Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-10-2010

Este días está a debate na rúa a Lei de Augas de Galiza e todo o que vai supor o cobro dos novos canóns para os galegos e galegas

Cando a auga se convirte nun medio recadatorio

ROCÍO GARRIDO CARAMÉS


Dende a Xunta atoparon a forma de recadar indirectamente e para iso nada máis sinxelo que redactar e aprobar una Lei de Augas que substitúa o actual regulamento e claro so fai falla ler a memoria xustificativa onde queda máis que claro o afán recadatorio baixo o lenzo dunha política de recuperación do custes dos servizos.

Na lei deixan claro que o que non pague o canón poderá ter unha sanción de ata 30.000 euros, e para non variar os máis prexudicados son os habitantes do rural, que verán como pagan máis tributos por un ben de necesidade.

En moitos pobos e aldeas a maioría das casas teñen un pozo de auga caseiro propio, uns máis antigos que outros ou con maior capacidade ou menos, poden ser de barrena ou artesáns. Pozos que subministran a auga para o consumo propio da familia e agora con esta nova lei hai que por un contador homologado e senón toca pagar a sanción correspondente.

Moitas familias tiveron que facer estes pozos porque en moitos núcleos rurais non hai rede de abastecemento de auga e si queres auga non lle queda outra que facer un pozo, e xa non so iso, hai que mantelo en condicións saudables, limpa-los e incluso amplialos cando teñen unha capacidade escasa.

Si a rede municipal se atasca ou se contamina o concello faise cargo dos gastos, así como o mantemento da propia rede pero si o pozo sofre avarías a quen lle toca sufragalas? O propietario que o fixo que inda por riba de costear a súa construción, de facerse cargo do mantemento e de sufragar as avarías ten que pagar o canón da nova lei de Feijoo.

Que fácil é cobrar por un servizo que moitos galegos tiveron que rascarse os petos para telo porque a Xunta ou o goberno de quenda do concello non lle ofrece outra alternativa. Esta lei sanciona " a apertura de pozos e a instalación neles de instrumentos para a extracción de augas subterráneas" pero non ofrecen alternativas, e todo isto formula que vai pasar con todos os pozos que hai hoxe en día que carecen de autorización.

Moitas veces carecen de autorización non por obrar mal ou non dar parte da súa construción ao organismo competente senón porque hai moitos que superan o medio século de idade e seguen abastecendo as casas dos propietarios.

A posíbel baixada da cota só se vai aplicar cando non existan os servizos públicos de abastecemento de auga pero inda así toca pagar pola auga que consumas do teu pozo, e senón hai rede pública e necesitas auga e tes que facer un pozo non lle quedara outra que aboalo integramente, por o contador e pagar relixiosamente o novo canón.

Pero tamén hai que pensar nos galegos que combinan o uso do abastecemento público para o uso do fogar e familiar e a do pozo de auga para regar as colleitas e outros usos, aforrando o gasto da auga pública. Van pagar dous canóns?

E que vai pasar cando a auga do abastecemento público non sexa potable e se volva a recorrer ao pozo da casa?

Moitas son as dúbidas que se expoñen e cando intentas buscarlle solución chegas a unha conclusión clara: esta nova lei nace baixo o afán recadatorio.

A auga é un ben de primeira necesidade e polo tanto debe regularse para que no día de maña non teñamos problemas de abastecementos pero o que non se pode facer é especular con este ben. Non hai moito Galiza era coñecida como a terra dos mil ríos, en poucos anos pasamos a ser a terra dos encoros e do milleiro de minicentrais na era de Fraga e agora pasaremos a ser a terra do milleiro de contadores "Feijonianos".