Dan comezo as obras da Casa Museo Manuel María

Dan comezo as obras da Casa Museo Manuel María

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos acaba de contratar a primeira fase das obras de acondicionamento da casa natal de Manuel María en Outeiro de Rei para convertela en Casa Museo do noso grande poeta. A casa xa fora adquirida pola Fundación hai arredor dun ano, mais por estar ocupada polos familiares do escritor, estes precisan dun tempo para a construción do que será a súa nova vivenda habitual. Neste momento as obras da familia xa están bastante avanzadas e, en paralelo, a Fundación comezou a reforma daquelas zonas da casa actualmente en desuso como son as antigas cortes das vacas e un anexo que dispón a edificación.

A actuación sobre a casa non modificará a súa estrutura, aínda que son precisas importantes intervencións para adecuar as súas dependencias á nova funcionalidade. Tamén se realizarán outras intervencións para mellorar a accesibilidade interior adecuándoa á exixencias propias dun espazo de uso público.

A Fundación pretende ter rematada esta primeira fase dentro dun ano. Isto suporía que nese momento se podería abrir ao público a Casa Museo cos seus fondos bibliográficos e documentais. Destaca nese sentido a voluminosa e importantísima biblioteca do escritor, aínda sen catalogar, que ocupará a parte baixa do edifício e un cuarto na parte alta de uso para investigadores/as. Tamén se trasladará a ela a colección de arte que o escritor foi reunindo durante a súa vida e que contén interesantes obras de Castelao, Urbano Lugrís, Carlos Maside, Laxeiro, Luís Seoane, Sucasas, Alfonso Abelenda, Manuel Torres, Blas Lourés, Felipe-Senén, Raimundo Patiño, Xavier Pousa, Argüelles, Balboa, Díaz Pardo, Castro Gil, Felipe Senén... Quen visite a casa poderá desfrutar así mesmo da magnifica base documental do escritor: fotografías, vídeos, audios, manuescritos, etc. Así como as curiosas coleccións de navallas e caxatos e doutros obxectos persoais do escritor. Neste sentido, faise un chamamento a todas aquelas persoas que dispoñendo de documentos ou obxectos relacionados con Manuel María como cartas, tarxetas, gravacións en audio ou vídeo, fotografías, etc, se poñan en contacto coa Fundación ([email protected]) para podermos seguir enriquecendo ese fondo documental.

Nunha segunda fase a Fundación pretende converter unha palleira anexa á casa nun auditorio con capacidade para cen persoas e un espazo para desenvolver obradoiros de poesía co alumnado visitante ao museo.

Mais o verdadeiro reto para a Fundación Manuel María de Estudos Galegos é que ese espazo no seu conxunto serva para desenvolver unha importante actividade cultural e pedagóxica arredor da obra de Manuel María e da cultura galega en xeral. Nin os tempos menesteresos nos eximen desa responsabilidade.