Que se marche rápido

O que nos espera ás clases populares, co goberno español en mans do PP, vai ser moi duro

Aos poucos días de celebradas as eleccións xerais do 20N, estando eu escoitando unha emisora dunha radio pública, o locutor preguntáballe aos ouvintes que lle pedirían ao novo goberno do PP no Estado e un dos ouvintes contestoulle "eu pediríalle que se marche rápido". Concordo totalmente con este radio ouvinte.

Desde que gañaron as eleccións o día 20N, o PP e o seu candidato á presidencia do Goberno Español, permanecen recluídos preparando o seu programa de goberno. Resulta sumamente chamativo e sorprendente que un partido, que sabía de antemán que ía gañar as eleccións por maioría absoluta, non tivera preparado o seu programa de goberno e non se baseara nel para gañar precisamente as eleccións. Todo un exemplo da falta de rigor e de garantías, neste tipo de procesos electorais, a hora de avaliar as alternativas políticas que presentan as diferentes forzas políticas.

En calquera caso, o que nos espera as clases populares, co goberno español en mans do PP, vai ser moi duro. As políticas antisociais e antiobreiras que veu aplicando o PSOE nos últimos anos, vanse ver incrementadas, afondando máis no recorte de dereitos e na precarización das condicións de traballo e de vida da maioría dos cidadáns.

Na primeira aparición pública, nun acto institucional e de certa transcendencia internacional, como é o caso do Congreso do Partido Popular Europeo, celebrado este pasado día 8 en Marsella, o próximo presidente do goberno español, Mariano Rajoy, ademais de recibir os parabéns dos seus correlixionarios da dereita europea e de deixarse ver, cunha sonrisa de orella a orella, con Sarkozy, Angela Merkel e o secretario do tesouro de EE.UU, foi a anunciarlle aos "mercados", é dicir a oligarquía financeira, que estiveran tranquilos, por si alguén tiña algunha dúbida, non penso que ese fose o caso, de que El ía ser obediente, ía cumprir impecabelmente cos obxectivos de redución do déficit público e de reestruturación do sistema financeiro e ía, como non, facer unha reforma laboral profunda. Todas elas, como se pode ver, propostas novedosas e desde logo moi garantistas a hora de falar de saídas á crise económica.

Estas tres propostas implican: redución no déficit, austeridade no gasto público ou que é o mesmo, recorte do gasto público, privatización e empeoramento na calidade de servizos públicos básicos como o ensino, a sanidade, a asistencia social ou as prestacións sociais; reestruturación sistema financeiro, privatización caixas de aforros, creación dun banco público para os activos tóxicos da banca, maior concentración do poder económico e polo tanto político por parte da banca española; reforma laboral profunda, maiores facilidades para o despedimento, fomento dos contratos lixo, redución de salarios, individualización e desregulación das condicións laborais. Políticas xa practicadas polo anterior goberno do PSOE, que seguen as esixencias impostas polo BCE e o FMI, que van na liña das que se están a aplicar no resto dos países da eurozoa, especialmente nos periféricos e que xa teñen demostrado o seu fracaso como mecanismo de reactivación da economía e xeradores de emprego.

Nada propuxo, don Mariano, da necesidade dunha nova política fiscal, para que paguen máis aqueles que máis teñen, a banca, as grandes empresas, as rendas máis altas, as grandes fortunas; a desaparición dos paraísos fiscais, principal fonte de evasión de impostos, de branqueo de capitais e soporte importante dos movementos especulativos; ou que o BCE pasase realmente a facer o papel dun verdadeiro banco central, emitindo euros e comprándolle a débeda directamente aos Estados, en vez de actuar como axente dos especuladores coa débeda pública. Nada deso dixo, nin vai facer, o PP nin o Goberno Español, con don Mariano á cabeza, porque actúan como lacaios da banca española e alemá, porque exercen de imperialistas españois, no marco do Estado, pero no marco europeo e internacional, actúan como servos do imperialismo europeo ou USA, e porque realmente creen e defenden este modelo capitalista neoliberal, claramente inxusto, insolidario e antidemocrático.

Preparémonos pois para tempos moi difíciles. O que representa o PP xa o vivimos no Estado, cos gobernos do facinoroso sr. Aznar e estámolo a vivir en Galiza, co campión sr. Feijoo. Compre pois que co esforzo, a toma de conciencia e a mobilización da maioría social, se faga pronto realidade, polo ben da clase traballadora, a petición do radio ouvinte de "que se marche rápido".