Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
26-08-2010

Manipulación e calumnia ao facerse eco diferentes medios de comunicación respecto da suposta abstención da fronte patriótica á proposta de reforma laboral do goberno

Paremos a reforma laboral, non á manipulación informativa

Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez


A Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez considera inadmisíbel que a liberdade de expresión, un dereito conquistado na loita contra o franquismo,  réxime que gozou da connivencia de boa parte dos grupos mediáticos galegos poida ser un instrumento para confundir e desinformar á nosa sociedade. Non é de recibo tampouco, que a manipulación, a mentira e reinvención máis burda da realidade sexa norma habitual no particular código deontolóxico dos grupos de comunicación de Galiza. Así e todo que vaian sabendo, que o nacionalismo galego non vai tolerar na contra, vai combater o intento de linchamento mediático e distorsión da súas posicións políticas.

O silencio informativo en relación á postura do nacionalismo galego respecto da reforma laboral, o BNG foi a única forza política xunto a IU que presentou nas Cortes do Estado, unha emenda á totalidade ao texto da mesma, tórnase agora en manipulación e calumnia ao facerse eco diferentes medios de comunicación respecto da suposta abstención da fronte patriótica á proposta de reforma laboral do goberno.


A actitude dalgunha axencia de noticias, así como da case totalidade da prensa, radios e televisións do país que levaron á categoría de titular a "abstención"  do BNG á proposta de reforma laboral no Senado é unha absoluta falsidade na medida que os nacionalistas galegos non teñen representación na comisión da Cámara Baixa onde se debateu o proxecto de lei. Aínda máis, a oposición da organización política do nacionalismo galego ao texto, xa expresada no inicio do trámite parlamentario no Congreso dos Deputados no existiu no panorama mediático galego. Conscientes de que o alcance do comunicado do BNG difundido hoxe mesmo vai ser minimizado, queremos contribuír desde o Terra e Tempo a explicar a posición do nacionalismo neste tema e evidenciar a  dimensión da manipulación informativa.


O vindeiro 9 de setembro vaise someter á aprobación definitiva a quinta reforma laboral desde a aprobación do Estatuto dos Traballadores en 1979 elaborada igual que as anteriores cos obxectivos de combater o desemprego, aumentar a estabilidade laboral e mellorar as condicións de traballo. Estamos diante dun divertimento ideolóxico que pretende ofrecer cobertura á ofensiva de clase en marcha na perspectiva de reforzar as posicións do grande capital en detrimento dos intereses das maiorías sociais. A realidade é ben diferente, até o punto de que o Estado Español está a cabeza da Europa a 15 en perda de poder adquisitivo(9,2% desde o 2000), en taxa de temporalidade (2/3 da poboación activa) ou en diminución de custo laboral (sete puntos na última década). Porén,  resulta innecesario fornecer datos que evidencien a hipocresía que sustenta o discurso dominante, esta crise non ten unha orixe laboral e, polo tanto é incongruente atopar a solución á mesma no mercado de traballo.