Alberte Branco Casal

Globalización, neolingua e falsos culpables

A actual ofensiva neoliberal está nun punto crítico. A sinarquía mundial que a dirixe, e os seus obedientes acólitos rexionais, saben que non hai volta atrás: ou gañan agora esa batalla estratéxica a prol da Nova Orde Mundial ou o seu fracaso anunciará o declive inevitable do paraíso capitalista internacional que os sustenta. Nesta guerra […]

5 Outubro, 2012 Listaxe de artigos do colaborador 75 Leituras
(0)

A actual ofensiva neoliberal está nun punto crítico. A sinarquía mundial que a dirixe, e os seus obedientes acólitos rexionais, saben que non hai volta atrás: ou gañan agora esa batalla estratéxica a prol da Nova Orde Mundial ou o seu fracaso anunciará o declive inevitable do paraíso capitalista internacional que os sustenta. Nesta guerra desesperada polo Poder Absoluto normas e regras elementais, ata agora aceptadas por todos, como os principios éticos, o respecto mutuo ou o dereito internacional están a ser pateadas e violadas de forma consciente por estes novos cruzados da globalización neoliberal. E, coma en todas as guerras, saben que é fundamental o control da información e para iso nada mellor que unha adecuada manipulación da linguaxe. En realidade trátase dunha aplicar unha selectiva subversión semántica o que lles vai permitir alcanzar un alto nivel de intoxicación e confusión entre as filas dos seus adversarios. Agora, por exemplo, “intervención humanitaria” substitúe á obvia “guerra colonial”, como aquel orwelliano Ministerio da Paz encargado, en realidade, de facer a guerra e combater aos insubmisos. Pero a neolingua esténdese a todos os ámbitos. Así, “aplicar a lei” ou “facer xustiza” deixou de ter o significado clásico de restablecer o honor dos xustos ou de procesar aos auténticos corruptos para pasar a ser un instrumento dirixido a axustar as contas cos disidentes destruíndo a súa credibilidade. O mesmo que “xornalismo”: na prensa global hai moito tempo que deixou de significar información obxectiva: veraz e contrastada.

Pero para propiciar grandes cambios necesítase dunha xustificación ben ponderada. Non é posible tomar decisións transcendentes se non hai un motivo claro e comprensible, ao alcance das grandes masas. Non fai falla que sexa real, basta con que sexa crible. Porque a existencia dunha crise de certa envergadura –real ou inventada- permite aplicar solucións de emerxencia que noutras circunstancias serían imposibles ou difíciles de explicar.

No caso dalgúns países do norte de África fixéronos crer nunha esperanzadora Primavera Árabe presentada en forma de “explosións espontáneas” de certos sectores da poboación polo encarecemento dos alimentos e pola falla de “democracia” o cal, sen ser falso, estaba lonxe de ser toda a verdade. Enseguida Occidente –o maior aliado histórico e impulsor da maioría deses réximes antidemocráticos- púxose de parte dos “revolucionarios”, aínda que o cambio promovido por estes estivese baseado na sharia e no integrismo relixioso máis reaccionario, por non falar do seu modelo económico claramente favorable ás tradicionais clases dominantes. Iso era o de menos, había que responder dende a parte do mundo que tiña por norte a sagrada “Democracia” e axudarlles a destituír aos “vellos ditadores” que os asoballaban. Así, interviñeron en Libia –a través do Consello de Seguridade da ONU- facilitando que os seus monicreques europeos en estreita colaboración cos avanzados “emiratos teocráticos” do Golfo Pérsico (encabezados polas “democráticas” Arabia Saudita e Qatar) derrubaran a Gaddafi e que grupos integristas vinculados á viscosa Al Qaeda o asasinaran salvaxemente sen que ningún goberno en Occidente se escandalizase por tal cousa. Todo estaba xustificado e non había problema porque os cidadáns das democracias occidentais xa tiñan a imaxe apropiada que necesitaban do estrafalario Coronel Gaddafi. A sinarquía sabía que as masas intoxicadas polos media –os seus media– non se acordarían ou se acabarían esquecendo de que o libio colaborara estreitamente ata uns días antes coa CIA e co MI-6. E todo isto para que? Para que antigos ministros de Gaddafi, comprados por Occidente, se encargasen de xestionar o “proceso revolucionario” de garantir que o gas natural –entre outras cousas- chegue en boas condicións aos novos “amigos de Libia”.

,Pero o obxecto deste artigo non era falar do norte de África nin das aventuras neocoloniais de Occidente en “desiertos lejanos” como diría Aznar. Simplemente se trataba de ilustrar algo que tamén fai o poder neoliberal aquí, e no resto de Europa, utilizando outros métodos.

Comecemos, por tanto, por lembrar que o inefable presidente que nos recorta (os nosos dereitos) na Xunta tivo que convocar eleccións anticipadas sen que fose quen de aprobar a redución do número de deputados na Cámara, algo vital para garantir a súa maioría absoluta na vindeira lexislatura, pero que adiou porque a denuncia deste maquiavélico plan polo BNG non lle permitiu consumar este golpe de estado institucional. Esa importante derrota táctica xunto a unha pésima xestión política da Xunta nesta lexislatura, que se saldou cun estarrecedor aumento do desemprego e un grave deterioro dos servizos públicos, ademais de incumprir todo un rosario de promesas electorais feitas en 2009, tiña a Feijoo contra as cordas e ameazaba con claridade a súa permanencia no poder despois do 21 de outubro. Feijoo necesitaba reaccionar e facerlle esquecer aos galegos a dramática realidade en que os mergullou coa súa incompetente xestión. Primeiro intentouno cos grandes encargos de PEMEX para os estaleiros galegos, pero a oposición, os sindicatos e as declaracións da propia multinacional descubriron axiña o engano. Entón foi cando os fados acudiron na súa axuda cunha insólita “operación pokemon”. As probas deste caso debían ser tan febles nalgúns aspectos que as autoridades xudiciais levaban meses esperando que aparecese algo máis sólido. Pero, sen que ninguén o poida explicar cun mínimo de raciocinio xurídico, de repente, todo se pon en marcha e de maneira inhabitual un cargo político en activo é detido e illado durante 72 horas aplicando unha lexislación especial, adoptada ata agora só en casos de extrema gravidade, para despois ser posto en liberdade cunha ridícula fianza de 6.000 euros.
O que chama a atención é que isto suceda, igual que hai un ano coa “Operación Campión”, inmediatamente antes do inicio dunha campaña electoral e involucre a todo o arco parlamentario galego, pero cunha clara orientación contra a oposición. A repercusión mediática foi inmensa e forzou a dimisión do Alcalde de Ourense e do de Boqueixón, ademais dalgúns concelleiros, entre eles un compañeiro nacionalista. O que resultou estraño é que o PP pasase inmediatamente á ofensiva solicitando dos demais dilixencia e clareza esquecendo que un alcalde seu estaba imputado e que adoptara a insólita decisión de dimitir da alcaldía, pero permanecendo como concelleiro exercendo de alcalde na sombra. Esta perversa actitude do PP lémbrame a triste campaña realizada por este partido no verán de 2006 en relación coa vaga incendiaria dicindo unha cousa e facendo todo o contrario. A mentira e a intoxicación é unha constante da dereita neoliberal.

É pronto para saber o alcance desta nova operación xudicial, en canto á existencia e composición de tramas corruptas, e poder coñecer quen está en realidade involucrado. Pero os precedentes do caso Campión sinálanos que este tipo de operacións máis que resolver a corrupción institucional e empresarial do actual sistema neoliberal –que sen ningunha dúbida existe, como tivemos a ocasión de comprobar ao longo e ancho do país sen que a xustiza actuase na inmensa maioría dos casos- parecen máis ben orientadas a desprestixiar á actividade política en xeral facendo que prenda na sociedade a falsa mensaxe de que “todos son iguais”. A insistencia desta mensaxe, a pesares de que non se verifica na realidade (o BNG non ten ningún cargo condenado por corrupción) está sumindo nun caos de confusión a unha sociedade fondamente agoniada por unha situación económica insoportable e manipulada por uns medios de comunicación que sinalan a “todos os políticos” como causantes de todos os males. En consecuencia, non sería de estrañar que a abstención electoral sexa un dos efectos perseguidos nesta campaña xudicial-mediática en beneficio do actual goberno da Xunta. Hai precedentes recentes –de todos coñecidos- do impacto da manipulación dos media sobre os resultados electorais.

É posible que xurdan novas sorpresas durante a campaña electoral se os poderes fácticos o consideran necesario. Sen embargo, a resposta contundente do BNG e de algúns medios alternativos pode que minimice bastante o alcance desta última manobra e inviabilice próximos movementos. Sen embargo, compre facer algunhas reflexións adicionais sobre este asunto e meditar que tipo de respostas convén dar no futuro a manobras deste calado. Porque é innegable que estas accións poñen nunha grave situación de indefensión a forzas políticas de acreditado bagaxe ético na xestión política deste país -como o BNG- e a algúns esforzados militantes que asisten impávidos a súa destrución persoal e moral con acusacións sen base ou fundamento algún máis que a palabra interesada de delincuentes confesos. É posible que neste caso se actuara con rapidez ao denunciar publicamente as escuras conexións da xuíza cos círculos máis integristas do poder do PP poñendo en dúbida a súa imprescindible imparcialidade. Pero non debemos esquecer que este tipo de manobras proliferarán cada vez máis de agora en diante.

(0)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados