Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
23-09-2010

Asistimos á maior ofensiva contra os peares do chamado “modelo social europeo”

Para paralos hai que parar!

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS


En marzo de 2010 iniciaba as miñas colaboracións no Terra e Tempo, cun artigo adicado ao Gobernador do Banco de España titulado "O Señor Gobernador ataca de novo".

Naquel artigo aludía ao intento de divorciar economía e política, de facer crer que só hai unha política económica posíbel  e, xa que logo, confiar o seu deseño a órgaos de aparencia técnica e independente, non suxeitos ao control político democrático. O intento de desprestixiar a política, alertaba, ía tamén nesa dirección.

Decia todo iso a colación das propostas de Miguel Angel Fernández Ordoñez, Gobernador do Banco de España.

Seis meses despois, todas as propostas defendidas polo Banco de España -coincidentes,  polo demais, coas receitas do FMI, do Banco Central Europeu ou do Ecofin- foron seguidas polo Goberno español ao pé da letra: recorte drástico do gasto público, en particular na súa vertente produtiva e social; reestruturación do sector financeiro para diminuir o peso das caixas  e bancarizalas;  abaratamento do despido...

E seis meses despois, ao fomento do antipoliticismo súmase agora a campaña de desprestixio do movemento sindical.

A cruzada da baronesa de Madrid, Esperanza Aguirre, contra "o despilfarro" dos liberados sindicais é só un episodio máis desta campaña. A mesma aforradora baronesa que destina inxentes recursos públicos a centros de ensino católicos e ao encontro do Papa coa xuventude ou  outorga a xestión da sanidade pública a empresas privadas. As mesmas políticas que en Galiza impulsa Feixóo.

Atacando ao movemento sindical queren acabar cun dos últimos diques para consumar o  derrubo do xa raquítico "estado do benestar".  A propia reforma laboral que motiva a convocatoria de folga ataca a negociación colectiva, pear básico da acción sindical.

Atácase ao movemento sindical por convocar unha folga  "inoportuna", pois a situación  económica sei que non está para folgas  (cantas horas de traballo se perderon para ver as glorias da "roja" coa  complacencia xeral?).

Dísenos tamén que a folga de nada serve, pois a reforma laboral xa está aprobada e en vigor.

Fronte aos que acreditan na pouca utilidade da convocatoria de folga,  permítanme uns pequenos recordatorios.

O FMI, a Comisión Europea, os grandes poderes que nos tutelan, louvan as medidas de axuste do goberno, pero advírtenlle que non chegan, que fan fallan "máis reformas estruturais".

O Sr. Gobernador do Banco de España, que tanto ilumina ao Goberno, ven de afirmar que a reforma laboral "é insuficiente".

E o goberno español, obediente el, toma boa nota:

Anuncia para fin de ano  unha  reforma das pensións que terá como eixos o retraso da idade legal de xubilación até os 67 anos, o aumento dos anos de cotización para poder acceder ás percepcións e o incremento do periodo de cómputo, que provocará unha diminución da pensión media.

Doutra banda, enceta a subasta do patrimonio público e o camiño para a progresiva privatización de infraestruturas e servizos. Servan os seguintes exemplos para ilustralo:

- O novo modelo de xestión aeroportuaria terá como característica principal a entrada de capital privado na sociedade que explota os aeroportos, no camiño da súa total privatización.

- O Goberno está derivando as principais actuacións en materia de infraestructuras a "plans de colaboración público-privada". Á parte de representar unha hipoteca futura para as finanzas públicas, ábrese á porta para que as actuacións nesta materia estean submetidas aos intereses do sector privado -grandes constructoras- e as  prioridades que estas definan.

- En congruencia co devandito, dísenos que se acabou o "todo gratis" (como se non custearamos as infraestructuras e servizos públicos cos nosos impostos), que hai que implantar un modelo de "pago por uso". (Que ninguén o dubide, primeiro serán as infraestructuras, despois serán servizos públicos como a sanidade ou o ensino).

Asistimos pois, á maior ofensiva desde o inicio da democracia contra os peares do por eles chamado "modelo social europeo" para abrir  camiño a un capitalismo salvaxe. Unha ofensiva, curiosamente, protagonizada por un Goberno que se di socialdemócrata. Para que trunfe teñen que desarmar á sociedade, facernos crer que non hai outras políticas posíbeis. Sementar resignación.

O día 29 está en xogo que o Goberno español e os poderes económicos se sintan lexitimados para seguir afondando nese camiño ou que a sociedade os faga parar.

O día 29 hai que vencer á resignación.