A oportunidade


Esgrimiuse durante a pasada campaña electoral, como recurso retórico, o mito de David e Goliath para ilustrar a situación de extremo desequilibrio de forzas en que se vía obrigado a batallar o BNG. A dimensión da derrota sufrida certificou que o símil resultara superado pola crúa realidade: daquela este David galaico nin sequera tiña unha modesta tirafonda con que frear á xigante maquinaria neoliberal.

Levo observado e reflexionado sobre as distintas achegas e avaliacións que a través de medios de diferente procedencia ideolóxica, algunhas dende esta revista, se levan feito sobre o “revés electoral nacionalista”. Excelentes unhas e a maioría moi aproveitables, algunhas menos, de acordo co meu modesto punto de vista. En moitas hai unha coincidencia xeral –explícita ou implícita- sobre un aspecto que parece un piar básico de calquera diagnóstico serio que se poida facer sobre este particular: a perda progresiva do perfil identitario do BNG durante largos anos –quizais máis dunha década- pero especialmente no último lustro, como unha das causas máis sobranceiras do rosario de perdas de apoio en cada cita electoral e do severo e inapelable revés do pasado outubro.

Unha derrota pode explicarse por unha conxuntura especialmente adversa como a actual, pero a dimensión desta -sen desprezar o máis mínimo os elementos enormemente negativos que xogaron nesta ocasión e que actuaron como detonantes- non se pode comprender sen referirnos ao progresivo e dominante perfil institucional que o BNG foi adoptando ao longo dos últimos anos. Significa isto unha crítica velada ou explícita á necesidade ou non da presenza do nacionalismo nas institucións? En absoluto. Son dos que penso que hai que estar nas institucións e defender nelas as nosas alternativas. Sen embargo, para unha organización aínda minoritaria e con escaso poder real no noso país esa presenza debe servir para acentuar –de forma creativa e con contundencia se é necesario- o noso perfil como forza próxima aos problemas e necesidades da xente, tanto se estamos no poder como na oposición. Aquí non pode haber excepcións.

Sen negar en absoluto o inmenso traballo realizado polo BNG e os avances sociais conseguidos alí onde goberna, gobernou ou xestionou diversas parcelas institucionais o problema radica en recoñecer que este traballo -nalgúns casos, especialmente nas grandes cidades- volveuse ao longo dos anos rutineiro, acrítico e marcadamente institucionalista aparecendo os nacionalistas ante a sociedade como un apéndice dos socialistas e unha forza máis do Sistema.

É certo que rectificamos algo disto na Asemblea de 2009 e agora, de maneira máis clara e radical, en Amio. Pero o certo é que tardamos en levar os acordos á práctica e non fomos capaces de cuestionar a tempo algúns destes co-gobernos marcando o noso perfil con máis contundencia en determinadas esferas do poder municipal e provincial. Por exemplo, facer un seguimento máis eficaz e visible do funcionamento errático e extremadamente opaco do goberno das Caixas e dos seus executivos, por falar só dun aspecto de relevancia na actualidade. A idea predominante de presentar “unha boa xestión institucional” a costa de sacrificar ou modular excesivamente a denuncia dos elementos perversos deste sistema democrático está na base da perda progresiva da nosa identidade ante importantes capas do pobo galego e, en consecuencia, da perda continuada do noso peso electoral.

Sen embargo, alí onde fixemos un alarde de forza transformadora, iniciando o cambio do paradigma capitalista neoliberal vixente, como ocorreu cunha gran parte da nosa xestión no Goberno Galego, daquela non mereceu un apoio decidido do BNG e aínda hoxe vese como algo a esquecer. Ninguén pode negar, e eu non o vou facer, que se cometeron erros tácticos e persoais na Xunta –en todo caso menores e, sen dúbida, magnificados polos media-, sen embargo, coido que dificilmente podemos solicitar o apoio a ninguén para o BNG e enfrontarnos con éxito a unha campaña electoral se non somos quen de reivindicar globalmente e coa cabeza ben alta o resultado dunha xestión gobernamental transformadora (sinalo algunhas de pasada: posta en marcha do plan de atención social e de dependencia, galescolas, plan eólico, Banco de Terras, impulso decisivo á investigación agraria, a Nova Política Forestal antimonopolista, o cambio radical da política contra incendios…) feita en tan pouco tempo, mais sendo nós os que pomos o acento no negativo contribuíndo (xa sei que involuntariamente) a bendicir a campaña dos media neoliberais contra o bipartito e confundindo así á nosa base electoral. En definitiva, esta actitude interna obsesivamente negativa coa experiencia nacionalista no Goberno Galego creo que foi e é –en gran medida- resultado do descoñecemento e do apriorismo, pero tamén de certo complexo ascético que aínda teñen moitos compañeiros. Sen embargo, tamén é pertinente recoñecer a pésima política de información e comunicación -da Organización e, daquela, do propio Goberno- cos diferentes organismos do BNG, coas bases nacionalistas e coa sociedade en xeral. Esta eiva aínda perdura: pénsase que con facer ben as cousas e falar de pasada –dando os temas ou os problemas por coñecidos- xa chega a mensaxe á xente. Inmenso erro estratéxico, de fatais consecuencias.

Do demais xa se leva falado dabondo: a división interna, aínda moi próxima, proxectando unha imaxe extremadamente negativa, as infamantes campañas xudiciais potenciando aquilo de “todos son iguais”, un candidato pouco coñecido, unha crise que provoca desafección ás institucións, uns media hostís actuando como amplificadores das carencias… Estou totalmente de acordo en que todos estes elementos funcionaron -en conxunción- como eficaces detonantes do desenlace electoral, pero o resultado sería diferente –penso eu- se o perfil do BNG non se fose diluíndo impedindo ser percibido nitidamente como diferenciado dos demais partidos do Sistema e, nesta causa, nós somos os únicos responsables. Esa foi a razón principal de que unha nova forza electoral formada por unha residual e contraditoria EU, pero liderada por un candidato nacionalista carismático e cinematográfico, apartado dende hai anos do Sistema e enfrontado ao seu antigo partido -convenientemente arroupado e potenciado polos media-, recollese unha parte notable -aínda que bastante máis reducida do que parece, non nos enganemos- dos desencantados coas Institucións.

Sen embargo, nesta nova situación radica a oportunidade. A pesar de todo, a única forza en condicións de manter unha presenza institucional ligada ás organizacións sociais, cunha implantación homoxénea en todo o País, coherente e esforzada, e aínda con moitos militantes recoñecidos socialmente é o BNG. Só hai que poñer en valor a nosa identidade e dotar de medios humanos e materiais a acción social ligada aos movementos de base que hai na sociedade. Necesitamos que os deputados, os cargos orgánicos e os militantes se mergullen activamente e de forma creativa nos problemas sociais máis quentes converténdose en transmisores de alternativas e líderes dos movementos reivindicativos, na medida en que lles corresponda. Debemos relanzar o Movemento Cultural potenciando os nosos mellores comunicadores, realizando unha programación sistemática por todo o País, dende Ortegal ao Miño e dende O Pindo ata o Padornelo. Fagamos coma os antigos heroes gregos, convertamos a derrota das Termópilas nunha próxima e vitoriosa Salamina!