#Folgaxeral19x: a nosa moción de censura

#Folgaxeral19x: a nosa moción de censura

Nos últimos días a idea da moción de censura no estado español está de actualidade tras a sentencia xudicial da trama Gürtel. Esta sentencia non fixo máis que confirmar o que xa era sabido, o Partido Popular na Galiza e no Estado é unha organización mafiosa que emprega as institucións para que os seus dirixentes se lucren, ao tempo que lexisla en contra dos intereses do pobo galego.

Aínda que se dea un cambio de goberno no estado español, isto non vai resolver os nosos problemas estruturais, pois a maioría parlamentaria que se conforme para esta votación foi escollida hai xa case que 2 anos, en xuño do 2016 (incluso dende decembro de 2015), e dende aquela ningunha delas fixo nada para derrogar medidas clave como son as reformas laborais, a LOMCE ou a Lei Mordaza.

Tanto o PSOE como Podemos son cómplices do Partido Popular e de Ciudadanos ao non propor a derrogación destas leis ao longo destes dous anos e medio, aínda que agora tenten vender que son unha alternativa de cambio. E aínda máis grave, Podemos é cómplice por inacción mais o PSOE é tan culpábel coma o PP na súa aplicación do artigo 155 da constitución española suspendendo a autonomía catalá, así coma no recorte das liberdades públicas que estamos a vivir, unha vez o réxime antidemocrático español quitou a careta e se deixou ver como o que é, un estado herdeiro directo do fascismo.

Do mesmo xeito, no debate da moción de censura non se mencionará unha soa vez a palabra Galiza, pois non habendo representación nacionalista no Congreso dos Deputados, as forzas estatais que alí se atopan unicamente falarán do que lle interese na metrópole, como xa leva pasando estes dous anos e medio. É por iso que é necesario que o día 19 de xuño paremos o país, para amosarnos como un povo digno que loita polos seus dereitos, porque a mobilización social é a ferramenta que temos como povo galego para facer valer a nosa voz e expresar o noso profundo rexeitamento a un réxime coma o español, cuxo carácter antidemocrático e ditatorial vai quedando máis en evidencia día a día.

Porque esta folga xeral non ten unhas reivindicacións estritamente laborais ou sociais, esta folga é convocada unicamente na Galiza e por un sindicato nacionalista coa vontade de amosarnos como o que somos, un povo combativo por moito que digan de nós, e un povo que está disposto a saír ás rúas o vindeiro 19 de xuño para amosar o noso rexeitamento ante a situación política e social que estamos a vivir, e que debe ser respostada.