Adrián Rodríguez Bravo

Camarada Moncho, aquí estamos e aquí seguimos, até a vitoria

“Moncho Reboiras era un operario, un traballador, pero un traballador connsciente. Consciente de ser parte dunha clase. Consciente de pertencer a un povo. De ter patria.” Moncho Reboiras tiña só 25 anos cando foi asasinado pola policía franquista na Rúa Terra. Malia a súa corta idade, a de Moncho é unha traxectoria marcada por un […]

14 Agosto, 2015 Listaxe de artigos do colaborador 90 Leituras
(0)

“Moncho Reboiras era un operario, un traballador, pero un traballador connsciente. Consciente de ser parte dunha clase. Consciente de pertencer a un povo. De ter patria.”

Moncho Reboiras tiña só 25 anos cando foi asasinado pola policía franquista na Rúa Terra. Malia a súa corta idade, a de Moncho é unha traxectoria marcada por un inxente contributo de militancia e de compromiso. Un compromiso, que xa antes e após o seu asasinato foi partillado por milleiros de compatriotas e que continúa a ser necesaria referencia para calquera militante novo da UMG, do nacionalismo xuvenil e do conxunto do soberanismo galego. As súas orixes humildes, onde dende moi novo coñeceu o que era o mundo do traballo, axudando a reo a súa familia no Bar Noia, pouco despois no mundo da construción e un pouco máis tarde como enxeñeiro técnico na fábrica de Barreras onde entrou a traballar cunha bolsa tras rematar os seus estudos. Era un operario, un traballador, pero un traballador connsciente. Consciente de ser parte dunha clase. Consciente de pertencer a un povo. De ter patria.

Co título de enxeñeiro técnico, o camarada Moncho Reboiras podía terse acomodado tranquilamente na domesticación franquista. Pola contra, o seu compromiso patriótico e de clase converteuno nun referente do activismo político, e transformouno nun proletario inconformista loitando decididamente a prol da plena emancipación nacional e social do povo traballador galego.

Un amplo compromiso cos sectores máis desfavorecidos conducírono a descubrir unha Galiza colonizada, explotada, sometida social,politica, economica e culturalmente pola oligarquía española. Esta situación levou a Reboiras a se involucrar e espallar o nacionalismo non só no ámbito laboral ou sindical senón en todos aqueles lugares e situacións nos que entendía que podía difundir e partillar os seus ideais patrióticos e comunistas.

O seu legado no traballo social construíase día a día, nos movementos sindicais, culturais na Asociación Cultural Galega, na Fronte cultural galega, do Grupo cultural “O Castro”, no asociativo coa creación de Estudantes revolucionarios galegos (ERGA), formándose politicamente día a día, repartindo propaganda, procurando novas compañeiras para a causa, facendo País a pé de rúa. Ese é o verdadeiro legado de Moncho Reboiras, o da práctica consecuente, o da entrega a unha causa xusta. Legado que a mocidade nacionalista e as persoas comprometidas socialmente asumimos como propio e do que gostaríamos poder declararnos herdeiras.

Por iso a día de hoxe, podemos berrar ben alto que o fascismo asasinou a Moncho Reboiras, máis o seu sangue derramado nos anos 70, deixou semente de vencer. Unha semente que enraizou vizosa e que leva décadas a agromar nas fileiras da UMG, de Galiza Nova ou dos Comités. Unha semente que florecerá na nosa vitoria.

Como mocidade con deliberada vocación revolucionaria, temos a obriga de estarlle agradecidas a Moncho Reboiras, xa que el, igual que nós foi moza e mozo nacionalista e comunista, traballou pola liberación nacional da nosa terra, co obxetivo de erguer unha Galiza ceive sen explotadores nin explotadas. Pasaron xa 40 anos do seu asasinato, malia que na forma parece que mudou a problemática, pero no fondo continúa a ser o mesmo.

Na actualidade vivimos un momento caracterizado pola brutal ofensiva do capital contra a clase traballadora, que non só se traduce na agudización da loita de clases senón tamén nunha violenta radicalización do Imperialismo, que afonda cada vez máis en impor relacións de dependencia, abondando na división centro-periferia. Agravando o sometemento dos povos en beneficio dun capital que teima nunha concentración e centralización sen límites.

Neste saqueo constante ao povo traballador recibimos os máis duros golpes en forma dun crecente empobrecemento e dun grave recuar en materia de dereitos sociais, laborais e tamén democráticos. A clase dominante, o capital, emprega a crise ao seu favor co pretenso de nos forzar á resignación ao tempo que alarga a múltiple opresión que os mozos e as mozas galegas padecemos.

Ficamos oprimidas por pertencermos a unha nación á que se lle nega o dereito á soberanía política e económica, sometida baixo un xugo colonial. Oprimidas tamén por facermos parte da clase traballadora. Hoxe a contradición de clase fica máis vixente que nunca. Quen domina os medios de produción, as grandes empresas, o capital monopolista transnacional continúa a zugar o sangue do povo traballador galego. Unha apropiación que é dobre. Apropianse da riqueza xerada polo traballo aquí para logo a transferir ao centro do Estado.

Opresión que se materializa tamén en aspectos concretos. Como a expulsión dunha faixa importante de mocidade galega por negarlles un dereito básico, como o dereito ao traballo. Traballo que teñen que buscar lonxe da nosa terra, porque na Galiza, o goberno da Xunta négalles este dereito. Unha mocidade que emigra baixo a sombra do pasado, a sombra de ficar lonxe da súa terra, tal e como fixeron os nosos avós.

Este ano a militancia da UMG vimos de celebrar o VXI Congreso baixo o lema “A mocidade comunista ao servizo do povo e da patria galega”, quere sintetizar o que somos. Mozas e mozos conscientes de sermos galegas e galegos, fillas e fillos da clase traballadora que entendemos o pensamento marxista e os principios leninistas dunha maneira creativa, que adaptamos á realidade concreta do noso país atendendo ao dinamismo e a dialéctica na que se desenvolve a realidade. Visa tamén o que queremos ser. Militantes, activistas, patriotas comprometidas coa causa da liberación nacional e social do noso povo, entregando o mellor de nós propias para avantarmos cara a conquista da independencia nacional e a construción do socialismo. Un duplo obxectivo que é, como a UPG ten teorizado desde a súa orixe, a indisociábel dupla vertente do horizonte emancipador que anceiamos.

Por iso, un dos obxectivos prioritarios para a militancia da UMG neste período é continuar a contribuír con toda a nosa forza e dedicación á importante expansión de Galiza Nova así como ao relanzamento do movemento estudantil nacionalista, apostando sen ambaxes por reconquistarmos a súa unidade.

Vivimos tempo complexos, pero non é menos certo que tamén é a nosa obriga evitar caer no desanimo, nacemos para loitar e con referentes como Moncho Reboiras, fico convencido, que máis cedo ca tarde, a patria soberana e socialista que soñamos tornarase realidade. Farémola realidade.

Viva Moncho Reboiras!
Viva Galiza ceibe e socialista!

[Texto do discurso pronunciado no acto de tributo da UPG a Moncho Reboiras (Ferrol, 12-VIII-2015)]

,————————————————————————————————-
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

(0)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados