Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
09-09-2010

As mortes no traballo deberan de ser todas iguais e as fazañas bélicas deixalas para as pantallas dos cines. Penso con Unamuno que a única revolución que deberían facer os militares sería a autodisolución.

Que se nos perde en oriente?

FRANCISCO CALO LOURIDO


As mortes no traballo deberan de ser todas iguais e as fazañas bélicas deixalas para as pantallas dos cines. Penso con Unamuno que a única revolución que deberían facer os militares sería a autodisolución.         

Nunca sentín a sensación de servir menos á patria sendo catedrático de xeografía e historia que na etapa na que fun sarxento de complemento no Mallorca 13 de Lorca, naquel afastado 74. Morren os militares no exercicio do seu traballo, remunerado, o mesmo que no seu afogan os mariñeiros, son esmagados os mineiros, queimados os bombeiros ou despenados os albaneis, e cada quen sente aos seus. A diferenza tralos falecementos duns e doutros traballadores e, conseguintemente, servidores da patria radica no tratamento post-mortem, na súa liturxia, nas condecoracións, non brancas, senón vermellas de guerra, que unicamente se conceden aos primeiros, así como nos subsidios, moi desigualmente repartidos, ás familias duns e doutros.

A política exterior española, desde a perda do seu papel de primeira potencia, iniciada xa naquela batalla de Rocroi de 1643, caracterizouse pola vocación ancilar e a carencia de obxectivos. Citemos dous exemplos. En 1857, na afastada Cochinchina, sufriron martirio varios misioneiros, entre os que cómpre destacar un dominico español que exercía a dignidade de bispo. Por aquí como se chovese, pero Francia -a que vencera en Rocroi aos terzos españois, comandados polo portugués Francisco de Melo-, que tiña intención de ocupar aquela zona asiática sen levantar demasiadas sospeitas aos ingleses, asentados xa na Índia e territorios veciños, convence a España de que hai que castigar aos que, co tempo, chegarán a ser vietnamitas. Envían eles 14 barcos e nós colaboramos, desde Filipinas, mandando o Elcano, que contaba coa terrible potencia de fogo de 2 canóns fronte aos 52 da fragata francesa Nemesis. Máis adiante irían outras embarcacións con máis soldados. Resultado: Tomamos Saigón, Francia queda de dona e señora do territorio, que era o que pretendía, e nós regresamos cheos de honor, de baixas e de gastos.

As 13 colonias británicas en América deciden independizarse. Francia -sempre Francia- envía na súa axuda tropas, barcos e materiais e alá vai tamén España, esquecendo que está a quentar o fermento para a independencia das súas propias colonias. O malagueño Bernardo de Gálvez loita na Luisiana e na Florida, conquista Pensacola aos ingleses e cóbrese de tanta gloria como de inmediato esquecemento. Sen a nosa axuda militar, incluído o préstamo en diñeiro que lles fixo Carlos III, terían os rebeldes graves dificultades para independizar as colonias do sur. E como nos pagaron a colaboración? Como se paga aos canciños faldreiros que corren e ladran a carón dos grandes: co desprezo, a indiferenza e, na fin, a amnesia.

O petróleo que hai en territorio islámico leva aos amos do mundo a Iraq e a Afganistán e alá imos nós tamén, outra volta, en calidade de comparsas. Iso si, para gozar de paisaxes agrícolas idílicas, como deixou dito o nefasto Trillo ou, se preferimos á marcial Chacón, para reconstruír os territorios que os nosos amigos ianquis vaian desfacendo e para levarlles a democracia, do mesmo xeito que os franceses de 1808 nos traían a liberté, égalité e fraternité. Santos á forza nin Deus os quere e nós, encirrados polos cregos reaccionarios (sempre que aventan morte ou aires de liberdade, andan polo medio cregos, con independencia do deus adorado na zona), aterrorizamos canto puidemos aos gábachos. Daquela, e despois -pensemos na praxe máis recente dos nazis-, cando había baixas por un atentado, obviamente terrorista, contra membros das forzas de ocupación, a vinganza na poboación civil era pública. Hoxe, por suposto, nada teñen que ver con esa odiosa práctica os obuses que caen entre mulleres e nenos que, malpocados eles, se poñen a celebrar vodas en época de guerra.

Alguén escribiu que a cova na que rematan repousando os seus ósos é a única patria do soldado, que, coitado el, loitou e morreu polos empresarios, coidando que o facía por aquela e, xa no século XIX, cando a Guerra de Crimea, se dicía que o mellor para o trigo de Castela, é dicir, para enriquecer aos terratenentes, era "auga, sol e guerra en Sebastopol". Ben sabemos que aos do PP lles vai moito o ardor guerreiro, sendo quen de conquistar "al alba, con viento fresco de levante" o penedo de Perejil, asustando, coma moito, ás cabras marroquís que alí pastaban; pero o PSOE está empeñado en facer bo aquilo de que os maiores defensores do orden establecido sempre foron os anarquistas que chegaron ao poder. Non sei a que agarda España para recobrar a cordura e, sobre todo, a dignidade. Señores do goberno, para cando a orde de facermos o macuto, volver á casa e deixar de malgastar vidas e presupostos?