A imaxe dos espellos


Un espello devólvenos unha imaxe cambiada da realidade que reflicte. Unha televisión, cando menos nos tempos actuais e no que a información se refire, ensínanos unha imaxe deturpada da realidade política. Tamén da realidade social, o que ten logo tradución política.

Hai anos, na realidade televisiva, a delincuencia chegou a ser o maior problema percibido pola sociedade ao tempo que as costas se ateigaban de persoas estranxeiras que, escapando da miseria e da explotación, procuraban arriscadamente unha vida mellor. Ao unísono, sen descontinuidade nas informacións, sucedíanse os relatos de delincuencia menor, en aumento a medida que se repenicaban as novas, coa masiva afluencia de persoas inmigrantes ás costas. Non faltou tempo para aprobar unha nova lei de estranxeiría que deixaba en papel mollado dereitos humanos e liberdades fundamentais asentadas desde había décadas na maioría de tratados internacionais.

Mentres iso acontecía, a criminalidade maior, que desbaldía entidades financeiras de base social e multiplicaba as prácticas corruptas nas institucións públicas, apenas ocupaba titulares. Era unha realidade, porén oculta neses medios de comunicación e por iso sen ocasionar a mínima preocupación social nin política.

Agora, nesa realidade televisiva, que malia ser un mundo especular, aspira a que se perciba como a única posíbel, levan tempo a alarmarnos dos desafíos soberanistas, da catástrofe que acaerá en base a separacións traumáticas, de como serán aillados determinados pobos de teimar en decidir sobre o seu futuro. Como no anterior exemplo, ao tempo que esa apocalipse é aventurada, apenas se informa sobre as consecuencias, xa reais, do centralismo e monopolismo en determinadas elites e conglomerados económicos e empresariais para as maiorías sociais, en todo o Estado español, mais especialmente en nacións periféricas do Estado. Non veremos tertulias económicas que expliquen as nefastas consecuencias prácticas, sobre todo en canto á apropiación de recursos, que conlevan decisións adoptadas nos últimos anos de grande relevancia, como por exemplo, o afianzamento do oligopolio bancario e eléctrico arredor do centralismo madrileño e a relación directa diso co incremento dos custes de servizos esenciais en época de fonda crise económica, a privatización deseñada e executada desde o centro de infraestruturas básicas como os aeroportos para moitos territorios que asisten só como espectadores a ese proceso, as decisións sobre as regras de xogo comerciais seguindo patrón que interesa aos grandes distribuidores comerciais que se aplican dun xeito homoxéneo tanto a cidades de todo tamaño e vilas, ou a concentración dos recursos fiscais a través da ficción de recadalos pola mesma ventá –dependente claro está de Madrid- que prioriza atender os seus gastos (defensa, administración central, representación exterior) antes que os sociais que dependen das administracións periféricas, malia ser este social e distributivo (sanidade, educación, servizos sociais).

A pesar do empeño en agochar esa realidade, teñen que facer visíbel a reacción ás consecuencias que provoca, expostas publicamente por unha ampla maioría social, claramente máis presente nestes momentos en Cataluña. E para iso, tanto se vale da crítica fanática sen contrastar coa parte contraria (cantas veces se fala dos nacionalismos nas televisións e que poucos instantes aparecen os seus portavoces lexítimos a expresar en primeira voz os seus argumentos), como de representar unha e outra vez a función acaída para sortear o momento político: o bipartidismo de sempre con outro bipartidismo renovado, que acabará formando un cuatripartidismo, iso si, ancorado nun centralismo retocado mais de raíz similar á do deseño pactado hai corenta anos.

A representación que ofrecen as televisións non é casual. Segue un patrón lóxico, onde hai moitos aspectos da realidade que se ocultan e moitos outros que monopolizan a difusión informativa. A representación política dos medios televisivos, que se reproduce extensamente ao longo de todo o espectro mediático, está insertada nese proceso de combate ao rexurdir do nacionalismo no Estado español como consecuencia do incremento das contradicións económicas do Estado español que se agudizaron como consecuencia da crise. E xa ten os seus efectos políticos, como acabamos de ver nas recentes eleccións, onde alternativas cun inxente traballo nos platós mais con apenas experiencia social nin base organizada, atinxen importantes espazos de poder. E esas alternativas seguirán medrando en tanto alimenten o debate escenificado, onde unicamente teñen cabida pór de manifesto contradicións socias mais nunca nacionais, cando moitas daquelas, sobre todo no caso de Galiza, teñen unha fonda razón nacional. Nesta tesitura, tampouco pode escapar a esa lóxica, que calquera achegamento a esas alternativas ten que arrombar a un lado, secundarizalas, as demandas nacionalistas para non descolocalas da posición no taboeiro mediático que se lles outorgou e que prefixará a súa colocación na esfera política e institucional, xa que do contrario poría en serio perigo o seu ascenso fulgurante, non vaia ser que tamén comecen a pór o aceno na contradición nacional, a realmente secular no estado español, e se desconxunte a realidade televisada que aspira a seguir reflectindo o ideal estatus político unitario.

Poucas veces o éxito vén da man da improvisación. Pode suceder, mais sería excepcional cando hai moitos intereses en xogo, por riba de todo nestes intres a renovación dun modelo político sen causar sobresaltos aos poderes económicos. Así, mentres se acepten as regras e a linguaxe de quen manda, mesmo será posíbel a que unha mesma opción política teña significados diferentes, como na conversa ideada na Alicia de Lewis Carrol. Incluso se chegará ao convencemento de que se pode derrotar só co empuxe mediático e comunicativo a unha férrea estrutura de poder e o seu entramado institucional, e tamén –como non- se poderá crer que a marea condúcenos cara terra firme e liberada cando nos arrastra de novo ás tempestades do mar adentro.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.