Adolfo De Abel Vilela

APLAUSOS PARA OS DEFENSORES DAS LIBERDADES INDIVIDUAIS

O presidente da Asociación Provincial de Hostalaría de Pontevedra, queixábase de ter que asumir restricións «porque los chavales se están contagiando». A nai dun neno do macrobrote de Baleares denunciou á directora xeral de Saúde Publica por detención ilegal do rapaz. O 72 por cento dos ingresados nas uci de Andalucía non se vacinaron por […]

26 Xullo, 2021 Listaxe de artigos do colaborador 41 Leituras
(0)

O presidente da Asociación Provincial de Hostalaría de Pontevedra, queixábase de ter que asumir restricións «porque los chavales se están contagiando».

A nai dun neno do macrobrote de Baleares denunciou á directora xeral de Saúde Publica por detención ilegal do rapaz.

O 72 por cento dos ingresados nas uci de Andalucía non se vacinaron por ser negacionistas.

O presidente de Galicia Noite queixábase de que «después de 16 meses la gente no haya aprendido nada. Las imágenes de la Noche de San Juan ponen los pelos de punta».

O Tribunal Constitucional anulou o decreto que permitiu confinar aos españois. Mentres na maior parte de España había restricións para a hostalaría polo aumento dos contaxios, a presidenta de Madrid proclamaba nun vídeo que «Madrid es libertad» enchéndose algunhas das rúas de rapaces non só autóctonos, moitos sen máscara e ningún respectando a distancia de seguridade, senón tamén franceses que no seu país non lles permitían xuntarse e menos para beber.

E así poderíamos seguir cos disparates, pero con estes xa temos materia suficiente para a facer o artigo.

Comportamentos incívicos

Hai uns días estaba cun amigo na terraza dun bar de Lugo da zona do Campo do Castelo. Entre os usuarios había dous grupos nas súas respectivas mesas, unha exclusiva de rapazas que alzaban a voz todas á vez, violentando os tímpanos dos clientes do circundo e aquelas regras decimonónicas, que xa non se levan, da boa crianza dunha señorita. O barullo nos nosos establecementos de hostalaría a maioría das veces é insoportable. En 1970 estiven en Lausana e comprobei que nos cafés a xente falaba nun ton que para aquí quixeran ter os rezos nas igrexas.

No outro grupo había rapazas e un rapaz ao que despois se engadiron outros dous. Un deles liou un cigarro. Díxenlle ao dono do establecemento que aquel cliente estaba fumando nun lugar prohibido. Afirmoume que xa llo advertira. Non só non fixo caso senón que acendeu outro el e o colega.
Pensei en erguerme e chamarlle a atención por estar violentando os dereitos de todos os que alí estabamos, pero aínda estaba fresca a noticia da morte de Samuel Luiz vilmente asasinado na Coruña por un grupo irracional de mozos e o mesmo se repetía conmigo o episodio. ¿Pódese dicir que fun covarde por non facer valer os dereitos de todos segundo as normas establecidas polas autoridades? Pois si, pero primeiro debería facelo o propietario do establecemento, e ante a impostura provocadora e incívica deses clientes, chamar á policía.

,
Que si que sí, que no que no

O Tribunal Constitucional, nun acto de eficiencia en tempos de pandemia, dezaseis meses despois de decretarse o estado de alarma, ¡ben merecen o soldo que gañan!, acordou declarar inconstitucional este artificio legal en lugar do estado de excepción, medida tomada para reducir o contaxio, e por tanto os efectos da covid-19. Calquera persoa racional e solidaria debería deducir da medida a boa intención do Goberno que non o fixo para restrinxir os dereitos fundamentais dos cidadáns, senón para protexer a súa saúde e minguar o traballo dos sanitarios nun momento en que non había ningún remedio, nin medios para atallar a pandemia, e reducir o número de mortos, como se fixo noutros países con réximes democráticos. O maxistrado poñente Pedro González Trevijano xa advertiu que as medidas tomadas polo Goberno casaban coas doutros países e as recomendadas pola OMS.

O citado tribunal é unha escola de filosofía xurídica onde o mesmo podería decidir por maioría que a ferramenta escollida polo Goberno foi a correcta, como o estado de excepción, de feito dos once maxistrados do tribunal cinco dos cualificados como conservadores por ter sido propostos polo PP, inclináronse por considerar non axeitado o instrumento xurídico do estado de alarma, e outros cinco, tres dos propostos polo PSOE e dous dos conservadores, consideraron que era correcto. Quedaba o voto da vicepresidenta, proposta polo PSOE, que foi quen decidiu co seu voto que era inconstitucional. Para eles o correcto sería o estado de excepción que era o que empregaba Franco para limitar as poucas liberdades que había, non para controlar unha pandemia, senón para seguir mantendo a súa ditadura. Como xa son algo antigo coido que agora cae ben esta letrilla:

Unos decían que sí
Otros decían que no
Y para más que decir
La Parrala así cantó
.

Aplausos

¿A quen lle debemos esta resolución? A Vox, que votou a favor do estado de alarma, pero que recorreu a súa constitucionalidade. Na súa grandilocuencia proclamou que foi «la mayor vulneración de los derechos de la historia» e como é habitual pediu a dimisión do Goberno. A dereita e a extrema dereita, auto chamados agora constitucionalistas, son os garantes da Constitución que non votaron e das liberdades publicas que restrinxen cando mandan, por exemplo coa Lei Mordaza.

O presidente do PP autoproclamou ser o seu «el único partido que ha sido responsable», ao mesmo tempo que boicotea desde hai máis de dous anos a renovación de distintos órganos institucionais, non por defender o interese colectivo, senón o propio. Enténdese, pois, que os demais partidos que aprobaron no Congreso o estado de alarma son irresponsables porque o seu perverso fin era exclusivamente reducir os contaxios, dar un respiro aos sanitarios e as ucis, en definitiva, salvar vidas.

Consecuencias desta decisión é que todos os incívicos que se riron das medidas de excepción e pasaron o confinamento polo arco de trunfo serán premiados coa anulación das sancións que lles impuxeron, animarán ás forzas de orde pública a mirar para outro lado en situacións semellantes, ao mesmo tempo que producirá un dano ao erario público, que viña a ser unha forma de compensación ao colectivo, por iso de que algúns cren que Facenda somos todos, que maioritariamente mostrou un comportamento civico exemplar.

A defensa do interese xeral debería ser argumento suficiente para que todos os maxistrados deran por bo o estado de alarma. Así que aplausos para o os seis maxistrados que decidiron anulalo por darlle aire á extrema dereita defensora, como sabemos todos, das liberdades individuais e colectivas (divorcio, matrimonio igualitario, aborto, eutanasia, etc.), para Vox e para o PP por mirar para só para o seu bandullo.

¡Pobre neno!

Unha nai, avogada de profesión, da que non compre dubidar do seu cariño polo fillo, ao fin sangue do seu sangue e posuidor do seu ADN, denunciou a directora xeral de Saúde Pública de Baleares, porque esta señora atreveuse a internar ao neno nun hotel de catro estrelas sen o permiso paterno, aplicado un «criterio arbitrario e injustificado» que responde a «un confinamiento político y selectivo», que non había xustificación para considerar contacto estreito aos rapaces que estaban de excursión de fin de curso, que todos vimos en masa de troula, e non ao resto de persoas e aos estranxeiros que estaban nos mesmos lugares. So lle faltou acusala de perversión de menores.

Algunhas das preguntas que compre facer son:

Nos tempos que andan ¿son pais responsables cos seus fillos menores de idade e coa sociedade pagarlles unha viaxe para asistir a festas en barcos, hoteis e concertos estando nunha pandemia?

¿Teño eu que pagar cos meus impostos o traslado á península dos adolescentes aos seus lugares de orixe?

¿Non se lles pon a faciana vermella ao ver que a súa liberalidade provocou miles de contaxiados en 11 autonomías? Así que máis aplausos, agora para os pais e a avogada, e de pasada para Isabel Díaz Ayuso que trunfou nas eleccións defendendo a liberdade dos madrileños para tomar cañas. Así é como se educa aos rapaces para que sexan cidadáns solidarios, responsables e cívicos.

Adolfo de Abel Vilela



(0)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados