Xoán Carlos Garrido Couceiro

É de lei recoñecer que o pensamento republicano, laico e federal foi vítima do Franquismo

Sobre a recentemente aprobada Lei 20/2022, chamada de Memoria Democrática

29 Marzo, 2023 Listaxe de artigos do colaborador 1188 Leituras
(10)
Lenda: Foto de Pavel Neznanov en Unsplash

Logo de case 50 anos de morto o ditador que daba nome a un réxime político que se di pretérito, seguimos a voltas co problema que xerou a exclusión das súas vítimas de doutrinas, tratados, convenios, convencións, etc… do chamado dereito internacional humanitario.

Sen dúbida, a recentemente aprobada Lei 20/2022, chamada de Memoria Democrática, supón un grande avance en moitos aspectos. Noutros, deuse a entender que non se vai máis alá ou se lle dá un significado subordinado ao asunción dos “valores constitucionais”, como unha concesión á busca dun apoio máis amplo. Isto sería así se non fora porque calquera lexislación nesta materia, por moi insuficiente que fora, ía topar de fronte co muro das bancadas “conservadoras” (por chamaralle dalgunha maneira), que xa deixaron sen efecto as escasas conquistas da anterior lei en canto chegaron ao goberno, e fixeron da derrogación da presente un cabalo de batalla para as próximas eleccións, antes mesmo de que fose redactada. Certamente a dereita española non lle produce rubor defender o esquecemento e o desprezo destas vítimas. Mais o feito de que non se fora máis aló por parte da esquerda estatal non debemos atribuírllo as limitacións esóxenas senón a conviccións propias. Pola contra, os factores exteriores influíron en algo foi en obrigalos a dar este paso (lembremos o papel do relator da ONU Pablo de Greiff).

É obvio que nunca observaron moita presa nestas cuestións como se deduce de que tardaran 30 anos en lexislar por primeira vez (Lei 52/2007). Na transición, o famoso pacto de silencio erixíase a prol do interese superior en evitar “males maiores” e que se causaran novas vítimas ao encirrar os ánimos dos poderes fácticos. Concedíaselle con isto a presunción de que realmente querían facer máis, pero por prudencia non o levaban a cabo. Cos anos o argumento do medo perdeu peso. Tratábase de gañar tempo a espera de que desapareceran vítimas e vitimarios e mentres se miraba para outro lado, agardando escorrer o vulto e pasar desapercibidos nos debates internacionais sobre estas cuestións e no morbo mediático que levantou as primeiras exhumacións. Mais desenterrar ósos por asociacións privadas levaba inevitablemente a preguntarse pola historia detrás deses feitos, tanto dos asasinatos como de que o Estado, a Xustiza, estea ausente no levantamento dos cadáveres (só se coñece un caso no que unha xuíza asistiu e case lle custa o posto). Pero, sobre todo, a falla de homologación e encaixe internacional era vergoñento para quen presume de ser demócrata exemplar e máis europeo que ninguén. Non é que os outros Estados europeos fosen virxinais, senón que conseguían aparentalo. Francia meteu baixo a alfombra o que fixo en Alxer, Bélxica o do Congo, e todos lograban acochar os seus crimes con bastante éxito. Quizais fosen pasados incómodos. Pero como no presente xa non estaban en alí quen lle ía pedir contas? O problema do Estado Español é que segue no mesmo sitio.

Un Estado Español inserido na estratexia intervencionista da OTAN baixo a bandeira dos dereitos humanos, usada como unha patente de corso para lexitimar traspasar por riba de calquera fronteira, tiña un presente incómodo cada vez que se metía nunha desas aventuras. O de menos é se ditas intervencións provocaba máis desfeitas humanitarias que a que dicían pretender impedir. Aí xa non se gardaban esas contemplacións sobre os “males maiores” que se puidesen causar. O peor é a disonancia cognitiva que supoñía esixir a investigación de fosas comúns noutros territorios cando se ten o triste mérito de ser os segundos do planeta que máis teñen no seu propio, sen investigar ningunha. Isto requiría algún tipo de corrección cosmética.

Accións como as do xuíz Garzón en casos como o de Adolfo Scilingo no 99, e sobre todo, no de Pinochet, no 98, foron tan entusiasticamente aplaudidos pola progresía do Estado Español, como desconcertante lle resultaba o feito de que aquí non se puidera xulgar aos propios xenocidas e torturadores. Son contradicións que se ían acumulando e que tiveron no tratamento as vítimas do terrorismo un desacougante paradoxo. A medida que se abordaba este asunto desde a perspectiva dos dereitos humanos (1999) máis quedaba en evidencia o agravio comparativo. Ou mellor dito, o desagravio comparativo.

A propia Unión Europea, como queda en evidencia no informe do Consello de Europa (17 de marzo de 2006) sobre os crimes do franquismo, decátase da necesidade de arranxar a propia casa se pretendían seguir a dar leccións ao mundo da súa superioridade moral.

O caso é que a esquerda do Estado non podía seguir a inhibirse nesta cuestión e efectivamente fixo leis. Agora ben, do mesmo xeito que na primeira, que tiña un alcance fundamentalmente referido a cuestións de imaxe xa clamorosamente hoxe insuficientes (eliminación da simboloxía de exaltación do golpe franquista), non foi executada en moitos casos polas administracións, moitas delas en mans do PSOE, nesta última lei tamén vemos algúns problemas derivados da falla de vontade de quen ten que levala a cabo. Non só os xuíces, que xa sabemos do seu ideario “ultramontano” en palabras do propio Garzón, senón sobre todo dos partidos políticos da esquerda española.

Quizais seguiremos a escoitar escusas. Se ben cada vez é máis difícil acreditar nas súas palabras. Oxalá nos equivoquemos pero na propia filosofía da lei, ademais dos feitos aos que nos vimos de referir, hai unhas claves que nos fan dubidar da súa execución até as últimas consecuencias.

Sen entrar na súa concreción en diferenzas que puideramos ter no acceso aos arquivos, a derrogación da lei de amnistía ou a ilegalización do fascismo. Quedemos só nun aspecto que ten que ver coa chamada reparación colectiva. É unha forma de reparación que se produce como consecuencia de feitos masivos e sistemáticos de violacións de dereitos humanos e está dirixida non a individuos senón a grupos de persoas afectados. Prodúcese con independencia das reparacións individuais que se establezan.

Compre non esquecer que o obxectivo do golpe militar-clerical foi exterminar determinadas ideoloxías que nun momento dado chegaron a ser moi relevantes no Estado. Para iso é que se aniquilou fisicamente a quen as posuían. A insistencia en que morreron por esta Constitución é unha apropiación que revitimiza a quen sufriu a represión polo seu ideario republicano, laico e federal. E non falo do programa partidista que cada quen puidera ter, senón dun modelo de sociedade no que convivir con outros xeitos de pensar e no marco do cal soster as propias propostas.

A primeira vez que se abriu a posibilidade de homenaxear ás vítimas do franquismo no Congreso foi en decembro de 2003. Participou toda a oposición agás o PP, que estaba gobernando, pero para iso daquela houbo que aceptar a imposición de facelo no marco da conmemoración do 25 aniversario da Constitución Española. A situación era dramática. Nun estado que invisibilizaba as vítimas do franquismo había que valorar a oportunidade que se presentaba de facerlles ao fin un recoñecemento. Compría abrir unha fenda e moitos valoramos que a propia presencia na institución desta realidade ía supoñer un revulsivo que dificilmente ían poder desactivar coa retórica constitucionalista. Houbo crimes, e onde houbo crimes, tivo que haber criminais. Quen foron? onde están? En que se reconverteron?…. Abríanse moitos interrogantes simplemente polo feito de levantar un chisco a alfombra.

Non foi agradábel para quen non comunga coa Constitución monárquica e centralista mais os impositores non ían saír indemnes desa manobra de distracción. A esquerda española precisábao para desmarcarse dun PP, que os tiña absorbidos na súa escalada autoritaria coa lexislación “antiterrorista” e a guerra de Iraq. E abriron a porta a que se valorase a a vida duns seres humanos que até ese momento se consideraban desbotábeis.

A primacía da Constitución como valor superior entra en contradición mesmo co propio concepto de Dereitos Humanos que precisamente contrapón a defensa duns dereitos universais por enriba de calquera ordenamento xurídico positivo. É máis, dito dereito positivo debe construírse sobre a base deses Dereitos Humanos que lle serven de fundamento para ser lexítimo. O problema é que esta Constitución foi produto dus feitos que fixeron posible que se substanciara nos termos que está hoxe, e que de non terse producido o golpe militar-clerical e a ditadura, seguramente non sería así. Ou é que alguén pensa que de xeito democrático e pacífico tería recuperado a Igrexa o seu papel predominante, o rei a súa coroa e o centralismo lograría borrar por completo aquela estruturación federal a que se aspiraba noutrora.

Seguramente xa entón moita esquerda española non acreditaba na república laica e federal. Porque o problema de fondo é a súa ideoloxía centralista. Saben que a propia idea de España, e da estruturación xerárquica e uniformizador do Estado repugna o federalismo dos diferentes. Pero tamén son conscientes que a conformación do proxecto Español como Estado fundaméntase na monarquía e na igrexa católica. Tres eixos consagrados na Constitución. A Católica é a única relixión que se cita expresamente. Blíndase a Monarquía. E péchase calquera paso a unha estruturación igualitaria e federal do Estado. Isto é, conságrase a súa ideoloxía partidaria profundamente españolista.

Teñen todo o dereito do mundo a tela, pero non poden antepoñela á defensa dos dereitos humanos. Moito menos subordinar estes a ese ideario particular. Declaran o 31 de outubro como o día de recordo e homenaxe a todas as vítimas, data na que se aprobou en 1978 a Constitución española polas Cortes en sesións plenarias do Congreso dos Deputados e do Senado. Seguindo a estela da anterior lei da memoria que tamén se escolleu ese día para que fose aprobada. Parece cruel esa elección e a insistencia en borrar todo rastro dos idearios que alentaban as aspiracións constitucionais dun Estado Laico, Federal e Republicano dos que foron masacrados e que hoxe son ilegais na actual Constitución.

Non se pode desprezar os avances acadados nesta lei da memoria porque son froito da loita do movemento memorialístico e dos defensores dos dereitos humanos no Estado. Pero unha auténtica reparación colectiva debera empezar por respectar o pensamento das vítimas, razón pola cal sufriron a represión. Pode un discrepar desas ideas, pero non pode concordar con que foron torturados, presos ou asasinados polo feito de telas. E iso é o que debe de alentar a quen ten na súa man traballar na aplicación e mellora desta lei para afondar na verdade, na xustiza, na reparación e nas garantías de non repetición.

(10)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados