Así non é posíbel a saída da crise

Así non é posíbel a saída da crise
Os ricos dedican os cartos a especular con eles e a metelos en valores seguros

Os últimos datos sobre desemprego sitúa o paro rexistrado en Galiza, a finais do mes de setembro, en 232.918 persoas. Se ben a caída do emprego é xeralizada en todos os sectores, de novo o sector industrial marca as cifras máis altas, como ven sendo o habitual desde o estoupido da crise económica a finais do ano 2007, un dato altamente preocupante se temos en conta, por un lado a feble estrutura industrial de Galiza e por outro que estamos a falar dun tipo de emprego cun carácter moi estrutural, que xera valor engadido e que é máis sindicalizado. Outro dato relevante da situación do mercado laboral en Galiza, témolo no feito de que só o 7.6% dos contratos foron de carácter indefinido, o cal pon de manifesto o alto índice de rotación que se está a dar na contratación. 

Esta información pon de manifesto o fracaso da reforma laboral promovida polo goberno español, pois supostamente a mesma facíase para facilitar a creación de emprego estábel e, como estamos a ver, nin unha cousa nin outra. Respecto da actitude da Xunta de Galiza, fronte a esta problemática tan grave para o noso País, o que existe é unha falta real de alternativas, unha incompetencia manifesta e un intento permanente de eludir as súas responsabilidades nesta materia culpabilizando de todo á Administración Central.

O desemprego medra porque a reactivación económica non aparece por ningures, cousa por outro lado agardada tendo en conta as políticas económicas que se están a facer. A principal preocupación do BCE, da CE e dos diferentes gobernos dos estados da UE, incluído o goberno español, é proporcionarlle recursos á banca para facilitar o incremento dos seus beneficios, a súa recapitalización, o corresponde reparto de dividendos aos seus accionistas e os altísimos soldos dos seus executivos. Nun primeiro momento os gobernos europeos saíron a rescatar á banca directamente con fondos públicos, despois proporcionándolle miles de millóns de euros a xuros moi baixos (1%-1.5%) e agora permitíndolle a especulación coa débeda pública.

Seguindo fielmente os principios ultraliberais, estase a levar adiante, por parte do PP e PSOE, unha política baseada no recorte do gasto social e do investimento público, o que está a xerar unha caída importante do emprego, no propio sector público, así como, en todos os sectores económicos que poderían reactivarse con eses investimentos, ao tempo que os recursos destinados ao sector financeiro están sendo usados por este para tapar os seus números vermellos e especular con eles, non chegando financiamento as pequenas e medianas empresas, que son as grandes xeradoras de emprego. A riqueza sigue a concentrarse en poucas mans, os ricos dedican os cartos a especular con eles e a metelos en valores seguros, non se crean empregos, os salarios caen, non hai capacidade de consumo e polo tanto a economía non se reactiva.

Ante este panorama, que leva camiño de agravarse nos próximos meses, desde a CIG seguimos na nosa labor de concienciación e contestación social continuada, po iso promovemos unha nova manifestación nacional para o próximo día 23 de outubro, en Compostela, centrada na defensa do emprego e dos servizos sociais e na mensaxe a sociedade de que si existen alternativas que pasan por incrementar o investimento público, crear unha banca pública, facer unha profunda reforma fiscal, rematar cos paraísos fiscais, crear empresas públicas nos sectores estratéxicos da economía, combater os movementos especulativos do capital, apoiar a economía produtiva.