Crise económica e resultados electorais nas cidades

Crise económica e resultados electorais nas cidades

A variada casuística de resultados que sempre se presenta nunhas eleccións municipais fai que a diversidade de valoracións sexa tamén maior pois é mais doado botar man de datos concretos que avalen un argumento xeral onde se constitúe en categoría o que non é mais que unha casuística.

Coido, non obstante, que teremos bastante coincidencia en que os resultados das eleccións municipais últimas estiveron moi atravesados polo feito que máis pesa hoxe na sociedade galega: a crise económica. As importantes diferenzas locais non impiden advertir unha tendencia xeral de castigo por parte do corpo electoral a quen supón que é o culpábel da crise en maior medida. E esta tendencia, como é lóxico, aparece máis acentuada nos contextos urbanos onde a política se exerce de xeito máis "superestrutural", máis mediático e con menor contacto directo entre o poder local e os cidadáns e cidadás.

E se a problemática da crise é o tema xeral determinante, o seu tratamento radicalmente bipartidista foi o xeito de presentala. Agora ben, a presentación bipartidista como única e irremediábel opción, xa se viña acentuando nas anteriores convocatorias electorais, con independencia da natureza destas. É precisamente niso no que poñen maior e permanente empeño tanto o PP como o PSOE, xuntamente cos poderes mediáticos que os acompañan.

Polo tanto, coido que hai dúas coordenadas esenciais a ter en conta para entender algúns aspectos do recente pronunciamento electoral da sociedade galega, en especial nos espazos urbanos: o seu posicionamento diante do xogo bipartidista e a súa espectativa para a saída da crise económica. O primeiro aspecto fai referencia ao grao de existencia de voto en clave galega -é dicir, de consciencia nacional- que segue tendo dificultades para ampliarse. É este, sen dúbida, un aspecto clave mais só me referirei ao segundo por ser de máis recente aparición e aterme ás dimensións propias deste artigo.

O nacionalismo galego vén facendo un esforzo importante por formular unha alternativa claramente diferenciada do bipartidismo español e manter unha posición firme, tanto nas institucións como na mobilización social, ás políticas que agravan aínda máis a crise no noso país e empeoran as condicións de vida das clases populares: o proceso de bancarización das caixas, a reforma laboral e das pensións, o decreto do carbón, etc. Todas estas medidas teñen no PSOE o responsábel fundamental e no PP o colaborador necesario. Mais, desgrazadamente, isto non é visto así por unha parte importante da nosa sociedade, imposibilitada de ter unha opinión baseada no contraste e na información e non no simplismo e na manipulación da propaganda.

Desde que os efectos da crise económica comezan a sentirse socialmente, o PP non articulou un discurso baseado en alternativas a esa situación, pois ben sabe que no plano económico as súas diferenzas co PSOE son máis ben pequenas. Articulouno en base a que eles farían unha suposta mellor xestión do diñeiro público evitando o despilfarro e implantando unha "austeridade eficaz".

Deste xeito, nas eleccións municipais últimas o único que fixo o PP foi actualizar un argumentario que vén utilizando desde hai case tres anos -eleccións autonómicas incluídas- e que xirou arredor de dous eixos. O primeiro deles refírese á política estatal e podemos sintetizalo na expresión "hai que botar a Zapatero xa!". O segundo refírese á política galega e podemos sintetizalo na expresión "os bipartitos están instalados no luxo e no despilfarro!" e cómpren gobernos austeros.

Neste contexto coido que non é realista pensar que un retroceso electoral do PSOE tiña que reportar apoios substanciais ao nacionalismo. En primeiro lugar porque, por máis que os tertulianos nos repitan que PSOE e BNG son vasos comunicantes nos que a baixada dunha parte conleva a subida da outra, isto é radicalmente falso no caso das eleccións municipais. Aos datos me remito: no 2007 o BNG repetiu practicamente resultados e o PSOE subiu dous puntos; no 2003 o BNG subiu un punto e o PSOE subiu dous puntos; no 1999 o BNG subiu cinco puntos e medio e o PSOE tan só baixou un pouco máis de un; no ano 95 o BNG subiu dous puntos e medio e o PSOE baixa case cinco; no 91 o BNG subiu medio punto e o PSOE subiu cinco... En segundo lugar, agora hai un novo feito moi presente na conciencia da sociedade galega: a existencia dun goberno bipartito BNG-PSOE na Xunta e tamén na maioría das cidades do país. Isto fixo que o descrédito político do PSOE tamén arrastrase ao BNG particularmente onde era a parte minoritaria do goberno dos concellos urbanos, pois é nese caso onde -nunha simplificación da realidade- se entende que o BNG "axuda" a gobernar ao PSOE. Dito doutro xeito, os gobernos bipartitos da Xunta no seu momento e das cidades agora, nos que o BNG estivo en minoría e pode ser percibido como "socio colaborador" do PSOE, desacreditan de algún xeito o discurso xeral do nacionalismo de confronto coa política dese partido. Traducido isto a términos de campaña electoral, onde o contraste informativo é moi escaso, fai críbel o sofisma do PP de que "votar ao BNG é o mesmo que votar a Zapatero".

Digo isto unicamente como un elemento explicativo -non o único- dun comportamento electoral e non como premisa da que se deba concluír que a participación do BNG neses gobernos foi contraproducente para os intereses dos veciños e veciñas nin tan siquera para os do BNG. Mais agora o que interesa é que, no novo contexto, pode ser produtiva unha reflexión sobre a nosa actuación nese aspecto e unha toma de decisión congruente con ela sabendo que non hai variñas máxicas para a resolución de problemas complexos.