Alexandre Sieira Almallo

Ao final do túnel… a escuridade globalizada!?

O problema non se resolve non facendo nada (os de antes), nin facendo o contrario ao que deben (os de agora) Non fai moitos anos, os traballadores ben pensantes de Europa Occidental, contemplaban a opción da globalización como un xeito de axudar indirectamente aos traballadores dos países menos desenvolvidos ou infradesenvolvidos. Iso era o que […]

13 Marzo, 2012 Listaxe de artigos do colaborador 60 Leituras
(0)

O problema non se resolve non facendo nada (os de antes), nin facendo o contrario ao que deben (os de agora)

Non fai moitos anos, os traballadores ben pensantes de Europa Occidental, contemplaban a opción da globalización como un xeito de axudar indirectamente aos traballadores dos países menos desenvolvidos ou infradesenvolvidos. Iso era o que se vendía por esta parte do mundo.

Pasaron os anos, e a posibilidade de influír positivamente nas condicións de vida e de traballo de eses países non soamente non mudou en moitos de eles, senón que por un efecto inesperado traxo e está a traer para as nosas latitudes as condicións de vida que eles tiñan. Xusto o contrario ao fin perseguido. O que si é certo e que hoxe ninguén discute xa e que a fenda entre ricos e pobres non fai más que crecer nos países da CE. E que o que os grandes grupos de presión tratan de acadar e que as condicións das que desfrotabamos aquí a clase traballadora sexan cada vez máis parecidas as que padecen nesas partes do mundo (que fai uns anos todos diciamos que eran desemiescravitude).

Ben, esta pode ser unha visión con tintes moi escuros do que está a pasar. Pero seguro que é máis real que a que nos quere facer crer o goberno do PP e algúns dirixentes empresariais e políticos europeos, que soamente recetan máis e máis recurtes ao conseguido pola clase traballadora no último século en Europa.

E como parece que o sistema campión e o de explotar ao traballador, todos se apuntan a esa moda, como antes se apuntaron as hipotecas lixo, ou anteriormente a especulación coas empresas punto con, ou a especulación sen máis.

O malo de todo isto é que un se decata (fai tempo de iso), que temos unha clase dirixente europea que está moi afastada da realidade que a sustenta. Polos seus comportamentos parece que quixeran que tiveramos  unhas actitudes submisas e contemplativas, como nos din que teñen os países do chamado “oriente”. E para iso soamente lles falta a existencia do “gran partido único” que lles de cobertura ao que tratan de facer. Pensamento único, partido único  e a quen teña a desvergonza de moverse, o poder fará que desapareza. 

Nada de criterios discordantes. Uns ordenan e outros obedecen. O normal, o que ten que ser para ser un pais “serio”,….triste diría eu . 

E isto de propoñer unha folga xeral, e buscar a ruína do pais…. e ademais non é “serio”

A ruína do pais non foi, segundo eles, deixar que os cidadáns foran enganados por toda sorte de produtos financeiros e bancarios tóxicos, permitindo endebedamentos que ían dar no que dou, permitir o saqueo de moitos concellos por parte dos seus alcaldes e técnicos, ou das deputacións ou…. facer aeroportos uns a carón de outros e sen tráfico aeronáutico. Ou facer obras faraónicas para que se recordara con elas a quen as promoveu (cos cartos que eran para facer unha vida mellor para o seu pobo).

Eses cartos que agora non hai para o funcionamento básico do pais (mestres nas escolas, xoves investigadores nas universidades, médicos nos centros de saúde…).

Iso non é problema -parece-. Non o é posto que non se lles chama polo seu nome a eses afundidores do estado do benestar; non se recorta a nómina dos políticos prexubilados (deputacións, senado, fundacións públicas,..).

Estamos no conto do mundo ao revés. Parece ser que o problemático para a supervivencia do pais é que un soldo poda superar os 1.000 euros, e se traballen 8 horas ao dia, e se teña un mes de vacacións. Iso é un problema, porque noutras partes do mundo, non hai vacacións, traballan máis de 8 horas e os 1.000 euros nin sequera os conseguen despois de traballar durante todo un ano. Agora resulta que eses sistemas económicos que pensabamos que o mundo tiña que eliminar por antihumanos, agora son os paradigmas da eficiencia.

Vivir para ver.

Os europeos conseguimos que o capitalismo e o benestar dunha base social ampla da poboación poideran vivir de xeito inestable pero harmonioso nas últimos decenios do século XX. Pero o que parece que nos depara estes inicios de século XXI é unha inestabilidade entre as dúas forzas, na que neste momento vai gañando o capitalismo pola súa agresividade, e está a acurralar as partes (e aos países) máis febles do sistema. Trata de impoñerse un único xeito de ver a realidade, utilizando todo tipo de medios para terxiversar a realidade. Da igual. A chegar un momento que o corpo social quede espido e xa non atenda a máis propaganda “lavacerebros”.

Estes dirixentes político-económicos pensan que van durar para sempre. Que equivocados están. Son máis febles do que pensan.

Isto non vai a acabar así, seguro que vai a haber máis movementos, como historicamente se deron. Apenas levamos unhas xogadas neste taboleiro, e xa sabemos cales son as técnicas que utilizan os inimigos da meirande parte da poboación. As de sempre. Dicir unhas cousas e facer o contrario. E non ter dor de nada (mellor dito de ninguén, que as cousas si se rompen costa repoñelas e as persoas…).

E de seguro que van quedar sen algo propio si seguen polo mesmo camiño.

O mellor que lles pode pasar aos dirixentes que nos están a gobernar e que as calles se enchan o dia da folga xeral. Canto antes se decaten que ese non é o camiño, será mellor para os cidadáns e mellor para eles.

Si seguen por onde din que temos que ir, despenaranse eles e a nosa sociedade con eles. Xa queda menos tempo para modificar o rumbo (o sen-rumbo) que estamos a levar dende fai xa moitos anos.

O problema non se resolve non facendo nada (os de antes), nin facendo o contrario ao que deben (os de agora). Os seus cidadáns non deben ser os seus inimigos. E os seus traballadores son os seus cidadáns. Téñeno que ter presente. 

Hai moitas cousas que reformar. Que miren ao seu carón; aos que os adulan e van de cheas con eles. Soamente fai falla miralos. Como Ulyses, que tapen os ouvidos (a poltrona xa están pegados, iso xa o fan ben) e soamente utilicen a vista para fixar o rumbo. Soamente así vencerán a esas modas tan perniciosas, a eses “cantos de serea”.

As rúas do pais teñen que estar cheas de xente manifestando o seu desacordo co proceder da súa clase política e das reformas que rachan a convivencia social. 

É polo presente e polo futuro dos nosos (e tamén dos deles, … aínda que non se decaten).

(0)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados