Reflexión


Os resultados das últimas eleccións municipais produciron unha importante reconfiguración do mapa político galego e as forzas emerxentes, na súas distintas e variadas versións, continuaron o seu ascenso e consolidación no electorado urbano, se ben a colleita electoral foi desigual froito dun arraigo territorial enormemente reducido, claramente localizado nalgunhas das cidades e algunhas vilas medias. Xunto a esta novidade e, probablemente como unha consecuencia directa da mesma, o BNG sacou nese mesmo medio urbano —globalmente e coa honrosa excepción de Pontevedra— un dos seus peores resultados electorais, desaparecendo institucionalmente de Ourense e Vigo. Sen embargo, como consecuencia da uniforme implantación do nacionalismo en todo o país, da notable renovación de candidatos nestes comicios e do traballo realizado a pé de rúa en todo o territorio, seguramente lograremos máis alcaldías e maior presenza nos gobernos locais de Galiza. Pero estes resultados apuntan a unha máis que probábel proxección negativa debuxando un futuro moi preocupante para o BNG nas próximas citas electorais.

A maioría da poboación do noso país, un 70%, reside no medio urbano e só as sete principais cidades galegas, e o seu territorio de influencia, agrupan máis dun millón de persoas, aproximadamente o 40% da poboación galega. Estes sinxelos datos estatísticos indican que nunha contenda electoral de tipo estatal ou nacional van funcionar no imaxinario social de maneira predominante as iconas de moda elevadas polos media ao estatus de “heroes do cambio e da loita contra a corrupción dos vellos partidos”. Nese contexto a actual evolución electoral permite prognosticar que esa idea fará concentrar o voto nas “novas opcións” e neutralizará a forzas políticas como o BNG que verá como unha parte do seu electorado que o votou nas municipais emigrará pola presión deste tsunami sociolóxico.

Que facer? Hai quen pensa que o importante é permanecer onde estamos e que os resultados electorais non deben preocuparnos máis alá do razoábel. Estou de acordo en que debemos seguir facendo a nosa política alí onde estamos, traballando cos cidadáns e defendendo a nosa política e o noso país, Galiza, pois iso é a nosa razón de ser política. Pero esta vez iso, totalmente necesario, non é suficiente. O dano causado polas escisións de Amio deixounos tocados no ámbito organizativo, no que nos imos recuperando de forma razoábel, pero a nosa credibilidade en amplas capas do electorado urbano está seriamente afectada e non dispoñemos de tempo nin medios para establecer estratexias que poidan reverter esa situación a curto prazo.

Trátase dunha situación de emerxencia no que o inmobilismo e o medo pode levar o nacionalismo a unha situación de forza testemuñal parecida á de finais dos anos setenta. A consecuencia política dese pesadelo inimaxinábel pode deixar seriamente eivado o nacionalismo e impedir reconducir o país en décadas. Pero aínda estamos en condicións de xogar as nosas cartas se o facemos con axilidade e intelixencia. A nosa relativa forza electoral e asentamento regular en todo o país fan do BNG un interlocutor indispensábel. A idea de formar unha fronte electoral de cara ás Xerais, de carácter galego e con centro de gravidade en forzas nacionalistas, é inevitábel e mesmo imprescindíbel. As bases reguladoras desa fronte electoral deben garantir a soberanía dese grupo no Congreso baixo o principio da defensa de Galiza como condición sine qua non. Se é así será porque os nacionalistas teñan un peso determinante nesa coalición. Que hai alguén máis, nin sequera galeguista, que quere participar nesa fronte de carácter claramente galego? Penso que iso non debe ser considerado un elemento innegociábel no actual contexto político. Seguramente que esa fórmula non estará exenta de dificultades, pero se sabemos estar á altura das circunstancias poderemos liderar nun futuro esa coalición e serán outros os quen teñan que dar explicacións. Algunhas veces hai que dar un paso atrás para avanzar. Coa verdade por diante, niso consiste a política. A boa política.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.