Fundación

A Fundación

O editor do dixital do “Terra e Tempo” é a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. Constituíuse en xullo de 2004 a iniciativa da Unión do Povo Galego (UPG), cadrando coa celebración dos corenta anos de vida deste partido político. A Fundación é a única responsábel da xestión deste dixital.

É unha Fundación sen ánimo de lucro e ten personalidade xurídica propia, estando clasificada de Interese Cultural pola xunta de Galiza, segundo resolución publicada o 19 de outubro de 2004 e inscrita no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego co número 2004/20.

A Fundación Terra e Tempo, editora única do Terra e Tempo, expón as súas opinións colectivas por medio dos artigos que van asinados como “Xunta Directiva da Fundación” e “Editorial”. Do resto de artigos asinados persoalmente a Fundación non asume necesariamente o seu contido nin se responsabiliza legalmente del, sendo unha opinión exclusivamente atribuíbel aos ou ás súas autoras.

Obxectivos

A Fundación Terra e Tempo ten, entre os seus obxectivos, promover a recuperación de toda aquela documentación, sexa gráfica, escrita ou nouto soporte, que se xerou ao longo do século XX e que constitúa elemento de identidade do movemento nacionalista galego, especialmente na segunda metade do século.

Tamén é centro de documentación, consulta e estudo sobre as actividades das organizacións nacionalistas xurdidas no século pasado e nas que a UPG, ben de xeito directo ou indirecto, participou na súa xestación ou promoción.

Tamén está entre os seus obxectivos difundir entre os galegos e galegas os estudos sobre a realidade da nación galega e a súa sociedade que contribúan a un mellor coñecemento da realidade da Galiza e do mundo e inflúan para desenvolvermos unha sociedade plenamente democrática.

Terra e Tempo

Unha das actividades da Fundación Terra e Tempo é a edición de revistas, primordialmente da cabeceira histórica Terra e Tempo, editada pola UPG desde 1965 até o 2003. A revista Terra e Tempo, desde xullo de 2004, pasa a editarse dun xeito autónomo da UPG, o que lle permite un ritmo de traballo propio. Ao mesmo tempo segue a liña editorial que viña mantendo desde a súa fundación, animado polo ideario nacionalista.

En 2010, aos 45 anos do seu primeiro número, comeza a andaina da versión dixital do Terra e Tempo, tendo a mesma unha intencionalidade máis dinámica e de actualidade. A revista en papel seguirá mantendose con traballos de maior extensión e profundidade analítica