19:17 Martes, 27 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

Quen somos

A FUNDACIÓN

Fundación Bautista Álvarez


O editor da edición dixital do “Terra e Tempo” é a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. Constituíuse en xullo de 2004 a iniciativa da Unión do Povo Galego (UPG), cadrando coa celebración dos corenta anos de vida deste partido político. A Fundación é a única responsábel da xestión deste dixital.

É unha Fundación sen ánimo de lucro e ten personalidade xurídica propia, estando clasificada de Interese Cultural pola xunta de Galiza, segundo resolución publicada o 19 de outubro de 2004 e inscrita no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego co número 2004/20.

A Fundación Bautista Álvarez, editora única do Terra e Tempo, expón as súas opinións colectivas por medio dos artigos que van asinados como "Xunta Directiva da Fundación" e "Editorial". Do resto de artigos asinados persoalmente a Fundación non asume necesariamente o seu contido nin se responsabiliza legalmente del, sendo unha opinión exclusivamente atribuíbel aos ou ás súas autoras.



OBXECTIVOS


A Fundación Bautista Álvarez ten, entre os seus obxectivos, promover a recuperación de toda aquela documentación, sexa gráfica, escrita ou nouto soporte, que se xerou ao longo do século XX e que constitúa elemento de identidade do movemento nacionalista galego, especialmente na segunda metade do século.

Tamén é centro de documentación, consulta e estudo sobre as actividades das organizacións nacionalistas xurdidas no século pasado e nas que a UPG, ben de xeito directo ou indirecto, participou na súa xestación ou promoción.

Tamén está entre os seus obxectivos difundir entre os galegos e galegas os estudos sobre a realidade da nación galega e a súa sociedade que contribúan a un mellor coñecemento da realidade da Galiza e do mundo e inflúan para desenvolvermos unha sociedade plenamente democrática.



TERRA E TEMPO


Unha das actividades da Fundación Bautista Álvarez é a edición de revistas, primordialmente da cabeceira histórica Terra e Tempo, editada pola UPG desde 1965 até o 2003. A revista Terra e Tempo, desde xullo de 2004, pasa a editarse dun xeito autónomo da UPG, o que lle permite un ritmo de traballo propio. Ao mesmo tempo segue a liña editorial que viña mantendo desde a súa fundación, animado polo ideario nacionalista.

En 2010, aos 45 anos do seu primeiro número, comeza a andaina da versión dixital do Terra e Tempo, tendo a mesma unha intencionalidade máis dinámica e de actualidade. A revista en papel seguirá mantendose con traballos de maior extensión e profundidade analítica



Listaxe de ligazóns

© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal