Quen debe elixir o candidato ou a candidata do BNG?

Quen debe elixir o candidato ou a candidata do BNG?

No debate aberto no BNG de cara á celebración da súa Asemblea Nacional tense proposto que o seu candidato ou candidata á Presidencia da Xunta se faga por parte do conxunto da sociedade galega como un xeito de "abrir o BNG á sociedade".

É difícil non estar de acordo co principio de que o BNG, como calquera organización, debe manterse "aberto á sociedade" no sentido de coñecer ben as súas necesidades e contradicións e traballar no seu seo para ofrecer as alternativas concretas máis acaidas. Sempre, na pretensión de que esa sociedade asuma progresivamente o ideario nacionalista que, concordaremos, supón unha proposta de mellora obxectiva e substancial para o pobo galego. Nin desprenderse dos principios políticos que lle dan sentido á actuación concreta nin ficar en principios abstractos sen actuar sobre as preocupacións e problemas concretos que aparecen na sociedade.

Mais hai un discurso moi vello por parte de significados e habituais creadores de opinión que lle dan leccións ao BNG de "apertura á sociedade" nun sentido ben diferente. Acusan ao nacionalismo de estar pechado en si mesmo, ancorado no século XIX, sen abandonar os seus principios, xa caducos, de reducionismo lingüístico e cultural en tempos de plurilingüísmo e universalización, ou de demanda de soberanía dos pobos en tempos de globalización. Por certo, fano desde unha posición confesamente antinacionalista, sexa "progre" ou "reaccionaria". Como non podía ser doutro xeito, aconsellan que o nacionalismo non postule alternativas de cambio para a sociedade galega e pase, na práctica, a aceitar o estado actual de subordinación de Galiza e, consecuentemente, a perda de funcionalidade política dunha forza transformadora. Curiosamente, algún destes "aconselladores" xa participara tamén daquel proceso de "modernización" de Izquierda Unida para que abandonase o "rancio comunismo" e que acabou cunha forte mingua electoral e aínda maior mingua política desa forza.

Desde tempos máis recentes, tamén desde as filas do nacionalismo se vén demandando unha maior apertura á sociedade, aínda que sen excesivas concrecións. Vai para tres meses que Xosé R. Freixeiro xa tratou aquí este tema nun artigo moi clarificador titulado Cal é o significado de "abrirse á sociedade? Nel referíase tanto a aqueles expertos en gobernar a casa dos outros como aos que desde o BNG parecen concretar a súa proposta de "apertura á sociedade" en que se abandone por parte dos seus dirixentes o uso público da lingua galega en exclusiva. Considero óptima a súa análise e tan só quero agora ilustrar o tema con un novo exemplo.

No debate preasemblear do BNG aparece unha proposta ben destacada de "abrir o BNG á sociedade adoitando un novo sistema de primarias aberto ao conxunto da cidadanía". En consecuencia, no último Consello Nacional, propúxose que o candidato/a á Presidencia da Xunta fose elixido polo conxunto da sociedade e non pola militancia do BNG. O órgano pronunciouse contrariamente á proposta por unha marxe de seis votos (49-43), mais o debate trasladarase ás asembleas para definir o método que se utilice no futuro. É realmente ese un sistema apropiado para dirimir unha candidatura? É o máis democrático? Garante mellor o avance do nacionalismo na sociedade galega?

,Realmente a sociedade galega á que se lle pretende encomendar a elección do/a candidato/a do BNG xa se ten pronunciado en cada proceso electoral, e no último elixiu ao actual Presidente da Xunta. Supoño que concordaremos en que esa decisión non é a que máis favorece a defensa dos intereses da maioría social, mais importantes condicionantes nas relacións de poder posibilitaron que a decisión fose esa. En consecuencia, non debemos esquecer que son eses mesmos condicionantes os que actuarían para elixir a candidatura do BNG á Presidencia da Xunta por ese mesmo corpo electoral.

O BNG ten que responsabilizarse do máis elemental: gobernar a súa casa sen deixar que outros o fagan por el. A ninguén máis que á militancia do BNG lle corresponde tomar esa decisión. É ela quen debe elixir, dentro do seu corpo, quen mellor pode trasladar á sociedade as propostas da organización. Esa é a función da persoa que represente ao BNG: introducir na sociedade o pensamento da organización e non introducir na organización o pensamento dominante da sociedade. É claro que o nacionalismo se dirixe á maioría social, mais con pensamento propio e non mimetizándoa. E isto é así porque unha forza que non comparte as relacións de desigualdade e de inxustiza entre os pobos e as persoas, ten que facer propostas propias para superalas e non simplemente bendicilas. Esa é a diferenza entre ser unha forza transformadora ou ser unha forza reaccionaria ou, o que é o mesmo, entre ter a pretensión de modificar as relacións de poder existentes ou simplemente reproducilas. Supoño que estaremos de acordo en que, por exemplo, non sería aceptábel renunciar á defensa do idioma e cultura propios, aínda que a maioría da sociedade chegase a considerar que iso é un asunto menor. Precisamente nese caso, sería labor do nacionalismo modificar ese estado de opinión e non empurrar á súa militancia a que se sume a esa maioría que, por procesos históricos de alienación, lle parece que canto menos galego sexa o noso comportamento mellor futuro teremos.

Se o BNG ten dificultades para que a súa militancia busque as mellores alternativas non é sensato trasladarlle esa responsabilidade á sociedade en xeral. Ademais, pensar ese proceso como se a sociedade fose unha mera suma de inocentes individuos que depositan nunha urna a súa sincera opinión sobre o que mellor lle convén ao nacionalismo e a Galiza creo que, ademais de irresponsábel, é suicida. En toda sociedade operan intereses económicos, políticos e ideolóxicos que conforman a opinión dos individuos máis aló da sempre posíbel e desexábel capacidade de reflexión persoal. Non podemos, pois, falar de "sociedade" en abstracto. Nela actúan forzas e intereses que se pronuncian en cada caso segundo a súa comenencia e non segundo os intereses obxectivos do País ou do BNG. E se esas forzas e intereses tentan inclusive condicionar os procesos internos das diferentes organizacións (tamén os do BNG), moito máis fácil lles resultaría poñéndollo practicamente nas súas mans.

Cabe supor, ademais, que este sistema tería que ser extensivo ás eleccións municipais, pois é no ámbito local onde a sociedade coñece mellor aos candidatábeis. Supoño que somos conscientes de que en cada un dos concellos, máxime se hai opcións á alcaldía, os poderes locais non se manterían indiferentes no proceso. Isto non é "abrirse á sociedade" para transformala, senón máis ben que as decisións que lle competen á militancia as tomen outras forzas (non só políticas) para que transformen o BNG no que elas desexan. Por iso quizais máis que falar abstractamente de "abrirse á sociedade" debéramos actuar no concreto para "abrir a sociedade ao BNG". É dicir, traballar no seu seo para que vexa no ideario nacionalista unha verdadeira guía para acadar a liberdade e soberanía dos pobos, a xustiza social, a igualdade... Deixouno dito ben claro Castelao: "Fundirse co povo, sentir as angurias da súa resiñación, infundirlle concencia da súa persoalidade e capacidade, darlle vida e arelas para prosperar. Primeiro ser; despois trunfar".