Alberte Ansede Estraviz

Os paraísos, de existiren, hai que gañalos

A presenza do Papa nestes últimos días xerou un despregue informativo, tanto dos medios públicos coma privados, que fixo que non pasase desapercibido para ninguén e mesmo se convertese en tema de conversa habitual nos máis diversos ambientes. Aínda que, aparentemente ¡pasado o día, pasou a romaría!, a nós suxeriunos esta breve reflexión sobre a […]

26 Agosto, 2011 Listaxe de artigos do colaborador 41 Leituras
(0)

A presenza do Papa nestes últimos días xerou un despregue informativo, tanto dos medios públicos coma privados, que fixo que non pasase desapercibido para ninguén e mesmo se convertese en tema de conversa habitual nos máis diversos ambientes. Aínda que, aparentemente ¡pasado o día, pasou a romaría!, a nós suxeriunos esta breve reflexión sobre a nova relación que a igrexa procura coa mocidade, aproveitando a nova situación desta.

Sospeito que nos podemos atopar nunha situación un pouco diferente á de anos atrás. Non o digo tanto pola influencia que poida ter unha visita pastoral con motivo da celebración da Xornada Mundial da Xuventude que, de por si, non pode supor un xiro radical no sistema de crenzas dunha sociedade, senón polas novas circunstancias que estamos a vivir.

Fagamos un breve repaso do pasado recente. No levantamento fascista de 1936 a igrexa oficial xogou o papel de firme aliada dos sublevados dándolle cobertura “espiritual” e bendicindo a cruel eliminación do adversario político, fose este real ou suposto. Durante o período da ditadura franquista tal alianza non tivo fisuras importantes, de maneira que o sistema político autoritario mantivo sempre a relixión católica como a única válida e, polo tanto, como un dos elementos a impoñer a toda a poboación. E, no básico, logrouno cando menos no que eran as prácticas máis externas da relixión.

Os cambios económicos producidos xa nos últimos anos do franquismo e a instauración dun réxime de liberdades individuais fixo que o número de católicos practicantes diminuíse sensibelmente, mesmo nun número moi superior ao que incrementaron outras relixións que entraron a competir coa, até entón, única oficial. En poucos anos, a igrexa foise nutrindo fundamentalmente da xente de maior idade a quen alimentaba ideoloxicamente propoñendo os valores cristiás como un bo antídoto fronte ao desconcerto e frustración que producían os novos problemas sociais como a crecente presenza de droga, o incremento da delincuencia, as separacións nas familias, o cambio nas relacións sexuais, o crecente individualismo… até a forma de vestir. As novas xeracións fóronlle dando as costas a unha xerarquía que condenaba en moitos aspectos a súa forma de vida cotiá: o uso de métodos anticonceptivos, a interrupción do embarazo, a unión en parella sen santificación sacramental, a aceptación e práctica da homosexualidade, o consumo de drogas diferentes do tabaco e alcohol…

Este desafecto foi tan patente que vén sendo habitual escoitar as queixas da xerarquía eclesiástica sobre a falta de novas vocacións e o distanciamento da fe no que vive a mocidade. Tamén nesta ocasión falaron da “eclipse de Deus”.

Mais a nova situación que está a vivir a mocidade é un bo caldo de cultivo para poderen callar as mensaxes da igrexa. E non o digo porque os valores relixiosos que predican os seus xerarcas poidan ser o contrapunto da vaga de “materialismo occidental” ou do “individualismo utilitarista” da mocidade, senón porque poden concretarse como “saída” a unha situación material sen saída na que este colectivo se atopa.

Eu non dubido de que a procura da transcendencia ten sido un elemento importantísimo ao longo da historia, mais creo que nunca se manifestou á marxe -e moito menos en contra- da procura de solucións materiais aos problemas concretos. Mesmo nas mostras máis externas de relixiosidade, os fregueses piden a intercesión de Deus nos seus rezos, pregarias ou rogativas para dominar os problemas materiais que os premen ou mesmo para mellorar o seu benestar material. E á mocidade empézalle a “apertar moito o zapato” como para non procurar saídas máis aló do móbil de última xeración. Con espontaneidade inxenua podemos pensar que, entre esas saídas nunca estará a da relixiosidade pois suporía unha conciencia máxica do mundo, moi contraditoria coa época da ciencia e da tecnoloxía na que estamos. Mais esa contradición pode ser só aparente nun momento no que vai medrando a conciencia de frustración e decepción fronte ao milagre científico e tecnolóxico omnipresente, mais perfectamente compatíbel con crecentes taxas de paro, con prolongadas xornadas de traballo, con salarios cada vez máis baixos, con un traballo eventual, esporádico e moi pouco criativo… todos eles aspectos que tanto afectan á mocidade. Decepción lóxica tamén diante do milagre científico da enerxía atómica e nuclear por exemplo, con serias interrogantes sobre as súas aplicacións máis potentes. E pode non tardar a decepción diante do milagre científico da informática en canto fique máis patente que non se está a utilizar para a mellora das condicións reais de vida da maioría, senón para a mellora da conta de resultados dunhas cantas empresas do sector. Polo tanto, diante da conciencia de fracaso dunha ciencia e tecnoloxía custosa e con vertentes prexudiciais, non cabe desbotar que tamén a mocidade probe o milagre relixioso que o ten sempre moito máis á man e que, aparentemente, non ten efectos secundarios.

Tradicionalmente as relixións tratan de ofrecer solucións definitivas a graves problemas que non parecen ter solución por vías humanas. É precisamente neste sentido no que eu digo que a situación extremadamente grave da mocidade a converte nunha presa máis asequíbel aos salvadores do Vaticano do que o era até agora. Quedarmos simplemente perplexos pola suposta falta de resposta da mocidade ou escépticos de que unha parte dela escolla vías “espirituais” que aínda afondarán máis na súa maltreita situación non é precisamente o máis acaído. Cómpre máis ben ampliar o traballo que o nacionalismo vén facendo para que a sociedade galega, e tamén a mocidade, conteste con claridade as políticas regresivas e cree as condicións para unha modificación social máis profunda no plano material, que forzosamente irá acompañada de novos valores. E isto só se pode facer colectiva e organizadamente. Nin a salvación se poderá dar só a nivel individual nin o ceo será regalado, pois os paraísos, de existiren, hai que gañalos. Ou como dicíamos cando eu era un mozo, “organización e loita”.

(0)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados