Diante da nova Asemblea Nacional do BNG

Diante da nova Asemblea Nacional do BNG

As últimas citas asembleares do BNG son seguidas con grande interese polo conxunto da militancia nacionalista animada polo debate interno que suscitan. Ademais, este debate ten sido recollido profusamente polos medios de comunicación que se mostran máis interesados en reflectir os puntos de vista encontrados que en informar das propostas políticas concretas cara a sociedade. É máis difícil para un galego ou galega saber o que opina o BNG da bancarización das caixas que enteirarse da discrepancia dun militante concreto.

Non parece que a próxima Asemblea vaia diminuír en interese e expectación a respecto das anteriores e iso é positivo. O que tamén sería bo é que ese debate se cinga ao plano interno en moito maior medida. Algún feito inicial non vai nesa dirección, pois ofrecer roldas de prensa de parte, após as reunións dunha Comisión encargada de facer reflexións conxuntas, non parece o mellor camiño. Podemos imaxinarnos a existencia dunha organización na que todas as partes tivesen o mesmo comportamento? Evidentemente non sería sostíbel. Esa urxencia en ofrecer publicamente a visión de parte e someter aos demais á crítica despiadada, cando non directamente á descualificación, desacredita socialmente ao BNG no seu conxunto e, polo tanto, tamén a quen se di exento de toda culpa. A militancia, pola súa parte pregúntase cal é a necesidade de falar fóra o que se pode falar dentro. Por unha parte e pola outra é difícil de verlle o rendemento a esta posición.

Moito máis útil parece o camiño de fraguar a unidade en base a acordos políticos que reflictan un punto de encontro común. E nunca nese debate deberá aparecer, e moito menos predominar, unha caracterización dos demais no plano moral: bos e malos, tramposos e honestos, manipuladores e sensatos demócratas... pois, ademais de ser unha argumentación propagandística (de dubidosa eficacia), dificulta a creación dun mínimo clima de confianza necesaria. Nin clarifica nin axuda a avanzar. Mentres que se o debate se dá exclusivamente en termos de análise do contexto político actual, das propostas do BNG para darlle resposta e das mellores maneiras para facelo, a unidade é perfectamente factíbel. Dito doutro xeito, cun debate político franco e dado en termos de servizo ao País ninguén vai ter que violentar os seus posicionamentos políticos, nin moito menos a súa conciencia, para seguir contribuíndo de xeito positivo ao proxecto común.

A sociedade galega foi sufrindo transformacións importantes desde a fundación do BNG hai case trinta anos. A situación orgánica e social do nacionalismo tamén é moi diferente. Desde entón hai unha experiencia analítica acumulada que se veu plasmando nas resolución políticas das Asembleas Nacionais e outros documentos. Hai tamén unha acomodación do instrumento -é dicir, do BNG- a esas novas circunstancias. Para iso sempre nos guiamos polas decisións tomadas colectiva e democraticamente, sen resignarnos nunca a seguir as ordes de caudillos iluminados ou os ditados de grupos económicos ou mediáticos como ten sucedido noutras organizacións. Non fomos até hoxe máis que o instrumento do pobo galego máis consciente e organizado. E seguro que iso é o que queremos seguir sendo. En definitiva, viñemos resolvendo os retos de cada momento dun xeito positivo, en termos xerais, e acadando para o nacionalismo un respaldo social importante.

Tamén nesta ocasión seremos capaces de facelo abordando colectiva e democraticamente o desafío do momento. Mais cal é este? Coido que, no plano externo, radica en sabermos ler ben o novo escenario de radicalización das desigualdades sociais que vai unido, non casualmente, a unha maior perda de soberanía política dos Estados e xa non digamos da periferia sen Estado. Precísanse respostas que vaian máis aló do coxunturalismo e poñan en evidencia a raíz do problema. No plano interno coido que o reto a resolver ten dúas caras inseparábeis. As dúas sitúanse ao mesmo nivel e forman unha única realidade. Por unha parte manter a unidade do conxunto do nacionalismo e, pola outra, que isto non lle reste eficacia na actuación política por mor dunha discrepancia pública permanente. E esta Asemblea Nacional pode supor un punto de inflexión neste aspecto pois teño a impresión de que a inmensa maioría da militancia quere compatibilizar democracia e pluralidade interna real con posicionamentos únicos cara a sociedade. E isto leva consigo que todas as partes coiden a Casa Común e se corresponsabilicen no seu goberno.