Alfredo López Ferández

A interacción das candorcas con veleiros

Achegabámonos anteriormente ao asunto das candorcas con humor, e éche cousa seria. As candorcas (Orcinus orca) que habitan a Península Ibérica, normalmente obsérvanse na primavera e no verán alimentándose de atúns na súa entrada ao Mediterráneo, o Estrecho de Gibraltar. Considéranse unha subpoboación diferente ás do resto do Atlántico, parentes seus serían as observadas nas […]

18 Novembro, 2020 Listaxe de artigos do colaborador 46 Leituras
(0)

Achegabámonos anteriormente ao asunto das candorcas con humor, e éche cousa seria.

As candorcas (Orcinus orca) que habitan a Península Ibérica, normalmente obsérvanse na primavera e no verán alimentándose de atúns na súa entrada ao Mediterráneo, o Estrecho de Gibraltar. Considéranse unha subpoboación diferente ás do resto do Atlántico, parentes seus serían as observadas nas augas das Canarias e ambas estarían xeneticamente illadas das que habitan augas norueguesas e islandesas. Normalmente ao final do verán obsérvanse ao pasar pola costa do Algarve cara a Galiza.

Os contactos de candorcas son de dous tipos: avistamentos ou interaccións

Os encontros, ou contactos, coas candorcas clasifícanse como avistamentos se os exemplares son simplemente observados, e ignorando calquera motivo ao seu redor, ou como interaccións se se achegan ou mostran interese polos barcos. As interaccións son diversas e teñen en común o achegamento ou o contacto físico dos animais co casco.

Dende o mes de xullo detectáronse corenta e dúas interaccións de candorcas con barcos, sobre todo veleiros: SEIS no Estrecho de Gibraltar, DOCE na costa portuguesa e VINTECATRO ocasións diferentes desde mediados de agosto, en Galiza, onde tamén se rexistraron avistamentos ao longo da costa, algúns incluso nas praias.

Desde o 10 de agosto, as candorcas comezaron a rexistrarse no seu paso pola costa de Galiza, o 19 de agosto detectáronse un total de 13 exemplares distribuídas en tres grupos, realizando as interaccións con barcos só un deles. O seu paso pola costa galega rexistrouse entre 2-6 millas de costa. Trasladáronse ao norte de Cabo Ortegal e posteriormente regresaron ao sur de Fisterra, rexistrándose a última interacción o 30/09, logo pasaron cara a Portugal de novo.

Os barcos protagonistas destas interaccións foron inspeccionados para comprender mellor como se produciron as interaccións e que tipo de contactos tiveron lugar, en base a marcas atopadas ao redor do casco ou algún sinal de contacto físico dos animais coa estrutura do veleiro, limitándose case exclusivamente a contactos cos lemes.

Só o 12% dos contactos coas candorcas foron interaccións con danos nos veleiros

O resumo da presenza de candorcas en Galiza é que desde o 10 de agosto rexistráronse 84 contactos, dos cales o 50% (42) foron avistamentos e o 50% (42) de interaccións con barcos, dos cales o 13% non tivo consecuencias para os barcos, o 24% presentou consecuencias leves que non impediron a navegación e o 12% dos casos presentaron consecuencias de consideración variable e que impediron a navegación.

En ningún caso a integridade das persoas humanas estivo en perigo pola actividade directa das candorcas, aínda que houbo algunhas situacións de risco cando se deron lugar interaccións nocturnas e duradeiras, o movemento brusco da roda do leme ou os xiros do barco, o que causou angustia ás tripulacións polo descoñecemento sobre a especie e o seu comportamento.

Grupo de traballo Internacional Candorcas Atlánticas
Creouse un grupo de traballo internacional de expertos en cetáceos e administracións competentes, con gran coñecemento da casuística e comportamento das candorcas, a súa función foi analizar os casos e manteñen contacto permanente con SOS-Galicia, Salvamento Marítimo, Ministerio de Transición Ecolóxica e Xunta de Galicia para recoller toda a información. O grupo científico está composto por Alfredo López da Universidade de Aveiro-CESAM e Jose Cedeira da CEMMA; Cristina Martín de TURMARES Tarifa e Ezequiel Andréu Cazalla da Asociación Garum Tarifa, Rocío Espada de Ecolocaliza e LBMarina da Universidade de Sevilla, Francisco Martinho de ECCO Ocean, Marisa Ferreira de SPVS e Ruth Esteban do Museu da Baleia da Madeira. Tamén se conta coa presenza de Elvira García Bellido do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Desafío Demográfico do goberno de España e de Marina Sequeira do Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas de Portugal.

As GLADIS, implicadas nas interaccións, son candorcas novas e coñecidas no Estrecho

Ao longo das diferentes interaccións en Galicia observáronse entre 1 e 6 candorcas, aínda que é de 1 a 3 as que parecen ser as máis observadas, no 66% das interaccións.

Estas tres candorcas recibiron o nome das GLADIS (NEGRA, BRANCA e CINCENTA) e foron identificadas como exemplares observados en anos anteriores no Estrecho onde se observaron de xuño a agosto deste ano, tendo constancia da nai da GLADIS NEGRA acompañando un grupo próximo a elas, ao menos no Estrecho e costa de Portugal.

É difícil adxudicar exemplares xuvenís a un grupo determinado, xa que non son tan maternos dependentes, e, polo tanto, cambian de compaña con moita frecuencia, especialmente se hai outros xuvenís ao redor. Ademais, nas observacións realizadas nas interaccións, non se obtiveron imaxes do resto do grupo, polo que non puido ser identificado.

As lesións nos costados das candorcas nesa zona xeográfica do Estrecho son relativamente comúns e son causadas pola fricción das liñas de pesca cando intentan obter atún que mordeu o anzol e que está atrapado nunha arte de pesca. Observáronse lesións nos corpos das dúas GLADIS identificadas no Estrecho de Gibraltar, a NEGRA e a BRANCA, con marcas que aparecen sucesivamente nos seus corpos e de xeito máis intenso entre o 20 de xuño e o 3 de agosto.

Os expertos cartografaron e describiron as lesións corporais, nunha representación corporal de cada un dos exemplares, para tratar de esclarecer a súa orixe no caso de que poidan ofrecer pistas á hora de buscar unha explicación destes comportamentos. Destacando as marcas identificadas como de orixe antrópica ou aquelas feridas abertas que poidan suscitar dúbidas.

As marcas observadas son meticulosamente detalladas baseándose na serie fotográfica submarina realizada nas candorcas localizadas por Francisco Gil. Fotografías cedidas polo Departamento Científico de Turmares Tarifa, tomadas polo fotógrafo Rafael Fernández Caballero, co permiso do MITECO.

O desencadeante deste comportamento puido ser un incidente aversivo
As interaccións de candorcas xuvenís con barcos de varios tipos, para satisfacer a súa curiosidade, son comúns nas augas do Estrecho de Gibraltar. Sendo especialmente atractiva para os cetáceos en xeral e para as candorcas en particular, a parte traseira dos barcos, a popa, onde hai estruturas móbiles e ruidosas.

Todos os achegamentos observados, no momento de iniciación dunha interacción, son comúns a outras situacións verificadas previamente, aínda que as GLADIS introducen unha novidade de comportamento, sen precedentes, debido á evolución do contacto físico coa estrutura máis débil do buque, que é o leme, ocasionando rotura de parte ou do mecanismo cando son manipulados polas candorcas.

Considéranse varias hipóteses que expliquen o desencadeante deste estraño e novidoso comportamento

1.- Un comportamento auto-inducido polo seu propio interese e curiosidade, dado que ao tocar partes móbiles do barco poden mover o chegar a deter un grande obxecto en movemento.

2.- Un incidente aversivo que as candorcas tiveron cun barco, no que a velocidade do barco podería ser un compoñente crítico. Polo momento aínda non hai evidencias de cando ocorreu, nin sequera de que tipo de barco podería estar implicado ou se o incidente foi accidental ou intencionado. A partir deste suceso, aversivo para as candorcas, desencadeouse unha sucesión de comportamentos en presenza dun veleiro e que remata cun comportamento preventivo consistente en frear a súa velocidade manipulando o leme. Non se descarta que un veleiro poida estar involucrado no incidente ou que as candorcas identifiquen aos veleiros como barcos máis accesibles que outros con estrutura e características diferentes.

(0)
0 Comments

Submit a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados