Os primeiros cantantes en galego cun contido profundamente político e reivindicativo na ditadura franquista

A Nova Canción Galega

Foi en 1968 cando o abeiro do movemento estudantil que fervía en Compostela apareceron publicamente os primeiros cantantes en galego cun contido profundamente político e reivindicativo e cunha vontade clara de protesta e de compromiso coa lingua. Pódese dicir que a semente ou o detonante deste movemento foi o recital que o cantante Raimon dera o ano anterior no Campus Sur da Universidade Compostelá, presentado polo poeta chairego Manuel María, recital que reuniu a miles de universitarios ávidos de escoitar aquelas cancións en lingua catalá do cantautor valenciano, compromiso de Raimon coa súa minoritaria lingua.

Este recital animou a que algúns universitarios iniciasen un camiño para cantar en galego cun contido reivindicativo da lingua e tamén político que pretendía desacougar as conciencias. Así empezaron a cantar en reunións de amigos, en pisos ou en bares onde se avisaba con antelación a hora en que ía ter lugar o evento e a onde asistíamos, máis ou menos sen distinción, os poucos que estabamos na militancia clandestina antifranquista xa fósemos nacionalistas, rexionalistas "de un regionalismo bien entendido" ou españolistas, membros de partidos españois de esquerda e, asemade, algúns sindicalistas "apolíticos" con moito medo de meterse en "política".

Así pouco a pouco foise forxando un movemento a carón da canción en galego que tentaba superar os atrancos que atopaban e que inicialmente foi minoritario e con desleixo por parte da maioría estudantil pois a ideoloxía dominante era claramente franquista e españolista, como aínda sucede hoxe en moitos sectores sociais, xa que aquela universidade en boa medida non facía mais que reflectir a súa contorna e a orixe familiar dos seus compoñentes.

A conciencia política foise ampliando coas manifestacións, peche de facultades, detencións, multas gobernativas, mesmo cárcere para activistas e tamén coa profusión de follas propagandísticas clandestinas informando sobor da Universidade e do País. Esa politización ía acadando un forte pulo e, aínda que non abondaba para enfrontarse abertamente ás prohibicións policiais, íase abrindo paso con desafíos que un ano antes eran impensables.

Voces ceibes

O primeiro recital do movemento que máis tarde se coñecería co nome de "Voces Ceibes" foi en Abril na Facultade de Medicina nunha sala ateigada de xente onde o que máis importancia tiña non era a calidade propiamente dita dos intérpretes, senón a defensa duns ideais e remexer as conciencias utilizando como canle a lingua galega. Alí Benedicto, Xabier, Vicente, Xerardo e Guillermo, ante un público totalmente entregado e cobizoso de escoitalos e arroupalos, debullaron poemas de Manuel María, Celso Emilio e Lois Diéguez entre outros. Sete meses despois deste primeiro recital na facultade de Medicina, os mesmos compoñentes do grupo deron o seu primeiro recital público no Cine Capitol de Santiago, baixo o nome de "Voces Ceibes".

Este festival foi presentado por Manuel María e a el asistiu tamén Manolo Conde que viña como representante da casa EDIGSA pois estábase barallando a posibilidade de editar as súas cancións na editorial EDIGSA-XISTRAL fundada e dirixida por Manuel María. Foi Manolo Conde, un toledano que falaba galego e que estaba casado con Anita, unha galega de Miño, o que espallou os panfletos en galego asinados pola Unión do Povo Galego (UPG) que apareceron de súpeto voando polo ar enchendo a sala do cinema.

Hai un ruxe ruxe que trata de vencellar a creación e vida deste grupo de Voces Ceibes co Partido Comunista de España (PCE) pero os feitos indican outra cousa. É certo que algún dos seus compoñentes eran do PCE como Benedicto e Xerardo, (quen se desvencellou do PCE dous anos despois), pero o grupo estaba formado por máis xente, como Vicente, Guillermo e Miro, que nada tiñan que ver co PCE o mesmo que outros dos que conformaron a Nova Canción Galega como Xoán Rubia, Suso Vaamonde, Jei Noguerol etc.

Os feitos obxectivos amosan que partido respaldou e se implicou totalmente na promoción da Nova Canción Galega, resumidos para non alongar a exposición, son:

- O primeiro recital público que deron foi no Cine Capitol e o permiso gobernativo foi solicitado por Suso García Devesa en nome da agrupación cultural "O Galo". A presentación do recital correu a cargo -como xa se dixo- de Manuel María. Nin O Galo nin Manuel María nada tiñan que ver con PCE como é público e notorio.

- O cartel anunciador do recital foi confeccionado por membros da "Estampa Popular Galega" e concretamente por Xabier Pousa e Reimundo Patiño, que eran da UPG.

- O representante que mandou a casa discográfica EDIGSA para asistir ao recital e ver a posibilidade de gravarlles os discos, foi Manolo Conde que era da UPG.

- A editorial discográfica que gravou os discos "EDIGSA-XISTRAL" foi creada por Manuel María onde xa gravara o seu famoso primeiro disco titulado "Acuso a clase media". Penso que non fai falla dicir á que partido pertencía.

- O poeta que máis musicaron foi Celso Emilio, xunto con Manuel María e Lois Diéguez. Todos eles vencellados á UPG.

- Xoán Rubia, cantautor que xurdiu pouco despois, deu o seu primeiro recital nun piso particular en Santiago ao que asistiu Ferrín expresamente para escoitalo por se cumpría que gravase un disco en EDIGSA, cousa que ocorreu. Penso que tampouco fai falla dicir á que partido pertencía Ferrín pois tamén é público e notorio.

- A UPG procurou arranxar recitais en canta vila e lugar había, xa fose en locais privados ou públicos, por medio de organizacións culturais ou por persoas particulares. Como foi moita xente a implicada, é posible que algún deles fora xestionado por xente do PCE.

E por último pra non alongar mais isto, o representante de EDIGSA en Galiza e quen distribuía os discos de Voces Ceibes era eu, que tamén nada tiña que ver co PCE, e si coa UPG.

Xesús Sanxoás Formoso é avogado. Foi sancionado coa perda de curso en 1968 como dirixente nas mobilizacións do movemento estudantil compostelano. Detido, foi xulgado polo Tribunal de Orde Pública (TOP). Foi novamente detido en Vigo en agosto de 1975. Dirixente da Unión do Povo Galego durante a ditadura franquista, ocupando diversas responsabilidades executivas no partido.