A estafa piramidal volta a Galiza

A estafa piramidal volta a Galiza

As empresas de venta directa con sistema piramidal mobilizan millóns de euros que van parar sempre a uns poucos. Precisamente agora, ante a necesidade de emprego, moita xente deposita a cegas a esperanza nelas. Hai que ver como danan económica, psicolóxica e fisicamente á xente.

Chegan a Galiza empresas que enmascaran o método de venta do sistema piramidal e chámanlle multinível ou duplicación, pero o resultado sempre é o mesmo, cando se analizan os plans de marketing resulta que a venda é un sistema piramidal.

Para ingresar neste sistema, o aspirante a vendedor deberá firmar un acordo, mercar unha suma de productos e comprometerse a acadar os obxetivos que lle foron impostos. Nun principio os custes non son moi significativos, mais conforme avanza a actividade, chegar ás metas implica un desembolso cada vez maior que nunca coincide cos ingresos prometidos.

O sistema de captación de persoas sempre é o mesmo. Unha persoa de boa reputación (como no caso que eu coñezo) un directivo dun Banco da localidade que recomenda e convida a acudir a unha xuntanza nun hotel de catro estrelas da capital da nación para un negocio redondo. Os posibles candidatos vanse someter a un control psicolóxico, onde lle demostran como familias ilustres, caso dos Urquijo en España, estaban arruinadas e hoxe son multimillonarios. Todas elas referencias de prestixio.

Partindo destas mentiras case calquer artígo ou servizo é comerciable. O que se está intentando introducir agora en Galiza é a venda piramidal dos servizos de telefonía. Pero o que convén suliñar é que o que menos importa neste tipo de negocios é o producto ou servizo. O importante é ter o maior número de persoas traballando para eles.

Dende que a xente con dificultades económicas ingresan na rede, son obxeto dun intenso bombardeo psicolóxico coa finalidade de inculcarlles unha mentalidade positiva e interiorizar a idea de que un pode e debe cumprir os obxetivos, e decir, vender ben o producto ou servizo en cuestión e motivar acaidamente aos vendedores que están ao seu cargo para que fagan o mesmo. O primeiro obxectivo destes vendedores é intentar convencer aos máis coñecidos: amigos íntimos e familiares.

Un dos atractivos para desenvolver a actividade é a introducción da idea de que se trata dunha actividade complementaria ao traballo, que se pode facer en tempo libre. Pero segundo pasan os meses, a tarefa comercial e de convencemento comeza a absorver cada vez máis tempo porque o importante para este tipo de organizacións sectarias é estructurar a semana de xeito que non queden ocos libres coa finalidade de evitar a distracción ou replantexar a situación do estafado.

Mais o adoutrinamento e a manipulación non rematan nas reunións, senón que o lavado de cerebro que lle fan aos vendedores que comezan neste tipo de organizacións tales como seminarios, casetes, eventos, cursos de capacitación, etc., están dirixidos a moldear a psique do candidato e lucrarse del.

Mais alá do aspecto legal destes sistemas de comercialización, coma os servizos de telefonía móbil que intentan introducir no caso de Galiza, o certo é que este tipo de negocio en cadea, tén tantos eslabóns que cando chega ao consumidor final, o prezo é comparativamente moi alto respecto a outros similares que circulan polo mercado, e por conseguinte a cadea racha. Os estafados venden cantidades moi pequenas do producto ou servizo e de acordo ás marxes que lles quedan, non lles chegan para o ingreso mínimo legal.

Todo o esforzo que fixeron os que se introduciron na rede non cumpren coa promesa de que chegarán as cantidades astronómicas. Non só perderon os cartos e o tempo, senón que sofren moito dano psicolóxico e físico.