter viva a loita nacionalista en Galiza. Aínda é como se opera desde os resortes do poder actual, revestido de “galeguidade” nesas ocasións, para anular a visión política de Galiza, a interpretación material que tiveron devanceiros intelectuais, e deixar simplemente como herdanza as recreacións simbólicas de ficción, cunha pompa e circunstancias para cada ocasión que exaltan a figura icónica e despóxana do seu verdadeiro significado histórico e político.

Foron e son precisamente aqueles que fan de Rosalía, de Castelao, de moitas e moitos outros antepasados esa operación de ensalzamento da vis artística, mesmo con interpretacións dispares e esotéricas do seu significado, para agochar o seu pensamento político sobre Galiza, quen os ubica nun pedestal como figuras desclasificadas, como formas de vulto ás que reverenciar sen dalas a coñecer a fondo e, ao tempo, descalifican precisamente como dogmáticos autoritarios a quen fai esforzos por difundilos en toda a súa amplitude.

Para alén do rexeitamento que moitas persoas expresamos espontáneamente sobre estas vacuas opinións pretendidamente descalificatorias sobre a santificación de Rosalía ou Castelao, resulta máis abraiante espectar como no camiño de desligarse do que durante moitos anos se afirmaba defender, o seguinte paso sexa o de aliñarse sob os mesmos argumentos que se dicía combater, de sumirse na mesma estratexia do poder autonomista en vigor. Ilustrativo, por iso, do que hai detrás de novas formas políticas, definidas idilicamente de unidade contra ese poder vixente, pero na realidade con aspiracións de substitución para seguir mantendo o mesmo status de Galiza e tamén soster contenda impetuosa contra quen aspira a un futuro que mude radicalmente dito status.

————————————————————————————————-
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

(0)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados