Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
29-08-2010

Os españolfalantes conscientes, os que sustentan o proxecto españolista no noso país, non son bilingües, fan -se tal- un uso exclusivamente litúrxico da nosa lingua

Matinacións galego-portuguesas

XOSÉ MEXUTO

Desembocadura do Río Miño na Guarda


Voltaba eu dunhas breves ferias en Portugal cando estacionei o carro face as cabinas de portaxe, xa na Galiza. Chegou o momento de abonar a tarifa, tan disparatadamente alta como de costume, cando me dirixín na miña lingua á persoa que alí atendía o público, encarregada de receber o diñeiro estipulado para a seguir accionar o mecanismo que iría levantar a barreira e permitir que o carro continuase o seu percurso. Deitei unhas poucas palabras -fíxenlle unha pergunta do máis banal, onde está a gasolineira máis cercana-, suficientes para percibir que aquela persoa compuña propositadamente un aceno que abalaba entre o noxo e o desdén. Demorou uns longos instantes en me contestar, como se me quixese dar a entender que, malia eu ter utilizado o galego, se aviña finalmente a responderme. Xúrovos que tiven a sensación de que eu era un indíxena nun país colonizado e de que un funcionario dun servizo imperial me facía o favor de atenderme embora eu tivese cometido a ousadía de non falar na única lingua admisíbel, a dos colonizadores. 

En Portugal, en troca, falei galego en toda a parte sen ter o máis mínimo problema. Certo é que a maior parte dos meus interlocutores fixeron esforzos por empregar o español, por interpretar que o que eu falaba non pasaba de ser un mal portugués. Mais non sentín en nengún momento a prepotencia de quen axe como o dono do castelo frente ao servo da gleba. Mesmo as miñas tentativas de explicar sequer epidermicamente que o que eu falaba e o que eles falaban eran na esencia a mesma cousa acharon simpatía en algúns receptores do meu discurso, ou se callar simplesmente aquelas persoas estaban a exercer unha virtude que cada vez escasea máis cabo de nós, a da urbanidade, a da boa educación (debo dicer a este respeito que a sona de cerimoniosos que adoito se apón aos portugueses non é máis que a constatación de que formalmente son un pobo que ten bos modais, que costuma dar os bos días e dicer obrigado e obrigada, o cal non está nada mal, moito mellor que o retorno a casa, cando me dan os trocos na cafetaría dunha área de servizo, na autoestrada galega, e nin me dan as grazas nin se dignan en ollar para min, menos mal que non me cuspiron). 

Non seremos unha sociedade digna mentres non nos respeitemos a nós mesmos. Mentres non exixamos o cumprimento dos nosos dereitos. Si, exixir. Até cando imos tolerar que en servizos públicos (e a autoestrada, embora xestionada por unha empresa privada de capital estadounidense, é de titularidade pública) non se garanta o noso dereito a empregarmos a lingua galega sen por iso termos a sensación de que o que estamos a falar é serbocroata en Galiza? Até cando imos tolerar con naturalidade que antes de chegarmos á cabina de portaxe os cartaces nos anuncien que se achega o momento de pagarmos el peaje o the toll? Até cando imos admitir que as novas xeracións de galegos e galegas que en principio non teñen nengún preconceito lingüístico vexan con normalidade que a lingua orixinaria do País -a que se estendeu cara ao sul e alastrou até falarse en catro continentes- é preterida no seu propio territorio face a lingua española? 

Con frecuencia ouvimos voces do pensamento convencional a guindar o discurso supostamente ben intencionado de que o nacionalismo non pode monopolizar a defensa política da lingua galega. Mas se o nacionalismo non se ocupar do galego, quen o iría facer? O suposto galeguismo? Cal? Refírense ao que calou e outorgou cando Carvalho Calero foi defenestrado para un profesor vindo de Asturias se arrogar o status de normativizador da nosa lingua? Que galeguismo? Cal? Aquel que, contra toda evidencia empírica, continúa a defender a tese de o galego e o portugués seren linguas romances distintas? Ese falsario galeguismo nunca combateu o monstroso ideoloxema segundo o cal a sociedade galega é bilingüe e éo de forma harmoniosa e cordial, sen nengún conflito. Si hai bilingües en Galiza, os galegofalantes. Os españolfalantes conscientes, os que sustentan o proxecto españolista no noso país, non son bilingües, fan -se tal- un uso exclusivamente litúrxico da nosa lingua, e teñen como obxectivo o desaparecimento do galego como fenómeno social vivo en Galiza, porque visan con ese alvo a liquidación de calquera atisbo de conciencia nacional galega. 

E, como hai conflito, hai que tomar partido e facelo consciente e enerxicamente. Estase a facer. As mobilizacións de Queremos Galego -puladas con vigor polo BNG- fixeron saír á tona un país digno e merecente de respeito. É chave non perder os folgos e continuar furando. Destruír a ideoloxía oficial da harmonía que de tan cordial procura a nosa desaparición. Virármonos abertamente para a lusofonia, sen desmaiar ante a incomprensión portuguesa: estamos ante un traballo a medio e longo prazo, mais sen dúbida ante unha das chaves do noso futuro, non só do ponto de vista lingüístico e cultural, tamén económico e social. Non desvaloricemos que en certos medios intelectuais e científicos de Portugal, embora seguro que de forma tímida, se está a tratar a cuestión galega de forma máis despreconceituosa, como pon de relevo que na recente Historia de Portugal (publicada por A Esfera dos Livros e da autoría de Rui Ramos, Bernardo Vasconcelos e Nuno Gonçalo) se constata sen complexos que a denominación galegoportugués é máis apropriada que a de portugués para se referir á lingua que a comezos do século XIV a chancelaría rexia lusa decide utilizar, a desprazar o latín, nos textos xurídicos do Reino. 

Como xornalista asáltanme outras matinacións galegoportuguesas xa non directamente lingüísticas, desta volta sobre a calidade da imprensa dalí e a de aquí. Para non ficardes aborrecidos (e dado que xa vou polo terceiro folio), simplesmente deitarei unha pequena consideración: en Portugal, ao contrario do que no Estado español (e xa non falemos de Galiza), a conciencia nacional exprésase de forma natural e non impostada. Non hai nengún Imperio por detrás a distorcer feitos e a afogar voces, a estabelecer dogmas e a ditar excomuñóns. Os galegos do Sul que se separaron de nós a comezos do século XII para fundar vida propia como un reino independente findaron por mandar os seus reis para casa (este ano cúmprese o centenario da súa República) e acabaron democraticamente, vía rupturista, non reformista, co fascismo, pondo cravos na ponta dos fusís. Comparemos e tiremos conclusións.